No centro da vila
de A Golada atopamos o antigo recinto feiral do século XVIII, un recinto
permanente cun alto valor histórico e cultural, pois é case o único que se
conserva en bo estado en Galicia. No veciño concello de Rodeiro, no lugar de
Río, tamén se conservan varios pendellos da antiga feira pero neste caso en
peor estado de conservación.
Se nos acercamos
a esta vila do interior de Galicia en calquera momento podemos pasear
libremente polo recinto, veremos que o elemento arquitectónico básico en todo o
recinto é o pendello, polo que se coñece familiarmente este lugar como “Os
Pendellos”.
Estas pequenas
casetas de madeira e pedra recórdannos como eran as feiras tradicionais nas que
os nosos antergos facían as súas compras, uns eventos quincenais ou mensuais
que eran motores para a economía rural pero tamén contribuían ás relacións
sociais. E digo que son “o recordo” porque en realidade así é, este é case o
único lugar do mundo a onde nos podemos achegar a ver como eran as feiras
séculos atrás, moi diferentes ás de hoxe en día. En todas ou case todas as
vilas galegas existían estas construcións permanentes empregadas polos
comerciantes para a exposición e venda de mercadorías. Entón, podemos dicir que
se trata dun elemento arquitectónico único, propio da arquitectura popular
galega, que se ideou no seu momento expresamente para este fin e sobreviviu ó
paso do tempo permitíndonos coñecer un aspecto xa perdido da nosa cultura
tradicional que agora é parte do noso patrimonio etnográfico.
Pendellos de Agolada |
Ben, no paseo
polo recinto podedes fixarvos que hai
dous tipos de Pendellos. Ambos están feitos dos mesmos materiais, pedra e
cuberta de madeira e tella, pero con diferente estrutura porque tiñan funcións
tamén diferentes. Así, temos un tipo de
pendello pechado que tería a función de almacén de mercadorías ou como comedores, que
daquela tamén era costume ir á feira comer o polbo, faltaría mais, iso non
cambiou co paso do tempo!. E logo temos outro tipo de pendello que é o que mais
característico: o pendello expositor. Tamén de pedra e cuberta de madeira e
tella, pero neste caso está aberto á rúa e ten como elemento característico: o
mostrador, no que o tendeiro colocaba os seus produtos para a venda, coma calquera
tenda de hoxe en día!.
Así, todas as
persoas que se achegaban ata aquí o día da feira, camiñarían por estas ruelas
vendo e mirando os produtos á venda en cada “tenda”, e poderían tamén comer ou
tomar un viño. Moi similar a ir hoxe a un centro comercial moderno, coas súas
tendas e bares, nos vos parece?, pero claro este recinto ten outro encanto.
Igual que noutras
vilas galegas a actividade feiral no recinto perdeuse co paso do tempo e os
pendellos perderon a función para a que foron creados. Pero temos a sorte que
nesta vila non se destruíron totalmente como noutras vilas galegas, e dende o ano 1990 realizáronse varias
campañas de rehabilitación do recinto e das súas construcións con moi bo resultado. Neles realizanse ó longo do ano diferentes actividades
culturais, exposicións, concertos e unha feira de artesanía.
Pendellos da feira en Rio (Rodeiro) |
Como dicía ó
comezo do artigo, este non é o único exemplo deste tipo de patrimonio etnográfico
, aínda que si é o que mellor se conserva. En outros dous concellos da Comarca
do Deza temos pendellos: en Rodeiro no lugar de Río, e os de A Gouxa en Dozón.
No caso dos pendellos de Río (Rodeiro) o estado de conservación non é o
desexable, uns por outros e ninguén acaba por facer nada para a súa
rehabilitación e conservación. Ó final trátase dun ben patrimonial que, como
outros moitos, pertence á sociedade, e creo que os primeiros interesados na súa
conservación teñen que ser os propios veciños. Noutros lugares temos o exemplo
de asociacións de veciños que traballan pola recuperación e posta en valor do
seu patrimonio, como no caso de Agolada onde se creou a “Asociación de Amigos
de Os Pendellos” que levan moitos anos traballando e loitando pola recuperación e posta en valor deste ben patrimonial.
No seguinte enlace tes unha morea de info e fotografías do recinto feiral de Agolada:
No hay comentarios:
Publicar un comentario