Mostrando entradas con la etiqueta Tradición. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Tradición. Mostrar todas las entradas

viernes, 13 de marzo de 2026

Arquitectura popular galega: O Palco de Música.

Palco na Parroquia de Piedrafita, no Concello de Chantada
Os galegos e galegas temos unha forma de ser e de relacionarnos co noso entorno única e moi característica. Contamos cunha capacidade de adaptación e unha habilidade especial para imaxinar e deseñar elementos arquitectónicos ou materiais que nos sirvan para cubrir as nosas necesidades. Deste modo, dende moito tempo atrás, espállanse polo territorio galego diversas e diferentes construcións deseñadas ex-profeso para cumprín funcións especificas; lavadoiros, fontes, hórreos, pendellos, muíños, cruceiros... e todos eles son mostra de enxeño  pero tamén son símbolos de tradición e historia, memoria da vida e da sociedade rural que os creou, son patrimonio etnográfico.

Sobre varios destes elementos patrimoniais xa escribín  e contei en anteriores artigos, pero hai un elemento sobre o que aínda non tratara: o PALCO DE MÚSICA.

Descoñezo a época e o lugar onde está a orixe dos palcos, pero sei que ademais de en Galicia tamén se atopan no Reino Unido con máis dun século de antigüidade. Aquí, na nosa comunidade os máis antigos dátanse nas primeiras décadas do século XX e así quedou recollido nun informe da Dirección Xeral de Patrimonio publicado en 1985. Cabe destacar que estes palcos máis antigos e recollidos no citado catálogo se atópanse ocupando espazos públicos en vilas e cidades, como o da Alameda compostelá.

Pero do que a min me interesa neste post e mirar e contar dos palcos nos espazos rurais, daqueles que levan décadas convivindo cos veciños e veciñas das pequenas parroquias do rural, levantados para  acoller a grupos, bandas e orquestras que enchían de música os días das festas patronais. Construcións sinxelas de estética modesta, consistente nunha plataforma de base rectangular, con acceso de chanzos e cuberta, unha sorte de escenario pensado para as actuacións musicais. Ao longo do tempo, e da súa vida, tamén se diversificaron as actividades a realizar nos palcos, dende representacións teatrais ata celebracións relixiosas, sendo, aínda hoxe, en moitas das parroquias galegas un espazo de reunión e de convivencia, que contribúe á dinamizar a vida e a cultura.

Os palcos son testigos calados do paso do tempo, de historias e relatos de vida das comunidades rurais. En torno a eles tiveron lugar as celebracións das festas patronais das centos de parroquias galegas durante décadas, acollendo aos músicos das orquestra ou grupos de gaiteiros. Días nos que veciños, familias e amigos se xuntan para verse, celebrar e compartir recordos e lembranzas de tempos pasados. Pero a verbena galega é un evento vivo que foi mudando ao longo do tempo, as orquestras demandan máis espazo nos campos da festa para despregarse e os palcos deixaron de ser útiles, en moitos lugares transformáronse ou mesmo foron eliminados. Neste sentido, os palcos falan da evolución da verbena aparellada ó desenrolo económico da sociedade rural.

A Portela - Rodeiro

Son moitos son os recordos que atesouramos arredor dos nosos palcos, lugar de encontro, de xogos de nenos,  onde abrigarse cando chove e de sombra cando fai sol. Acolleron tradicións xa perdidas como as típicas poxas de pezas de carne curada, plantas,...doadas polos mesmos veciños para obter cartos para a festa, ou o relevo entre os ramistas saíntes e os do ano seguinte. Os que se conservan sobreviven, en moitos casos, a duras penas, esquecidos, de costas as verbenas actuais ou reempregados para outros fins que nada teñen que ver coa súa función orixinal.

