lunes, 30 de septiembre de 2019

RUTA 1: Rodeiro ten que ver!.

Con este novo post comezo unha serie de publicacións coas que coñecer o patrimonio local e de paso animar ó lector, local ou foráneo, a visitar o concello. Nalgunha das mensaxes recibidas estes meses comentáronme o difícil que é atopar información acerca do patrimonio e puntos de interese de concellos pequenos coma este, polo que esta serie de post pretende ser unha guía sinxela para aqueles interesados en achegarse á nosa historia e patrimonio.

Esta primeira ruta que suxiro, en parte, fixémola en grupo fai case un ano, nunha actividade organizada polo concello, á que fago pequenas modificacións pensando na comodidade e no fácil desprazamento. O máis práctico é facela en coche e de forma lineal, aínda que isto supoña facer saltos temporais, e digo os dos saltos temporais porque esta ruta fai parada en diferentes puntos de interese patrimonial correspondentes a, tamén, diferentes momentos históricos desta terra: dende a Prehistoria, a ocupación romana, e a Idade Media ou Moderna. E non me vou meter moito en explicacións ou interpretacións dos bens, sobre todo porque da maioría deles xa publiquei post que podes atopar no arquivo do blog, e dos que non o fixen seguramente o faga no futuro. Ademais, existen variadas publicacións sobre o tema, para saber máis. Eu, simplemente vou trazar a ruta a seguir coas súas paradas para unha posible visita.

O importante é fomentar o interese por acercarse, coñecer e saber máis de Rodeiro, a súa historia e o seu patrimonio. E como non, conividarte a vir e disfrutar da nosa paisaxe ou mesmo da gastronomía local.

Acompáñasme neste breve paseo polas terras de Camba?,… pois imos aló!.

Muro que se conserva da desaparecida
Fortaleza de Rodeiro
A ruta comeza na capital, Rodeiro, e concretamente a carón da Casa do Concello. Unha construción cun corpo principal de estilo neomedieval, con forma de torreón que remata en almeas. O interesante deste lugar é que ocupa o solar da antiga Fortaleza de Rodeiro, de ahí a súa imaxe de torre, ó abeiro da cal naceu a vila que hoxe coñecemos. Da antiga fortaleza so se conserva un fragmento de muro protexido a carón do actual edificio.

Saímos de Rodeiro, dirección Chantada, e a uns pouco kilómetros chegamos a Trasulfe onde paramos fronte a un construción verdadeiramente señorial: o Pazo de Trasulfe ou do Señorito. Unha construción moi fermosa da que destaca o magnífico portalón presidido por 5 escudos que representan as cinco liñaxes máis importantes da comarca ligadas a esta casa unidas por lazos familiares. O pazo, como moitos outros de toda Galicia, é de propiedade privada, polo que non se pode acceder ó interior. Pero, cada ano o 11 de Xullo, os veciños da aldea celebran o San Bieito na capela do pazo, que por un día permite que todos os que se achegan á festa e ás misas poidan admirara a beleza do edificio e do patio interior.O conxunto complétase cun amplo xardín traseiro presidido por un imponente balcón con balaustrada de pedra, dende o que de seguro se teñen unhas fermosas vistas do Val de Camba.

Na mesma parroquia de Fafián paramos no lugar de Outeiro fronte á Tulla, unha antiga torre a que se lle encomendaron diferentes funcións ó longo da súa historia, aínda que pola que é coñecida é pola de ser o lugar de recadamento de impostos e tributos para os monxes de Oseira. Despois dun pasado esplendoroso, hoxe a penas se mantén en pé, nostálxica, os seus restos, nos que aínda se percibe certa beleza de formas, agonizan cara un tráxico final.

Moi preto da Tulla, localízase o punto con máis historia do concello. Baixo a terra, en pleno Val de Camba, agóchase a xoia arqueolóxica de Rodeiro: a Vila Romana de Porta de Arcos, testiño durmido da vida dos romanos nestas terras. Moitos somos os que esperamos con ansia o espertar deste lugar para escoitar as moitas historias da vida dos seus moradores romanos que seguro ten para contar.

