martes, 11 de octubre de 2022

O rural galego visto polo neno Balbino.


"Memorias dun neno labrego"

 … é o como titulou Neira Vilas o seu famoso relato, un conto que nos seus 50 anos de vida acadou difusión internacional. O escritor de Gres (Vila de Cruces), que foi un neno labrego e galego, escribiu este relato na emigración en Arxentina, sentado nun café de Bos Aires tomando un refresco e deixando que a súa mente e a súa memoria viaxaran de volta ao seu rural natal, aquela aldea galega ó outro lado do Atlántico.

Neira Vilas lembra e relata a vida na aldea a través da mirada inocente pero espelida do neno Balbino, que representa a todos os nenos de aldea que viviron naqueles tempos, aló polos anos 50 do século pasado.

Balbino é protagonista e narrador da súa propia historia, da súa vida e do seu entorno, dos acontecementos que teñen lugar nun curto período de tempo e nun momento vital concreto. É un neno xa duns nove ou dez anos, intelixente, que comeza a cuestionarse cousas da realidade na que vive. El é o membro mais novo dunha familia humilde, traballadores pero pobres, labregos sen soños nin dereitos, sen propiedades, dentro duinha sociedade inxusta na que os privilexios son para os señoritos ricos. Decátase da situación e entende a inxustiza, que a vida non é igual para todos os rapaces e que os pobres sempre levan as de perder. Iso faino enfadar.

O relato fala de inxustiza social, da diferencia entre pobres e ricos, pero tamén trata outros temas que nos mostran tradicións e elementos culturais que se foron perdendo co paso do tempo, ou que actualmente xa non se viven da mesma maneira; festas e romarías, os carnavais, a relixión e a perda dun familiar, os enterros e o tempo de loito obrigado, a emigración en busca da liberdade e dunha vida mellor lonxe do poder dos señoritos,... son algunhas das cuestións sobre as que reflexiona Balbino. Tamén sobre as relacións humanas, a amizade e os primeiros sentimentos que se lle espertan cara as rapazas.

Como “nena labrega” que son, o relato esperta en min diferentes sentimentos. Eu medrei e sigo vivindo no rural galego, un rural diferente ao de Balbino pola distancia temporal que nos separa e os cambios sociais e económicos, pero que sinto próximo polas historias, contos e lembranzas das que sempre escoito falar aos meus maiores. Eles si que foron nenos labregos coma o Balbino, nenos pobres de familia humilde, que fixeron loito estricto cando se foi algún familiar, que saíron a cantar os reis no nadal, que foron aos niños, que apañaban castañas no outono e gardaban as vacas no monte, que tiveron que cambiar pronto os xogos infantís polo traballo e que emigraron na procura dunha vida mellor.

“Memorias dun neno labrego” é unha obra curta, pero maxistral que condensa e transmite unha chea de coñecementos e saberes. Un relato ameno, simple, de fácil comprensión que debería ser de lectura e análise obrigatoria nas escolas. Que nos leva a un tempo pasado que temos que coñecer, que non se pode esquecer. E que os nenos de hoxe saiban como viviron os seus avós a sú infancia, moitos deles foron nenos labregos como o Balbino.