Dende fai un par anos existe un proxecto  denominado como Proxecto Palcos, impulsado dende o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) e dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que ten como finalidade protexer e conservar a memoria destas construcións totalmente integradas na opaisaxe rural galela. O método empregado é facer un mapeo dos palcos que se atopan espallados por todo o territorio galego, é un proxecto aberto á colaboración de todas e todos. No mapa interactivo podemos sinalar onde se atopa o ben e ademais podemos aportar fotos, textos, información de todo tipo que contribúa a documentar a historia de palco.

link: https://palcos.gal/o-proxecto/

O Proxecto Palcos é unha magnífica iniciativa coa que deixar constancia  da existencia e da historia dun elemento, un ben do noso patrimonio, que corre risco de perderse, moitos xa non están máis ca no recordo duns poucos. Noutros casos, os veciños estamos á espera do que sucederá co que queda deles. Miremos para eles, démoslles o valor e recoñecemento que merecen, fagamos o posible pola súa conservación.

lunes, 26 de junio de 2023

De cando as casas se decoraban con debuxos de cal.

 Dende fai varios anos veño vendo multitude de publicacións e artigos de divulgación sobre os “esgrafiados”. Nun primeiro momento non recoñecín o termo pero si me resultaron moi familiares as fotografías que ilustraban as publicacións, tiña a sensación de que esas imaxes me levaban acompañando toda a vida, que as coñecía e as tiña moi preto.

Unha tarde mentres camiña entre as casas da miña aldea, reparei nos muros dunha das casas mais antigas e abandonada, a casa na que naceu e se criou a miña avoa Emilia. Nos muros exteriores desta casa resisten moi esvaecidos e deteriorados polo paso do tempo os restos desta fermosa técnica decorativa que embeleceu os seus paramentos moito tempo atrás. Hoxe costa distinguilos, pero fai mais de 30 anos sendo eu unha nena, apreciaríanse máis claramente e quedaron gravados na miña memoria.

O esgrafiado é unha técnica artística con múltiples aplicacións ó longo da historia da arte. A súa orixe sitúase en Italia nos séculos da Idade Media, estendéndose por Europa ó mesmo tempo que o estilo arquitectónico de moda naqueles séculos: o románico, cando o máis común era rematar as edificacións cubrindo os muros, tanto interiores como exteriores, cunha capa de morteiro de cal branca. Esta capa de enlucido tiña como finalidade protexer da humidade, desinfectar e dar luz ás paredes, ademais aproveitábase a súa superficie para realizar pinturas ou outros tipos de decoración.

Do latín sgraffiare, a técnica consiste en aplicar sobre unha superficie unha primeira capa de morteiro ou pintura escura, deixar secar e aplicar unha segunda capa mais clara. Sobre esta segunda capa, aínda húmida, é sobre a que se traballa realizando un rascado e sacando á superficie a capa inferior. A técnica aplicouse moito en arquitectura pero tamén en pintura, e no caso galego de maneira diferente.

Entón, o esgrafiado como elemento decorativo pode verse en edificios por toda Europa e España, pero o que nos interesa é o caso galego.

A máxima investigadora e divulgadora desta técnica en Galicia é a antropóloga Mar Sotelo, que ten xa algunha publicación sobre o tema e moito traballo feito a través de redes sociais, conferencias, entrevistas, etc. Esta muller, leva anos recorrendo Galicia estudando e recollendo os moitos exemplos sobrevivintes, chegando a interesantes conclusións sobre a súa orixe e razón de ser. Foi ela quen adoptou o termo “esgrafiado galego” para identificar estes debuxos de cal.

Á nosa terra, crese que poido chegar a través do Camiño de Santiago, por el chegaron a Galicia Peregrinos, pero tamén mestres canteiros e artesáns que traian consigo os saberes, as técnicas e as modas que se cociñaban en Europa. Ó longo da Ribeira Sacra  e diseminados por todo a rural, atopámonos con exemplos en casas, pazos, hórreos, alpendres, pero os exemplos mais antigos  están nos paramentos de igrexas e mosteiros de raíz románica. Moitos destes edificios están hoxe en día abandonados, e iso é precisamente o que permitiu que os esgrafiados dos seus muros sobrevivisen, xa que dende hai moito tempo a moda é eliminar o encalado das paredes deixando a pedra vista. Unha moda que ten como consecuencia a perda de esgrafiados pero tamén dos resos das fermosas pintura murais do interior das igrexas medievais.