Vista da Casa Fortaleza de Camba
Seguimos camiño cara un lugar do que se pode dicir que é onde latexa o corazón de Camba: no Pazo de Camba ou Casa Fortaleza de Camba, emblema do val e con séculos de historia e vivencias ás súas costas. Ten a súa orixe na Idade Media ligado ao Castro Candad e á súa fortaleza en Chantada, cuios dominios chegarían ata as terras de Camba onde se levantou a Torre ou Fortaleza de Camba. A Casa de Camba carga ás súas costas con séculos de historia ó longo dos cales se acumulan na súa memoria centos de vivencias, como o ataque dos Irmandiños, pero tamén contos de intrigas, de cabaleiros e señores, de traicións, amores ou mortes. Un edificio cunha historia ben interesante, chea de lendas e misterios.

Para chegar ao seguinte punto de interese facemos un salto ao norte do concello. Na parroquia de O Couto, preto do lugar de Alemparte está a Mámoa do Coto do Mouros, exemplar único, un monumento funerario prehistórico que leva acompañándonos  miles de anos e ten ben merecido o título de BIC (ben de interese cultural) polas súas características construtivas, pero sobre todo polas pinturas que protexe no seu interior.

A ruta que propoño remataría na parroquia de Pedroso, achegándonos á aldea de O Mesón. A este pequeno lugar accedemos cruzando sobre o Arnego pola Ponte Medieval , unha esbelta construción civil que leva centos de anos axudando a salvar opaso sobre o río a centos de persoas e peregrinos, xa que hai que recordar que por aquí transcorre o Camiño de Inverno a Compostela. 

E así remataría a primeiras das rutas que recomendo para coñecer un pouco esta terra, a súa historia e o patrimonio que aquí atesouramos. Creo que é unha ruta ben interesante e un bo plan para unha mañá de sabado, ahora que ben o outono ademais podese disfrutar das fermosas vistas das carballeiras e soutos que se van atopando polo camiño, coas diferentes tonalidades de ocres, verdes e amarelos que adquiren nesta época do ano. 

Os nosos bens e a nosa paisaxe ben merecen a pena!.  





jueves, 19 de septiembre de 2019

Os muíños: fonte de patrimonio inmaterial.

Un novo capítulo sobre os muíños, un ben con carácter e moita personalidade, xeradores na súa época de esplendor do que hoxe catalogamos como patrimonio etnográfico, que define una parte da nosa tradición.

En ocasións anteriores publiquei varios post sobre este querido ben, recollendo neles varios aspectos relativos ao patrimonio material conservado que nos fala da historia e do esplendor dos nosos muíños, ou sobre o oficio do muiñeiro.

Nesta ocasión quero transmitir un novo valor do patrimonio inmaterial xerado arredor dos muíños, do muiñeiro e do seu traballo. Un patrimonio inmaterial que contribúe a enriquecer a nosa língua, o galego, pero tamén o noso refraneiro e cancioneiro.

É moito o vocabulario, ditos ou refráns que se coñecen de forma popular e que teñen como centro a vida e historia dos muíños. Pensando neste tema lembrei que fai anos, cando facía a EXB, cada ano no colexio editábase unha revista anual sobre un tema central na que participabamos todos os nenos dos últimos cursos. Pois ben, o ano que lle tocou ó meu curso colaborar nesta revista o tema eran precisamente os muíños. Entre todos @s compañeir@s fixemos un listados de todos os muíños do concello, recollendo cada un os da súa aldea ou parroquia, ademais a publicación recollía outros aspectos relativos ó tema: debuxos, gráficos, definicións de vocabulario e ditos ou refráns que recollemos entre todos. A verdade é que recordo a actividade con cariño e agradecemento aos mestres que lograron unirnos e motivarnos a todos nunha mesma actividade. Oxalá conservara algún dos exemplares!.

Entón, deixando os meus recordos da infancia a un lado e volvendo ó tema, en primeiro lugar; arredor dos muíños e do seu traballo existe unha morea de palabras que contribúen a enriquecer o galego, o noso idioma, cheo de carácter e con personalidade propia.

