martes, 7 de julio de 2020

Rochas e lendas.

Dentro do noso patrimonio inmaterial teñen  sitio centos de contos e lendas froito do imaxinario colectivo e transmitidas de forma oral xeración tras xeración, sendo case imposible localizar a súa orixe, un misterio que é parte da maxia destas lendas e contos. Pero non so é misteriosa a súa orixe senón que son portadoras doutros moitos misterios e segredos, uns misterios que os avós contaban aos netos, poida que coa intención de porlles medo nun intento de evitar que se achegasen a algún lugar próximo e que non se fixesen dano, aínda que normalmente o que se conseguía era o efecto contrario. O escoitar os contos, os nenos sentían aínda mais interese e atracción polo lugar protagonista da lenda a ata alí acudían unha e outra vez para comprobar se era certo o que contaba o avó e resolver o misterio que alí se agochaba.

Era moi común que a lenda xirase en torno as pedras, e de novo volvemos á pedra, a esas pedras con historia ou que contan historias, a ese material de vida eterna ó que se lle deron multitude de usos ó longo da historia e do que xa escribín varios post anteriormente. Son tantas as pedras protagonistas de lendas: mámoas, castros, murais con debuxos rupestres,… todos eles son sitios arqueolóxicos que en moitos casos levan aparellados á súa vida unha lenda ou un conto. Outras veces as protagonistas son grandes rochas de forma caprichosa ou dispostas de maneira curiosa as que, nalgún momento, inspiraron unha lenda que chegou ata os nosos días.

Pois ben, continuo explorando o patrimonio de proximidade e moi pretiño da miña casa temos unha desas curiosas pedras que leva moitos anos chamando a nosa atención e protagonizando unha bonita lenda que escoitei dende nena de boca dos meus maiores, unha lenda que forma parte da historia da pequena aldea na que medrei.

A lenda que envolve a nosa Pena Bicuda conta que a pena a trouxo unha vella (ou unha bruxa) sobre a súa cabeza, ademais di que a muller que a trouxo está baixo a gran rocha fiando na roca e con ela unha galiña cunha niñada de pitos. E tamén se conta que se a pena da a volta e cae do seu pedestal produciríase un gran incendio no que arderían ata sete parroquias.

A orixe da nosa lenda perdeuse no tempo e non sabemos cando naceu nin porqué. Ó longo da miña vida achegueime ao lugar onde se atopa en mais dunha ducia de ocasións atraída pola misterio e a maxia que envolve a curiosa formación rochosa. O conxunto está composto de dúas rochas, a primeira delas está soterrada no chan e so se ve unha parte dela, polo que non coñecemos o seu tamaño real. O que mais impresiona é a enorme rocha que se pousa sobre a primeira en perfecto equilibrio. Chama a atención como se pode manter nesa posición, cando a superficie sobre a que se apoia é mínima. Realmente incrible!!.
Parte da importancia destas historias, radica en que se creaba en torno aos bens protagonistas un halo de misterio que proxectaba un certo medo entre os veciños  facendo que non se atrevesen a profanar eses lugares, así funcionaban como un medio de protección e conservación.

No caso da Pena da Bicuda, ninguén se atreve nunca a tirar a pedra polo medo a que de verdade se puidese provocar un incendio tal que ardesen 7 parroquias. Do mesmo modo que noutros lugares, os veciños non se atrevían a achegarse a un castro protexido por grandes serpes ou no que se dicía que ne habitaban os Mouros, aqueles personaxes míticos os que se lles atribuían raros poderes e rituais misteriosos.
Recentemente obtiven algún datos que me resultan moi curiosos. Souben da existencia doutras Penas Bicudas en Friol e en Teo, cunha imaxe moi similar á da nosa pena,  en equilibrio sobre outra rocha apoiándose nunha pequena superficie, e todos elas teñen ese extremo saínte que se alonga coma o fuciño ou bico dun animal e que apunta cara o norte. Ademais de que en todas aparecen coviñas e algunha pía escavada na rocha da base.

Tamén coñecín que a nosa Pena Bicuda comparte similitudes coas lendas doutras penas, por exemplo coa Pena dos Mouros de Donalbai en Begonte, dela dise que a trouxo unha vella na cabeza mentres fiaba na roca ou que alí se viu unha pita con cen pitiños. É moi común entre as lendas que se diga que as penas as trouxeron mulleres, vellas ou mouras sobre as súas cabezas mentres coas mans fiaban na roca. Na Galicia rural doutros tempos eran normal ver ás mulleres fiando na roca mentres ían de camiño as leiras, aos prados onde tiñan o gando....era unha tarefa que facían continuamente.

Son curiosidades que nos fan pensar e facernos preguntas. A orixe destas lendas perdeuse na memoria dos tempos e chegáronnos de forma oral, polo que é normal que se atopen diferentes versións. Pero que pasa con esas estrañas formacións rochosas…serán froito do azar, da natureza ou da obra da man do home??
Pois quen sabe….cada un que pense o que queira e saque as súas propias conclusións. O que si está claro é que a eternidade destas pedras fai que as lendas sexan tamén eternas, sempre e cando se sigan transmitindo de maneira oral ou se recollan por escrito. Pola parte que me toca seguirei transmitindo a lenda da nosa Pena Bicuda.


E se queredes saber mais sobre lendas da zona de Rodeiro e do Deza, ahí vos deixo unha ligazón a un blog no que as podedes atopar….