A verdade é que as casas que conservan este tipo de decoración son ben fermosas e chaman moito a atención. O “esgrafiado galego” é diferente ao que se atopa noutros lugares de España ou Europa, tanto pola maneira de aplicar a técnica como polos motivos ou temas representados.

Aquí na nosa terra, a decoración en cal era a parte final da obra e funcionada como un encintado da pedra, cubrindo as xuntas e parte da superficie da pedra, e deixando outras partes á vista. Probablemente nun inicio a función sería a de protexer da humidade, pois a pedra é un material poroso que pouco a pouco, e co largos que son os nosos invernos, acaba filtrando ao interior. Imaxino que, co tempo e o inxenio dos canteiros e artesáns, o que era algo funcional se converteu en algo decorativo ademais dunha demostración persoal de talento artístico.  

Dende logo os esgrafiados son testemuño dunha época pasada que nos permite coñecer un pouco como era aquela sociedade que nos queda xa moi lonxe no tempo. Polo que se pode ver a través dos esgrafiados é unha clara diferencia social, así as casas das familias con menos recursos presentan un esgrafiado mais simple e funcional, mentes que nas das familias con mais poder económico os motivos son mais elaborados e dentro dun amplo catálogo de filigranas, figuras e motivos que mesmo representan auténticas escenas nas que se mesturan persoas e animais. E tamén nos permiten recoñecer as partes da casa, porque a decoración se limita á planta nobre da vivenda, na primeira planta onde estaban os cuartos, xa que o habitual era que a planta baixa se destinase a cortes para os animais. tamén se caleaban e decoraban as xambas e dinteis de fiestras e portadas.

O esgrafiado galego é toda unha representación da arte e da cultura dunha época, un documento gráfico que aporta información da sociedade na que viviron os nosos antergos. En definitiva, é un elemento máis que enriquece o amplo catálogo do noso patrimonio.

 

lunes, 8 de febrero de 2021

Buscando pegadas do pasado

Nas ocasións en que temos reunión familiar na casa, escoito os meus maiores falar de tempos pasados, da vida na aldea cando eran mozas e mozos. Gústalles lembrarse daqueles anos e contar divertidas anécdotas de cando ían polos antigos carreiros e camiños que os levaban a outras aldeas, á escola, ó zapateiro,… ou mesmo para ir ás romarías. Ese carreiros dos que falan, daquela cheos de vida polo diario ir e vir de xentes, hoxe xa non se poden seguir, desapareceron confundíndose co entorno, outros camiños aínda se conservan definidos e ben trazados pero sen vida.

Ás veces gústame saír a camiñar e perderme por eses vellos camiños que rodean a aldea onde vivo e sobre os que teño escoitado contos e historias. Algúns deles están abandonados e discorren a carón de terreos, chousas e lugares tamén abandonadas, sen uso nin aproveitamento.

Todos sabemos que o rural esmorece dende hai décadas. A vida nel nunca foi doada, moitos dos seus fillos fuxiron buscando un porvir mellor, para os que quedaron as cousas seguen sen ser doadas. Unha das consecuencias máis recoñecibles do despoboamento e o evidente abandono das terras, que permanecen no seu lugar  pero sen donos que as coiden e as fagan producir, tamén abandonados os camiños que indicaban as xentes como chegar ata as súas terras.

A falta de tránsito fixo que a maleza fose ganando terreo e fainos intransitables nalgúns tramos, aínda que nos terreos onde medraron fortes carballos e castiñeiros, xa centenarios, os camiños están abertos e pódese camiñar por eles, eses grandes árbores non deixan que baixo a súa sombra medren as silvas. Alí os vellos camiños, cos seus inseparables valados dirixindo o seu trazado, consérvanse como detidos no tempo.

Outra razón pola que os antigos camiños perderon o uso foi porque se trazaron outros novos, mais anchos e mellores, pistas de terra ou de asfalto, necesarias para cubrir as necesidades do uso de novas máquinas coas que se traballa a terra. Os novos medios de explotación intensiva da terra precisan novas vías e infraestruturas.