“A planta principal do muíño é o tremiñado, onde se fai o traballo principal: a muíñada. Baixo a planta principal temos o inferno, espazo onde está o rodicio. Para traballar o muíño aproveita a forza da auga que é levada ata el por unha canle, accede as súas entrañas e cae con forza no inferno onde golpea as pas do rodicio. Así é como se pon en marcha o mecanismo.
O muiñeiro enche a muxega co gran e vai pasando a través da quenlla a modiño, caendo polo ollo da moa. A moa xira e xira sobre o , entre os dous e con mimo, esmiúzan o gran obtendo a prezada fariña que vai caendo, coma ouro, no farnelo”.

Neste breve texto sobre o funcionamento do muíño destacan algunhas desas fermosas palabras coas que se denomina algunha das partes do noso amigo ou do seu traballo. É so unha pequena mostra, hai moitas máis. Tremiñado, quenlla, muxega, moa… soan ben bonitas, non che parece?, é ben certo que o galego é un idioma cheo de riqueza e fermosas palabras.

En segundo lugar están os ditos, refráns populares, ou mesmo adiviñas, por todos coñecidos, esas frases cortas fundamentais dentro da nosa tradición oral, sempre cheas de retranca, significado e moita sabedoría. Normalmente entre as súas liñas agochan unha ensinanza que hai que saber descifrar, outras simplemente son chanzas sobre algunha cousa, neste caso poden tratar do traballo ou as cousas que pasan no día a día do muíño e do seu amigo o muiñeiro.

Hai van algúns exemplos:

-Pa misa e para o muíño,
 non esperes polo veciño.

-Auga pasada non move muíño.

-Pico, pico mazarico
 Quen che deu tan largo pico? Deumo Deus para o meu traballo, pa picar naquel carballo,
 e piquei e repiquei, un gran de millo atopei,
 leveino ao muíño a moer.
 E o muíño a moer, e os ratos a comer.
 Agarrei un polo rabo, e tireino contra un carballo.
 Agarrei un polas orellas, e tireino contra as ovellas.
 Agarrei un polos pés, e tireino do revés.
 Acabáron se os ratiños, e tamén os meus graiños.

Na expresión oral popular galega temos algunha que usa o muíño para dar a entender cousas de forma indirecta, por exemplo:

-Vir do muíño, ou Vir enfariñado: dúas expresións que usan para faler dunha parella de mozos que andan as escondidas e que nace da idea de que o muíño era un lugar de encontro destas parellas que querían manter a relación en segredo e non ser vistos polos veciños. Pero os veciños, que eran moi listos, fixábanse en que sempre algo de restos de fariña quedaba na roupa. ;)

-Máis pesado ca un pé de muíño: para referirnos a unha persoa insoportable e moi cansina.

Por último temos o cancioneiro.Varias veces, noutros post xa publicados anteriormente, téñome referido a ese carácter festivo dos galegos e galegas de antano e da facilidade coa que, a través da música de gaitas e pandeiretas, transformaban os momentos de traballo duro en momentos de festa e alegría que todos os nosos maiores recordan con cariño e nostalxia. Ir ao muíño era un deses momentos que propiciaban as reunións de veciños que se atopaban arredor do muíño. Era común que os veciños dunha mesma aldea tiveran os seus muíños moi preto uns dos outros, ou que se dera o caso de que varias persoas acudisen a un mesmo muíño a moer como clientes. En fin, o caso era que se acaban xuntando e para que a espera se fixera máis levadeira comezaba a festa. É así, con gaitas e pandeiretas ó ritmo marcado pola moa, naceu a “Muiñeira, a peza musical máis tradicional de Galicia e recoñecida internacionalmente.

Esta é so unha pequena parte da cantidade de patrimonio inmaterial que ten como base os muíños e o seu traballo. Se coñeces algún dito, refrán, adiviña ou canción convídote que o compartas escribindo na sección de comentarios que aparece máis abaixo. ;)


miércoles, 4 de septiembre de 2019

Galerias de arte urbán nas rúas de dúas vilas galegas.

A semana pasada como cada ano, dende fai once, tivo lugar un novo "Festival das Meninas" no barrio de Canido en Ferrol. A iniciativa, que leva xa once edicións, convoca a artistas de todo o mundo e ten como tema central o famoso cadro de Velázquez "Las Meninas" que os artistas reinterpretan cada ano en murais que ocupan os muros dos exteriores dos edificios do barrio. Sumando as obras de cada ano son xa unhas 400 as que se poden ver repartidas polas rúas do barrio de Canido.

