domingo, 29 de marzo de 2020

"Rupefert", o Castelo de Rocha Forte.

Para os que leeste o post sobre a novela “A Marquesa de Camba”, lembraredes que un dos escenarios onde transcorren os feitos é o Castelo de Ruperfert. No seu calabozo é asasinado D. Alonso Suárez de Deza, un feito que provoca os acontecementos que serven de base para a narración desa noveliña do século XIX,que cambian a vida da Marquesa para sempre.

Abril de 2.017
Ben, pois o Castelo de Rupefert en realidade é o Castelo da Rocha Forte, unha antiga fortaleza de orixe medieval, datada no século XII, que se localiza as aforas de Compostela no lugar da Rocha, ó lado do Barrio de Conxo. Alí, xacen os restos do vello castelo, alí quedou abandonado e esquecido durante séculos.

Como todas as fortalezas e castelos que sobreviven por toda Galicia, a súa orixe situase na Idade Media, arredor do século XII, aínda que as primeiras fontes documentais que se coñecen sobre este el datan do século XIII. E grazas a esas fontes documentais podemos coñecer parte da súa vida.

Por exemplo, sabemos que viviu o seu momento de máximo esplendor entre os séculos XIII e XV, que sufriu o ataque dos Irmandiños en 1467, durante as revoltas entre campesiños e señores feudais, momento no que comeza o principio do fin do edificio. Nos textos do coñecido como Pleito Tábera-Fonseca podemos ler os testemuños daqueles que o coñecían antes de ser atacado e que nos ofrecen esa visión previa do edificio, uns textos moi interesantes grazas os cales tamén podemos saber como era a desaparecida Fortaleza de Rodeiro. Dan a imaxe dunha edificación impoñente, un dos exemplos mais destacados de entre as fortificacións galegas.

Pola fontes documentais sabemos tamén que o castelo foi residencia arcebispal durante o tempo no que se executaban as obras do Pazo Arcebispal Compostelán, xunto á catedral. Tanto a antiga Fortaleza de Rodeiro como o Castelo da Rocha foron pasando de mans en mans ata ser propiedade da Igrexa , para logo quedar abandonadas e ser desmanteladas ó ser empregadas como canteiras, as casas que se levantaron na zona teñen nos seus muros a historia destas fortalezas, e no caso da da Rocha incluso se levou pedra para á catedral de Santiago, ata quedar finalmente esquecidas.

E no esquecemento permaneceu este castelo durante séculos, solo visitado por espoliadores e furtivos que buscaban tesouros. Ata que, fai unhas décadas, un grupo de veciños do barrio, conscientes de que viven nunha zona cun interesante patrimonio decidiron xuntarse para recuperar e poñer en valor o seu barrio e o seu patrimonio.
A estrela patrimonial do barrio da Rocha é sen dúbida o seu castelo, pero non é o único ben que comparte vida e historia cos veciños: petróglifos, mámoas,un castro, antigos muíños e pontes, unha fonte-lavadoiro, e mesmo o antigo trazado dun tramo do Camiño Portugués a Santiago, fan que mereza a pena darse unha volta por este barrio da periferia de Compostela.

A unión deste veciños e a súa loita, durante máis de 20 anos, por recuperar e poñer en valor aquilo que é seu, é todo un exemplo a seguir. Se dúbida a maior parte dos seus esforzos están centrados en recuperar e revalorizar os restos do seu castelo, un xacemento arqueolóxico, que está afectado nun lateral polo trazado da vía do tren, sobre o que se realizaron xa varias campañas de escavacións que aportaron moita información para coñecer e comprender a historia da fortaleza.

Con esforzo e moito traballo, os arqueólogos conseguiron sacar á luz os alicerces do edificio, muros laterais que sinalan o trazado da planta e outros estruturais que dividían estancias, anacos de pavimento, moreas de bolaños (esferas de pedra que se empregaban como “balas”), localizáronse lugares onde se gardaba gran, lugares de enterramentos e restos humanos. Consolidáronse estruturas e reconstruíronse outras, Acháronse restos de vidro, de cerámica, pezas de xoiería, moedas, chaves,… Conseguiuse facer o plano do edificio: a situación da torre da homenaxe no centro, torres circulares nas esquinas e cadradas nos centro de cada un dos laterais.