O conto é que nos arredores das nosas aldeas atopamos terreos e camiños abandonados que dan forma á paisaxe tradicional do rural. Terreos e camiños trazados e limitados por valados de pedra levantados polas mans dos nosos antergos, pedra a pedra. Os valados a xunta seca están inscritos pola UNESCO na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade, moitos deles foron levantado fai décadas ou mesmo centos de anos e son un sinal da humanización do territorio que está plenamente integrado na paisaxe, igual que outros elementos coma os muíños ou as pontes e pontellas.

Así, a nosa paisaxe tradicional está composta de elementos naturais: carballos, castiñeiros, fentos,… pero tamén forman parte da paisaxe as historias de todas as mulleres e homes que lle deron vida e forma intervindo nel sempre con respeto levantando valados, muíños ou pontes. A man do home non so deixou na paisaxe a súa intervención de maneira material senón que, a paisaxe mais tradicional está ligada a vellas lendas e contos coma a da Santa Compaña ou a “Antaruxada”, elementos do noso patrimonio inmaterial que lle da un encantador aire de misterio, unhas crenzas populares que se trasmitiron de xeración en xeracións de maneira oral.

Se decides aventurarte, como a veces o fago eu, por algún destes lugares esquecidos, distantes do trasego diario típico do campo, alí onde so se pode sentir o ruído da natureza, dos regatos de auga correndo, o silvar dos paxariños,… alí onde parece que se detivo o tempo,  se miras ben poida que te atopes coas pegadas do pasado feitas cos zocos cos que outras e outros pisaron antes por aquí…e quen sabe se incluso chegues a sentir a “Antaruxada”!!!.

miércoles, 13 de enero de 2021

Noites de inverno a carón da lareira.

Acabamos de comezar un novo ano, o esperado 2.021, e comeza con neve, xeada,...moito frío, un frío moi levadeiro coas comodidades actuais, boas casas con calefacción e cociñas de ferro que fan das novas vivendas do rural espazos moi agradables.

Pero se votamos a vista atrás, para os nosos avós os días de invernos cando apretaba o frío non eran tan levadeiros.  Daquela os invernos eran moito mais duros que ahora, as nevadas duraban días mesmo algunha semana, fortes xeadas,…tempos que recordan os nosos maiores, pero o cambio climático fai das súas e as cousas cambiaron moito.

Naquelas casas antigas o único espazo quente e agradable no que pasar as longas noites de inverno eran as cociñas, e nela a protagonista absoluta era a “lareira”. A lareira ocupaba un lugar estratéxico no espazo da cociña, un punto céntrico e arrimada a un dos muros laterais, sobre ela o lume ardía todos os días do ano, verán ou inverno, pois era o que había non so para quentarse, senón tamén para cociñar. Compoñíase de varias laxas de pedra, aínda que seguro se pode atopar algunha dunha soa peza. Nas casas grandes ou pazos, estaba cuberta por unha gran campá, tamén de pedra, que recollía o fume e que se traducía no exterior da casa nunha gran cheminea. Nas vivendas mais modestas, nin campá nin cheminea, o fume escapaba entre as tellas non sen antes deixar a súa escura pegada nas paredes e sobre os escasos mobles distribuídos pola estancia.

Arredor da lareira acomodábanse os membros da familia e, en ocasións, algún veciño que se achegaba a pasar un anaco o tempo. Así, agarimados ao calor do lume, comían e bebían, ó tempo que comentaban os sucesos do día e o resultado das traballos feitos, falaban e conversaban. . Noutras ocasións xuntábanse cos veciños e veciñas para facer algunha tarefa coma a “fía” do liño, e mentres fiaban cantaban e rían, para eles ese era un modo de divertirese, pois daquela as persoas non estaban ocupadas en ver a tv ou abducidos polos seus teléfonos móviles

Para sentarse a carón da lareira, empregaban bancos ou un “escano”, especie de banco de madeira con asento e unha táboa móvil que se colocaba diante dos usuarios para comer.  Na lareira, o espazo central era para o lume e arredor toda sorte de potas, potes, cazolas, tixolas e trespés, necesarios para facer as comidas. Sobre ela a “trendeira”.[https://isaferb.blogspot.com/2020/05/pezas-de-museo-5-trendeira.html]

Un moble moi curioso era a “alcoba”, unha cama a modo de gran caixón de madeira na que pasar as noites de inverno na estancia máis cálida da casa, normalmente destinada aos mais maiores da familia, e se había bebés, o berce tamén tiña na cociña un lugar para o inverno.

