Case sen contar véxome un venres as 9 da mañá almorzando
na Praza da Ferrería con vistas á Peregrina, nunha fugaz visita á cidade do Lérez
da que me quedo coa imaxe desta pequena e fermosa igrexa símbolo de Pontevedra.
Logo do almorzo, como tiña algo de tempo antes de atender
os asuntos que me levaron a Pontevedra, pareceume boa idea coñecer de preto a
Peregrina. Pasei noutras ocasión por aquí pero nunca me detiven moito a admirala de
preto e non accedera nunca ó interior, entón decidín que este era o momento perfecto para
facelo.


O que máis me sorprendeu foi o interior do templo. Dende o
exterior podemos ver que se trata dun edificio non moi grande no que se unen volumes
cúbicos a un corpo central curvado que se remata cunha bonita balaustrada de pedra. Pero o mellor estaba no interior, ó entrar topeime cun espazo circular cuberto por unha gran e fermosa cúpula. Non é un interior moi amplo, ó contrario, e xusto
por iso me resultou un espazo moi acolledor e con moita luz. De
feito a esas horas había varias persoas rezando e o escaso espazo da sensación
de maior intimidade. O que lle da grandiosidade ó interior é a gran altura que
alcanza a cúpula que remata nunha lanterna e un
cupulín, conseguindo máis altura o mesmo tempo que estiliza.

A planta circular da Peregrina débese, según conta a historia, a que o arquitecto que a ideou alo polo século XVIII o fixo tomando como inspiración a concha de vieira, símbolo da peregrinación a Compostela. Dende entón esta preciosidade barroca leva xa máis de dous séculos dándolle a benvida aos pelegrins que escollen o Camiño Portugués para chegar a Compostela e pasan por Pontevedra, onde son moi ben acollidos.
O resultado é un edificio realmente fermoso, moi equilibrado exteriormente e esbelto, que ó entrar te sorprende con esa gran cúpula, esa é a súa maxia. Isto pasa con moitos edificios relixiosos, por iso sempre que teñades ocasión entrade a descubrir que esconden nos interiores porque vos podedes atopar con auténticas belezas arquitectónicas como esta.
No hay comentarios:
Publicar un comentario