miércoles, 13 de enero de 2021

Noites de inverno a carón da lareira.

Acabamos de comezar un novo ano, o esperado 2.021, e comeza con neve, xeada,...moito frío, un frío moi levadeiro coas comodidades actuais, boas casas con calefacción e cociñas de ferro que fan das novas vivendas do rural espazos moi agradables.

Pero se votamos a vista atrás, para os nosos avós os días de invernos cando apretaba o frío non eran tan levadeiros.  Daquela os invernos eran moito mais duros que ahora, as nevadas duraban días mesmo algunha semana, fortes xeadas,…tempos que recordan os nosos maiores, pero o cambio climático fai das súas e as cousas cambiaron moito.

Naquelas casas antigas o único espazo quente e agradable no que pasar as longas noites de inverno eran as cociñas, e nela a protagonista absoluta era a “lareira”. A lareira ocupaba un lugar estratéxico no espazo da cociña, un punto céntrico e arrimada a un dos muros laterais, sobre ela o lume ardía todos os días do ano, verán ou inverno, pois era o que había non so para quentarse, senón tamén para cociñar. Compoñíase de varias laxas de pedra, aínda que seguro se pode atopar algunha dunha soa peza. Nas casas grandes ou pazos, estaba cuberta por unha gran campá, tamén de pedra, que recollía o fume e que se traducía no exterior da casa nunha gran cheminea. Nas vivendas mais modestas, nin campá nin cheminea, o fume escapaba entre as tellas non sen antes deixar a súa escura pegada nas paredes e sobre os escasos mobles distribuídos pola estancia.

Arredor da lareira acomodábanse os membros da familia e, en ocasións, algún veciño que se achegaba a pasar un anaco o tempo. Así, agarimados ao calor do lume, comían e bebían, ó tempo que comentaban os sucesos do día e o resultado das traballos feitos, falaban e conversaban. . Noutras ocasións xuntábanse cos veciños e veciñas para facer algunha tarefa coma a “fía” do liño, e mentres fiaban cantaban e rían, para eles ese era un modo de divertirese, pois daquela as persoas non estaban ocupadas en ver a tv ou abducidos polos seus teléfonos móviles

Para sentarse a carón da lareira, empregaban bancos ou un “escano”, especie de banco de madeira con asento e unha táboa móvil que se colocaba diante dos usuarios para comer.  Na lareira, o espazo central era para o lume e arredor toda sorte de potas, potes, cazolas, tixolas e trespés, necesarios para facer as comidas. Sobre ela a “trendeira”.[https://isaferb.blogspot.com/2020/05/pezas-de-museo-5-trendeira.html]

Un moble moi curioso era a “alcoba”, unha cama a modo de gran caixón de madeira na que pasar as noites de inverno na estancia máis cálida da casa, normalmente destinada aos mais maiores da familia, e se había bebés, o berce tamén tiña na cociña un lugar para o inverno.

Hoxe en día podemos coñecer e ver reproducións destas cociñas nalgúns museos de etnografía, escenografías que nos mostran como eran ou que utensilios e mobles se podían atopar nestes espazos.

Persoalmente eu aínda lembro de nena as visitas á casa dos meus bisavós algúns domingos, eles aínda tiñan unha desas cociñas co lume na lareira. Lembro como nos sentábamos arredor dela, e como xantábamos agarimados pola calor do lume de carballo. Son recordos que me acompañaran sempre e que sentín moi recentes cando tiven ocasión de visitar unha cociña real na que se conserva a vella lareira coa trendeira e todas as potas e potes, como detida no tempo.