Hoxe en día podemos coñecer e ver reproducións destas cociñas nalgúns museos de etnografía, escenografías que nos mostran como eran ou que utensilios e mobles se podían atopar nestes espazos.

Persoalmente eu aínda lembro de nena as visitas á casa dos meus bisavós algúns domingos, eles aínda tiñan unha desas cociñas co lume na lareira. Lembro como nos sentábamos arredor dela, e como xantábamos agarimados pola calor do lume de carballo. Son recordos que me acompañaran sempre e que sentín moi recentes cando tiven ocasión de visitar unha cociña real na que se conserva a vella lareira coa trendeira e todas as potas e potes, como detida no tempo.

 

miércoles, 14 de octubre de 2020

RUTA 4: Rodeiro ten que ver no "Camiño de Inverno".

Reza o dito que “todos os camiños levan a Roma” , dito que si o  aplicásemos á nosa terra ben podemos dicir que “todos os camiños levan a Santiago”,  pois moitas das nosas Comarcas e vilas están atravesadas por algún tramo dalgunha das históricas rutas de peregrinación a Compostela.

Sexa como sexa, en Rodeiro podemos presumir de que pola nosa terra cruzan os peregrinos que, cada ano máis, elixen a ruta do Camiño de Inverno para chegar a Santiago e á súa catedral, escenario no que repousan os restos do Apóstolo.

O Camiño de Inverno é unha ruta con moita historia e unha antiquísima orixe, avalada por numerosos estudos de investigación e recoñecida pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia 5/2016 do 4 de maio, lei que dedica un dos seus Títulos a os Camiño de Santiago, ó seu concepto, natureza, protección, usos,…

A nosa ruta, o Camiño de Inverno, nace en Ponferrada, dende onde se dirixe ó Val do Sil. Ela é a  alternativa do Camiño Francés que, dende a Idade Media, os peregrinos seguían para evitar subir aos altos do Cebreiro durante o frío e duro inverno. Pero a orixe deste vía de paso é aínda mais antiga, posto que fora descuberta polos romanos e, de feito, está documentada por este mesmo camiño o trazado dunha das súas famosas calzadas, neste caso secundaria, e coa que comunicaban as explotacións mineiras de ouro das Médulas coa Vía  XVIII. Co paso do tempo e  da historia, transitaron por ela outros pobos, os monxes do Císter empezaron por aquí a repoación, e as tropas napoleónicas accederon a Galicia por este camiño. Finalmente, como apunte histórico, a finais do século XIX trazouse por aquí a primeira liña de ferrocarril que comunicou Galicia coa Península.

O Camiño de Inverno, dende Ponferrada a Compostela son 9 etapas e 250 Km. Das etapas, a 6 e a 7 son as que pisan o noso concello; a etapa 6 e a de Chantada a Rodeiro; e a 7 dende Rodeiro a Á Laxe en Lalín, onde se une á Vía da Prata ata Santiago.

Seguir o tramo desta Ruta Xacobea por terras de Rodeiro permítenos coñecer e achegarnos a algúns do lugares de mais interese patrimonial natural, histórico e cultural do concello. Ademais de ser unha actividade perfecta para estes días de outono nos que o entorno natural está vestido coas cores propias da época. Entón se che parece comezamos esta bonita ruta de maneira virtual que espero sexa un aliciente para facela real… ;)

Sendeiro da Virxe.

A ruta comeza xunto á capela do Faro no punto mais alto da Serra do Faro, a fronteira natural entre Rodeiro e Chantada, ata alí soben os peregrinos do Camiño de Inverno dende Penasillás (Chantada), polo mesmo camiño que cada 8 de setembro se fai coa Virxe do Faro o día da súa festa grande: a Romaría do Faro, festa que ten a súa orixe na lenda das tres virxes irmás. Aínda que a Virxe do Faro vive todo o ano na parroquia de Requeixo (Chantada), todos en Rodeiro sentímola tamén nosa e para nos o 8 de setembro é un día de festa en familia que compartimos cos veciños de Chantada e con todos os romeiros que se achegan ese día dende todos os puntos de Galicia.

