lunes, 3 de agosto de 2020

Rodeiro e as súas cruces de pedra.

Ben espallados por toda a nosa xeografía atopámonos á beira dos camiños, nas encrucilladas, nos torreiros das festas, en adros de igrexas, ne medio de aldeas, nos xardíns dalgunhas casas grandes ou Pazos,… milleiros destes bens patrimoniais tan característicos da nosa terra, Galicia, que sobreviven ao paso do tempo ás transformacións do seu entorno como testiños inmóbiles do transcorrer da vida.

Ás veces compre facer un alto no noso camiño e dedicarlle un intre do noso tempo a contemplalos ou simplemente a acompañalos, fixarnos así nos detalles que de seguro nos sorprenderan: a súa estrutura, os motivos decorativos, datas ou marcas gravadas sobre a súa pel,… todas eses son elementos e sinais que os dotan dunha personalidade propia facendo que cada un deles sexa único, porque se de verdade nos fixamos veremos que non hai dous iguais.

A súa presenza entre nos, formando parte da nosa paisaxe rural pero tamén urbana, xustifícase por diferentes motivos e razóns. Aínda que a tradición da fabricación e colocación cruceiros en certos lugares se remonta séculos atrás no tempo, de modo que non se coñece con exactitude como xurdiu, hoxe son moitos os datos recollidos e os estudos que axudan a coñecelos e entender a súa función. Así sabemos que se poden catalogar pola súa función como os cruceiros procesionais, arredor deles daba a volta a procesión os días de festa na parroquia; os que sinalan ou lembran o lugar onde sucedeu algunha desgraza ou accidente con resultado de morte, críase que podían ter unha función protectora, protexendo os viandantes da alma errante do defunto; os que marcan límites territoriais; os que se encargaban como unha ofrenda para ganar unha indulxencia…

Cruceiro de O Salto.
Noutro plano da súa personalidade temos o compoñente misterioso que rodea a estes bens. Todos coñecemos as lendas que os rodean, apoiadas nesa incerta orixe, alimentadas polas supersticións e transmitidas pola tradición oral, e que os relacionan por exemplo coa Santa Compaña,  coa a protección dos camiños e dos camiñantes ante os malos espíritos, ou con estraños rituais practicados polas meigas, esas que habelas hailas aínda que ninguén coñece a ningunha, ou si?? ;)….. Unhas lendas que derivan do feito de que en moitos lugares se colocasen cruces ou cruceiros, símbolo cristián por excelencia, en lugares onde se practicaban ritos profanos anteriores á chegada e expansión do cristianismo nestas terras, seguramente ese fose o motivo da súa orixe aínda que co paso do tempo pasase a ser un elemento máis popular que relixioso, pois os promotores foron sendo cada vez máis particulares e o motivo, canto mais nos achegamos ao presente, xa é mais decorativo ou de prestixio social. Hoxe semella que da un certo empaque ou aire de señorio colocar no teu xardín un cruceiro de pedra ben vistoso.

Pero fagamos un percorrido polos cruceiros e cruces de Rodeiro máis interesantes de entre os que eu coñezo, que non son todos!!. O noso concello, como non podía ser doutra maneira, conta cunha boa mostra destes bens exemplo do patrimonio etnográfico, algúns de marcada personalidade pola súa estrutura, motivos decorativos, marcas, historia ou emprazamento.

No campo da festa da parroquia de O Salto, xunto á igrexa está un esbelto cruceiro, que observa o entorno dende o seu alto pedestal que lle axuda a alcanzar case cinco metros de altura. Na cruz un Cristo Crucificado cos elementos da paixón e a Virxe orante sobre unha peana.
Cruceiro de Agrosagro.

Á beira da estrada entre Agrosagro e Carboentes atopámonos cun un que ben merece parar a observalo en detalle. Este cruceiro data de 1738, segundo reza unha inscrición no pedestal. Se o observamos podemos ver a  media altura no seu varal un santiño, probablemente San Estevo, patrón desta parroquia. No alto a cruz, cos elementos típicos un Cristo Crucificado polo reverso e a Coroación da Virxe no anverso. Este cruceiro conta cun pousadoiro, mesa de pedra que se sitúa ós seus pes, que serviría para pousar un cadaleito no camiño do cortexo fúnebre cara ó cemiterio ou mesmo para facer ofrendas.

Na veciña parroquia de San Martiño de Asperelo localizase un dos mais fermosos de todo o concello, non é de gran altura e está asentado sobre un penedo do chan, pero ten parte do varal cuberto dun bonito motivo vexetal tallado na súa pel de pedra, semella unha roseira que o cubre en parte.

Un curioso exemplo é o Cruceiro de Laxas en Pedroso, por atoparse asentado sobre unha gran rocha no medio da aldea á beira do camiño que a cruza. Esta aldea é característica por atoparse nunha zona de gran riqueza granítica, de aí que existan dúas canteiras na zona, unha delas xa sen actividade. Se paseamos pola aldea atopámonos con varias rochas de enormes dimensión que conviven entre as casas e os veciños formando parte das súas vidas, nelas xogaron os nenos as sucesivas xeracións que deron esta aldea, e eu mesma en moitas ocasións. Sobre unha delas temos esta o cruceiro de Laxas.

Cruceiro de San Martiño.
Sen categoría de cruceiro localizamos en varios puntos do concello varias cruces de pedra que terían unha simboloxía similar, como a que se atopa á beira do Camiño de Inverno ao seu paso polo lugar de O Mesón e moi preto da aldea da que falaba no parágrafo anterior.  A un paso da Ponte Medieval de Pedroso, vemos esta cruz, sobre unha gran rocha, pequena e humilde, de talla tosca e irregular. E non a única que cruz deste tipo que temos en Rodeiro… saberas dicirme onde hai mais cruces coma esta??.

E non sigo falando de mais cruceiros locais, hai aínda outros moito que podería presentar aquí e moito que dicir sobre eles, sobre que están e sobre os que desapareceron, pero sería moi longo de contar e merecería unha publicación máis ampla e detallada. 

O que si me gustaría é que a partir de agora cada vez que pases a carón de un deles, sexa en Rodeiro ou fora, te pares a miralo detidamente e te fixes nos detalles, seguro que atopas algo diferente e curioso en cada un deles.


Pero sobre todo o que debemos facer tod@s é respetalos, levan séculos vivindo entre nos e merecen respeto e coidados para que sigan sendo testiños da historia.