domingo, 26 de abril de 2020

Pezas de Museo 4: Leiteira.

En todas as casas de aldea podemos atopar moreas de obxectos que perderon a súa función tradicional e actualmente poden pasar a ser pezas de museo porque nelas se consérva a memoria dalgunha vella tradición perdidas no tempo ou son o reflexo de como mudaron a vida e o traballo no rural.

Estas semanas que non se pode sair polo confinamento temos mais tempo para remexer pola casa e fixeime nas nosas vellas leiteiras ou bidóns de leite. Na casa conservamos varios deles como auténticos tesouros. Fai décadas que se empregaban para almacenar o leite das vacas, á espera  de que pasase o leiteiro a recollelo, antes de que chegaran os modernos tanques de frío nos que agora conservamos o leite a baixa temperatura ata a recollida.

Estes bidóns son os herdeiros das antigas leiteiras de latón que había en todas as casas de aldea para transportar o leite. Aquelas leiteiras eran de menor tamaño porque tamén a produción de leite era menor, apenas se producía para o consumo. O leite era, xunto coa fariña ou as patacas, unha das materias primas que estaban na base da dieta diaria das xentes da aldea; leite mazado, queixo e requeixo, patacas con leite ou papas de fariña e leite … , eran pratos moi comúns nos menús diarios.

Co paso do tempo foron aumentando as explotacións, pasouse de ter daquelas vacas rubias grandes e fortes que se empregaban para o traballo e daban tenrreiros para vender, a ter vacas frisonas, chamadas familiarmente “negras”, para a produción de leite. Tamén a miña familia fixo o cambio de rubias a negras, e mesmo podo dicir que me  fixen maior ó mesmo tempo que foi medrando a gandaría familiar, aínda así a nosa segue sendo unha pequena explotación. 

E chegaron as empresas compradoras de leite e con elas estes bidóns de maior tamaño nos que almacenar máis cantidade. Eles, os bidóns, recórdannos os comezos da industrialización da produción leiteira en Galicia, a cando se comezou a venderllo a empresas como Larsa ou Danone, de feito no pescozo do bidón está gravado o nome da empresa que che recollía o leite.  Moitas veces oín contar na casa como o poder económico das familias doutros tempos se media pola cantidade de vacas rubias que tiñan, mais tarde cando se cambiaron polas “negras” e se comezou a vender o leite, e o sistema de medición de riqueza era a cantidade de bidóns que tiña a familia. O feito de cambiar á producción de leite e aumentar o número de vacas da casa tamén provocou outros cambios, por exemplo en canto ó aproveitamente da terra para a obtención de mais forraxes para a alimentación dos animais. O progreso chegou e xa foi imparable.

Pero voltando as leiteiras, hoxe, estes vellos bidóns que perderon o seu uso substituídos polos modernos tanques de frío, son pezas de coleccionismo moi cotizadas que se usan sobre todo para decoración de interiores, covertendoos en paragüeiros de deseño ou maceteiros. 

Eu prefiro seguir mirando mais aló da súa actual función decorativa, e ver neles esas pezas a catalogar no noso patrimonio etnográfico porque son testiño dos comezos dunha nova época, da chegada do progreso para unhas das actividades que sosteñen a vida do rural galego dende hai décadas: a produción de leite. E recordan como moitas familias levan intentando vivir do traballo da terra e do leite xeración tras xeración, loitando contra un sistema que segue a explotalos e presionalos xeración tras xeración.

Cada día cerran en Galicia varias pequenas explotación leiteiras, pero nas súas casas, de seguro, conservarán algúns destes bidóns que lles seguiran recordaran cada día o seu pasado, os seus comezos e o esforzo para sobrevivir dentro dun sector e dun sistema que se ceba co pequeno productor ata afogalo. 


miércoles, 15 de abril de 2020

...mirando pola miña fiestra: a "aira" da miña casa.

Levamos un mes vivindo unha situación insólita, rara e descoñecida para todos, unha pandemia que mudou a nosa vida e as nosas rutinas diarias. Levamos un mes de confinamento por responsabilidade e saúde, polo ben de tod@s. E durante este tempo que temos que estar na casa, no que o noso día transcorre entre as diferentes estancias da casa mirando ao exterior polas nosas fiestras, eu boto unha ollada pola miña e, dende ela, o que vexo é a vella “aira” da miña casa.