O tramo final de chegada á capela é un sendeiro empinado entre os pinos, cuberto de herba fina, suave, e flanqueado por un Vía Crucis de pedra, que os devotos fan descalzos ou de xeonllos os días da Romería coma ofrenda, é o Sendeiro da Virxe  e a lenda conta que por el pasou a Virxe e por iso non medra nel nin herbas malas nin toxos. O noso patrimonio inmaterial está cheo de crenzas populares coma esta de temática relixiosa.

Chegar ao alto do Faro vale a pena aínda que so sexa polas vistas, das que seguimos gozando seguindo a nosa ruta ladeira abaixo con destino ao Val de Camba. Camiñamos pola pista forestal ao pé dos xigantescos aeroxeneradores que dende fai anos debuxan a liña  da serra de punta a punta, sinalando a fronteira entre Rodeiro e Chantada. Por este tramo da ruta fixámonos no patrimonio natural, na paisaxe tradicional do interior galego e dunha terra que mostra as consecuencias da principal actividade económica da zona: a actividade agraria, que a divide e transforma segundo as necesidades, sempre con respeto e agarimo.

Fachada da Casa Fortaleza de Camba.

Xa en pleno Val de Camba, facemos parada no Pazo de Camba, este edificio é o corazón do Val e destas terras, un emblema da nosa historia construído en pedra na Idade Media e que foi habitado polos Churruschaos, primeiros dunha longa árbore xenealóxica que encheu de vida e de historia a Casa. Ela, a Casa de Camba, naceu como torre defensiva medieval, medrando e evolucionando a Pazo ata o século XVII. E non esquezamos fixarnos na pequena igrexa, de orixe románica, conta con algúns interesantes detalles coma un reloxo de sol no exterior e uns capiteis labrados de boa calidade no interior, ademais dun sarcófago de pedra que recorda a figura dun dos señores da Casa de Camba.

Pero sigamos andando que non temos tempo que perder!!, o camiño fainos cruzar polo Val e os seus campos, salpicado de aldeas que o enchen de vida e actividade a diario. O seguinte punto de interese co que nos chocamos está no lugar de Río, alí sobreviven os vellos Pendellos da feira, aquelas casetas de pedra cubertas que empregaban os tendeiros os días de feira para expoñer as súas mercadorías. Son moi poucas as vilas galegas que conservan este tipo de construcións populares que teñen a súa orixe na Idade Media e que enriquecen o noso patrimonio etnográfico. Eles son a memoria dos antigos mercados rurais, do bullicio dos días de feiras nas que se xuntaban os veciños dos lugares da contorna para mercar e vender, pero sobre todo eran eventos de socialización e reunión, de idas e vidas de chismes e contos, días de diversión que quedan xa moi lonxanos no tempo.

Pendellos da Feira en Río.

Despois da parada en Río, camiñamos ata Rodeiro, a capital do concello. Este é o punto no que remataría a etapa 6 do Camiño de Inverno, aínda que neste caso, despois de pararnos a coñecer a Casa do Concello e a historia do solar que ocupa, seguimos camiño ata completar o tramo  do Camiño por Rodeiro. A historia deste lugar xa a incluín no post da primeria ruta que suxeria por Rodeiro e que comezaba xusto xunto a este edificio… ahí queda a ligazón:


https://draft.blogger.com/blog/post/edit/8929301195690437752/8500817118211199694

Aínda que algúns anacos de camiño discorren por modernas pistas asfaltadas, moito faise polos vellos camiños e sendeiros  que tradicionalmente unían aldeas e lugares, camiños que teñen moitas historias que contar das xentes que os usaron a diario para ir traballar as leiras e prados, ou para ir ao zapateiro ou ó xastre que exercía o oficio noutra aldea, pero tamén para ir ás romarías, as feiras, ou as mozas, e neste caso das historias e motivos polos que os Peregrinos queren chegar a Compostela. Os vellos camiños e corredoiras teñen tanto que contar!.