Os restos atopados fala dunha vida larga, dun importante edificio que foi centro de enfrontamentos en moitas ocasións, duns habitantes que tiveron unha vida dura, que pasaron fame e que morreron novos. E falan tamén das consecuencias do abandono, do desmantelamento e dos espolios sufridos durante séculos.

Unha mora de datos e información que, xunto coas antigas fontes documentais, permiten coñecer a cronoloxía e a evolución histórica do castelo, e todo iso grazas aos seus veciños que se uniron e traballan unidos, pelexando coas administracións, para recuperar un patrimonio que senten seu.

Así debe de ser, o patrimonio é un ben social e como parte da sociedade todos temos que traballar a favor da súa conservación, a través da divulgación, do seu mantemento, recuperación ou posta en valor.

Se queres saber máis sobre esta fortaleza, o proxecto de recuperación e posta en valor inclúe a creación dunha páxina web que ofrece moita información. Hai deixo a ligazón á web:




domingo, 15 de marzo de 2020

29 de febreiro en Aciveiro!


Fachada principal do Mosteiro.
Fonte: internet.
O paso natural que seguimos para viaxar de Rodeiro a Pontevedra é cruzando a Serra do Candán. Hoxe é unha carretera encostada e chea de curvas, pero os maiores contan que fai unhas décadas era aínda peor, eu xa non me lembro!. O Candán é un lugar agreste, unha paisaxe típica do interior galego de monte raso e habitada no máis alto da Serra por xigantes aeroxeneradores e enormes torres de alta tensión, xuntos soportan os envites do mal tempo de inverno. Chaman a atención as poucas e dispersas aldeas que podemos distinguir protexidas nas bagoadas naturais da serra. Todo iso fainos imaxinar o dura que tivo que ser a vida neste lugar nos antigos invernos, hoxe moito mais suaves e levadeiros grazas as novas vías e formas de comunicación.

Ó cruzar o alto da serra sorprende atopar de fronte, a un lado da carretera cun gran edificio de pedra: o Mosteiro de Santa María de Aciveiro, levantado polos monxes da Orde do Císter aló polo século XII.

A sede oficial da Orde estaba en terras francesas, dende alí propuxéronse estender a relixión cristiá máis ala da súa terra. A Galicia chegaron atraídos polo descubrimento dos restos de Santiago, o nacemento da Ruta Xacobea e a devoción a este Apóstolo. A eles lles debemos, entre outras novidades, a construción dos grandes mosteiros e pequenas igrexas que se reparten por todo o rural galego, e que seguen os postulados da Orde e o estilo arquitectónico de moda da época: o Románico.

Para asentar as súas novas congregacións e construír os mosteiros elixía lugares afastados da civilización, moitas veces de difícil acceso dificultando as visitas. Buscaban facilitar a tranquilidade e a paz para evitar as distraccións dos monxes, o seu lema era “ora et labora” (rezar e traballar). Non é de estrañar que na Ribeira Sacra se localicen tantos antigos e fermosos edificios do Císter.

Interior da igrexa.
Destaca a altura e a bóveda
que cubre a ábside.
Pero volvendo ó Alto do Candán e a Aciveiro, ó chegar alí é inevitable pensar no duro que debía ser chegar ata el no inverno en plena Idade Media e nos séculos seguintes. A pesares diso, ou grazas a iso, o mosteiro alí segue, despois de séculos de vida, sobrevivindo ó paso do tempo e adaptándose aos cambios da vida e da historia que lle tocou vivir. Naceu como mosteiro albergando a 12 monxes do Císter, e así foi ata a desamortización de Mendizabal en 1836. A partir dese momento o edificio tivo varias funcións, como hospital ou centro de formación, ata chegar a ser hotel monumento no que se celebran cada ano ducias de eventos tan especiais como o que nos levou ata alí o pasado 29 de febreiro.