O Festival coincide coa semana das festas do barrio, que se complementa con concertos, postos de artesanía, xogos para os cativos, etc. Todo un evento que enche de vida por uns días as rúas de Canido. Rematada a festa e o festival de arte, os artistas regresan as súas cidades e paises de orixe deixando as súas obras expostas de forma permanente nos muros do barrio compartindo días cos veciños e visitantes.

Noutra vila galega, en Carballo, capital da Comarca de Bergantiños, celébrase cada ano o "Rexenera Fest", un festival de arte urbano que dende fai 5 anos convoca a recoñecidos artistas urbanos procedentes de diferentes partes do mundo. A iniciativa partía coa idea de acabar co feísmo cubrindo os muros exteriores de diferentes edificios da vila con fermosos murais cheos de cor e contido, dando vida e convertendo as rúas de Carballo nunha verdadeira galería de arte contemporáneo no que desfrutar da arte destes artistas.

Estes dous festivais de arte urbano galegos colocan ás dúas vilas na lista de lugares "Top" ós que achegarnos a coñecer este tipo de arte e desfacernos da antiga idea de que as pintadas e graffittis da rúa afean e estropean as paisaxes urbanas. Ó contrario este tipo de iniciativas cumplen, baixo o meu punto de vista, dúas importantes funcións: unha social e outra educativa.

Por un lado, son actividades culturais que dinamizan a vida do barrio de Canido e da vila de Carballo. Primeiro, e evidentemente, pola atracción de visitantes e turistas que se achegan non so os días de celebración dos festivais, senón todo o ano o tratarse de obras expostas permanentemente. Segundo porque son iniciativas que foron moi ben acollidas polos mesmos veciños, conseguindo que se impliquen co tema e que esten orgullosos da nova imaxe que estas intervencións artístiscas dan ás ruas que percorren cada día. Os murais mitigan o feismo e o abandono do mantemento dos muros dos edificios enchendo de cor e vida as rúas, facéndoas máis agradables e acompañando os veciños no seu día a día.

Por outro lado, a función educativa e divulgativa. Ambos festivais sacan a arte á rúa, achegándoa á sociedade e os non entendidos, provocando curiosidade e certa necesidade de saber e de coñecer máis sobre o tema. O caso de Canido, festival que rende homenaxe a Velázquez e á súa obra máis famosa, un pintor español e unha obra clásica de museo que mesmo pode resultar aburrida, á que se lle dan múltiples interpretacións con cores vivas e de imaxe contemporánea rompendo esa liña de seriedade e distancia que proxecta a obra orixinal exposta no Museo do Prado. Dende fai once anos as Meninas e o mesmo Velázquez son uns veciños máis do barrio de Canido. E en ambos casos, grazas a estes dous festivais, contribúese ó coñecemento e á divulgación do significado da arte contemporánea e da arte urbana máis aló dos medios máis académicos ou elitistas. A sociedade ten unha idea negativa sobre o tema, crendo que pintar nas paredes e muros das rúas está mal e afean a paisaxe urbana, pero estas inicitaivas fan que esta visión cambie totalmente. Os veciños poden comprobar como estes fermosos murais axudan a mellorar a imaxe e a paisaxe das nosas vilas, sitíndose orgullosos e agradecidos, e entenden que para apreciar este tipo de arte non hai que ser un entendido do tema.

Visitar Canido ou Carballo é como visitar un museo de arte contemporánea pero ó aire libre, sen aglomeracións, sen colas, sen pagar entrada e sen necesidade de saber moito de arte. Porque, máis aló do que a xente cre, para entender este tipo de arte non fai falta ter grandes coñecementos. É tan simple como pararse a observar e deixarse levar polo que as imaxes nos suxiren e nos fan sentir. Porque todos sabemos ver e sentir...ou non?.

Ambos festivais son un modelo a seguir e en moitas máis vilas galegas se debería levar a cabo iniciativas como estas que contribúen a dinamizar a cultura, atraen visitantes e melloran a imaxe da vila.

Ti que cres? ...o debate está aberto. ;)