As “airas” ou “eiras”, segundo a zona, son espazos amplos, abertos, pisados de laxas de pedra lisa e mais ou menos regulares. Un espazo esencial que formaba parte do conxunto da antiga casa labrega do rural galego e da rutina diaria. Sóese atopar a un lado da casa, detrás ou a carón dela e da palleira. Desas obras de enxeñeira feitas sen enxeñeiros titulados que tanto abondaban no rural, obras feitas para cubrir unha necesidade, de forma manual e por un deses artesáns que aprendian o oficio da man dos canteiros máis vellos da zona . Aínda que todas as casas do rural tiñan a súa, as mellores airas, máis amplas e coa mellor pedra, por suposto, estaban sempre nas mellores casas, nas casas grandes e pazos.

Estes espazos estaban daquela cheas de vida, estas laxas eran testiños do discorrer do día a día da familia e do seu traballo, posto que pola súa situación próxima á casa era un lugar de paso obrigado, do ir e vir da casa á palleira ou á horta por exemplo,... Pero había un momento concreto do ano no que a aira era o centro da actividade, era o día da malla cando toda a familia, xunto a veciños e amigos, se xuntaba alí para separar o gran  da palla. O día da malla era un día de traballo duro, manual, para o que se preparaba este espazo a conciencia días antes, as súas laxas perfectamente limpas  e varridas, as xuntas entre elas recheas cunha masa a base de “bosta” de vaca xa seca. Así, o espazo da aira estaba listo para unha das tarefas xa perdidas máis tradicionais e interesantes do rural, a que todos os nosos maiores recordan con máis nostalxía, e un dos pasos fundamentais para obter a fariña coa que elaborar o pan, base da nosa alimentación durante séculos. Como recordo dese día, nunha beira da aira quedaba formado un palleiro coa palla que se obtiña da malla para o consumo durante o ano, por exemplo para alimentar os animais, aínda que a palla tiña outros usos, con ela elaborábanse as "corozas", os antigos "traxes impermeables" para usar de inverno, ou "polainas" para envolver as pernas e protexelas da auga e o frio.

As mallas, o palleiro, as corozas ou as polainas son elementos propios da nosa tradición e do noso patrimonio cultural, xunto coas airas. Todos eles desaparecen co paso do tempo e a perda do seu uso e funcionalidade, ahora son so recordos na memoria dos mais maiores das nosas aldeas que debemos coñecer para que non acaben esquecéndose.

Voltando ó día da malla, este tamén era un día de festa na aira, poñéndose de manifesto unha vez máis ese carácter festivo dos galegos e galegas doutros tempos, o traballo amenizábase coa sorna típica, as bromas entre os presentes e rematábase ao son das pandeiretas e dos cantos. Pero este non era o único momento no que a música enchía o espazo, nalgunha das airas da aldea xuntábanse tamén os veciños os domingos á tardiña para tocar, cantar e bailar, así se divertían mozos e mozas daqueles tempos, vixiados de cerca polos seus maiores, un momento do pasado que hoxe se rememora en moitos lugares do rural nos modernos “seráns”.

Pero toda esa actividade perdeuse co paso do tempo e os cambios na forma de vida e do traballo no rural. Nas nosas aldeas xa non se fan mallas e apenas quedan veciños cos que xuntarse os domingos pola tarde. Dende fai décadas as airas perderon a súa función, moitas delas lamentablemente foron desmanteladas para aproveitar o espazo e as laxas para outras cousas, as que se conservan permanecen valeiras, en silencio e semisoterradas pola falta de uso.

Nas fotografías que ilustran este post vese a antiga aira da miña casa, non é a máis perfecta que coñezo pero é a máis especial, porque esta aira compúxoa o meu avó coas súas mans e moito esforzo, e transmíteme valores tradicionais, culturais e sentimentais. Como todas as demais, perdeu a función e foi quedando esquecida e soterrada. Pero fai xa algún anos miña nai foina limpando e volvémola á vida, as laxas están partidas e descolocadas xa que sobre elas movéuse maquinaria pesada. Arredor dela transcorre parte do noso día, onde antes se mallaba o centeo, hoxe secamos e mallamos as fabas e outras colleitas de tempada, e nas xuntas entre as laxas medran margaridas e pensamentos.

E sí, teño a sorte de vivir nunha pequena aldea galega de poucos veciños, podo decir que son desas persoas que durante este confinamento nos podemos considerar afortunados, porque podemos saír da casa a sentir o aire e o sol, ou a dar paseos nos arredores da casa. E dando unha voltiña arredor da miña podo pisar e sentir baixo os meus pes una anaquiño da nosa tradición e do pasado da miña familia.