Ó longo de todos estes séculos ademais de irse adaptando as diferentes funcións e usos que o encheron de vida e de experiencias, tamén se foi mudando arquitectónica e estilisticamente e o edificio adaptou a súa imaxe as diferentes modas que ían surxindo.

Do románico orixinal consérvase a igrexa. Dende fora xa se aprecia o seu gran tamaño, ó acceder resulta moi ampla e tamén acolledora. En canto á decoración, o exterior e austero e semella un edificio pesado, todo o contrario que no seu interior. Alí sentada nun dos escanos, sorprende a altura que alcanza o edificio e chama a atención a decoración escultórica dos capiteis das columnas, de gran calidade e cheos de movemento, figuras de seres mitolóxicos difíciles de identificar que semellan moverse pola pedra, e fermosos motivos vexetais.

Da igrexa non podo deixar de sinalar un elemento que une Aciveiro con Rodeiro, unha das vellas capelas laterais desta elegante igrexa, a chamada de D. Alvaro, foi no seu momento capela privada da nosa familia mais famosa: os Camba, dando conta da estreita relación entre esta nobre familia cambota e o mosteiro.

O resto do edificio, da imaxe de austeridade, conserva o aspecto Barroco que adquiriu no século XII. Destacan os dous claustros que sufriron tamén modificacións en diferentes etapas.

Superados séculos de historia e duras etapas de vida, dende fai anos está acondicionado como Hotel-Monumento. Este o modo actual que temos de poñer en valor e de seguir dando vida a moitos destes antigos edificios relixiosos, porque xa o reza o dito: “renovarse ou morrer”. ;)

Nesta etapa actual, o mosteiro, leva unha tranquila vida chea de momentos felices como o que vivimos alí o 29 de febreiro de 2020, unha data que tod@s os que estivemos recordaremos para sempre. Un día gris e ventoso, recordounos a dureza do inverno no Alto do Candán aos que tan acostumado está o mosteiro. Alí, abrigados polos seus grosos muros de pedra, vivimos unha cerimonia chea de calidez que nos fixo esquecer o frío do exterior, seguida dunha gran festa. Un día inesquecible para nós pero que tamén quedou para sempre gravada na memoria deste fermoso edificio, como tantos outros momentos e feitos que tiveron lugar entre os seus muros.

Begoña e Marcos, elixiron o día máis especial do calendario e este antigo edificio cargado de historia, para comezar unha nova etapa da súa propia historia xuntos. Sede felices!.



miércoles, 4 de marzo de 2020

"A Marquesa de Camba"


Na portada unha imaxe do
Apóstol Sntiago extraída do
Códice Calixtino
Coñecín a existencia desta noveliña mentres investigaba e documentaba un traballo fai uns anos. Tempo despois, e por casualidade, atopei varios exemplares desta edición renovada visitando a feira do libro de Santiago, no 2017. Trátase dunha novela histórica que foi editada por primeira vez en 1848 e escrita por Antonio Neira de Mosquera, un dos precursores do Rexurdimento literario en Galicia, aínda que, paradóxicamente non está escrita en galego.

Persoalmente paréceme que é unha xoia literaria á que nesta ocasión lle vou  a dar un espazo na páxina principal do blog porque ademais de ser unha marabillosa obra literaria, considéroa como parte do patrimonio local xa que nela se recolle unha pasaxe da historia galega con protagonistas relacionados con Rodeiro e as Terras de Camba.

A historia que se narra está baseada en feitos históricos reais acontecidos no século XV. Naquela época Galicia e o norte da Península estaba inmerso nas disputas polo trono de Castela entre o lexitimo rei Pedro I “O Cruel”, e Enrique de Trastámara, considerado o usurpador do trono, situación que provoca a división da sociedade en dous bandos.

E en dous bandos se reparten os nosos protagonistas.

Por un lado están os partidarios de Enrique de Trastámara: o Arcebispo de Compostela, Don Suero de Toledo, e o Deán, Pedro Álvarez de Toledo. No outro bando están as personaxes que máis non interesan: Dona Marcelina Camba de Villalobos, Marquesa de Camba e esposa de Afonso Suárez de Deza, e o seu fillo Fernán Suárez de Deza, partidarios de Pedro I, e membros da familia máis famosa e poderosa do pasado das Terras de Camba: os Churruschaos, señores da Casa de Camba.

Este é a grandes rasgos o contexto histórico no que se suceden os feitos que o autor recupera. Uns feitos reais que aconteceron no século XV protagonizados por personaxes históricos reais, aínda que dándolle o aire romántico propio da literatura da época en que se escribe, o século XIX. Ó longo do tempo entre o momento no que aconteceron os feitos reais e que se escribiu esta novela, pasaron varios séculos e saíron á luz diferentes versións do caso, Neira de Mosquera da a súa nesta narración.

A pasaxe histórica real que serve de base para a novela son os asasinatos do Arcebispo de Compostela e o Deán a mans dun membro da familia dos Churruschaos. Os Churruschaos apoiaban a causa de Pedro I para recuperar o trono de Castela, mentres o Arcebispo estaba do lado de Enrique de Trastámara, quen ocupaba o trono nese momento. Afonso Súarez de Deza foi detido acusado de conspirar contra Enrique e encarceado no Castelo de Rupefert. Como vinganza un membro da familia, o fillo de Don Afonso, mata a sangue fría ó Arcebispo e ó Deán. Mais ou menos eses serían os feitos oficiais, aínda que logo de tanto tempo é difícil sabelo con exactitude.

Pero na noveliña de Neira, o escritor deixase levar pola moda da época e polo ambiente romántico que impregna as artes nese momento, presentando a historia como un clásica novela de cabalerías. Así, aparece en xogo Vasco Pérez Vaamonde, un nobre que se namora de Dona Marcelina. Vasco, doido polo rechazo da Marquesa denuncia, ante o Arcebispo, ó seu marido como conspirador en contra de Enrique de Trastámara. Afonso Suárez é detido e levado aos calabozos do Castelo de Rupefert. Será a propia Marquesa, muller valente como todas as "Cambotas", a que acabe coas vidas do Arcebispo e do Deán en vinganza pola afrenta ao seu marido.

A parte da historia en si, a novela danos unha visión dunha Idade Media galega na que podemos comprobar como de importantes eran os membros da familia da Casa de Camba. Os señores da Casa deste momento están situados ó lado de Pedro I, lexítimo Rei do trono de Castela, loitando ó seu lado e cunha relación moi próxima a el, apoiándoo para que recupere o seu lugar. Queda constancia de que os Churruschaos era unha das familias nobres máis importantes de Galicia na época, con poder e moi ben relacionados.

Por outro lado está a visión que se nos dá da Compostela medieval, escenario de parte dos feitos. Os Camba teñen unha casa familiar no corazón da vila, na denominada Rúa da Balconada, que sitúan entre a Rúa Nova e a do Vilar. Os que hoxe coñecemos Santiago sabemos que non existe tal rúa, quizais se perdese con paso do tempo e as continuas modificacións que sufriu Santiago. ou quizais nunca existise realmente. Outro escenario é o Castelo de Rupefert, que en realidade se corresponde co Castelo da Rochaforte. Actualmente  do Castelo da Rocha, na zona do Barrio de Conxo, consérvanse parte da estrutura que foi recuperada na última década.

Aínda que está escrita no castelán propio da literatura da época, que non é nado doado de seguir, esta é unha novela que me encantou ler. Porque me aporta esas dúas visións sobre os Churruschaos e sobre Compostela das que falo nos parágrafos anteriores e que me parecen moi interesantes.

Se tes a ocasión non te perdas a súa lectura!.