Despois de camiñar un largo anaco por eses camiños, a parada final da ruta do Camiño de Inverno está no lugar de O Mesón de Pedroso, a toponímia lembranso que neste lugar se daba pousada a peregrinos e camiñantes. A aldea é en si mesma un conxunto de interese patrimonial ó que se chega cruzando a vella Ponte Medieval marcada coas típicas cunchas de vieira que se identifican cos Camiños de Santiago. Sobre este lugar tamén publiquei xa un post fai meses que podedes recordar ahora… ligazón: https://draft.blogger.com/blog/post/edit/8929301195690437752/2762290961628918926

Ben… aquí remata a viaxe virtual de hoxe por terras de Rodeiro seguindo o Camiño de Inverno que espero que resulte interesante e que anime a poñer as botas e saír a facela!!

Animáste??...

 

 

 

martes, 15 de septiembre de 2020

Fornos de pedra.

O verán é tempo de festas, non hai nin unha soa parroquia ou aldea galega que non teña unha ou dúas festas na honra a algún dos santos que se veneran na súa igrexa. Este ano atípico no que as festas son diferentes eu non deixo de lembrar, como cada ano, cando de nena nos xuntábamos con algunhas das veciñas nas vísperas da festa para facer os doces cos que se remataba a sempre abundante comida familiar. Xa non lembro o forno da miña casa, desfíxose antes de que eu nacera, e íamos ao duns veciños a cocer os biscoitos, roscón e brazo de xitano tradicionais. Conservo na memoria a imaxe das mulleres batendo ovos e fariña, mentres outras quentaban o forno, e recordo tamén o sabor daqueles doces. 

O forno de pedra era unha das construcións auxiliares esenciais da casa no rural, imprescindible para cocer o pan, un básico da dieta diaria doutros tempo, pero tamén rquçisimas empanadas ou sabrosos doces. O forno estaba en moitos casos dentro da casa, na mesma cociña ou preto dela, noutros casos estaba fora nun galpón exterior anexo á casa. 

Hoxe, moitos deles, aínda se conservan nalgún recuncho esquecido, mentres que outros correron peor sorte, e, perdida a súa utilidade, coas obras de reforma e acondicionamento das vellas casas, foron desmantelados. Tamén os había comunais, dos que se servían todos ou algúns dos veciños da aldea. Eles, os supervivintes que se conservan nese recuncho da “casa vella” ou nese galpón ao que xa nunca entramos, gardan na súa memoria unha tradición xa perdida, coma tantas outras, a de facer o pan na casa de maneira totalmente manual e artesá. 

O material co que se construían era a pedra, por un lado é moi resistente as altas temperatura e por outro, unha vez quente, conserva a calor durante o tempo suficiente para que se complete a cocción. Nos muros do forno debíase de procurar que as xuntas das pedras quedasen ben unidas, para evitar perder a calor. O acceso ao interior téñeno na parte frontal, non moi grande, o suficiente para poder traballar dende fora comodamente tanto para quentalo como para meter as pezas para cocer, e que se podiese cerrar e selar doadamente, debia de aguantar a calor no seu inteior o maior tempo posible. Dentro forma un gran oco baleiro, amplo e, a miúdo, con forma redondeada ao fondo, que se traducía ao exterior na parte traseira cunha característica forma curvada. Moitas veces se andamos por algunha aldea ou no interior dalgunha casa se somos observadores podemos identificar a existencia dun forno  porque nos atopamos con esa curva saínte nalgún muro. Noutros casos a construción é de liñas rectas e forma un cubo.

A súa principal labor era a de cocer o pan para toda a familia polo menos para o seu consumo por varios días ou toda a semana. Amasar, quentar o forno e cocer era unha tarefa que esixía moito tempo e na que se implicaba gran parteda familia, polo que non se podía facer a diario, entón procurábase facer a cantidade suficiente polo menos para toda a semana. No caso dos fornos comunais era preciso establecer acordo de uso cos demais usuarios e días e horarios para facer a fornada. Xa metidos en faena, o primeiro paso era amasar. Os ingredientes eran a fariña de centeo cultivado na casa, máis recentemente introduciuse a fariña de trigo, auga e sal, ademais do lévedo, iso que hoxe está tan de moda e do que tanto se fala: a “masa nai”, e que non é máis ca unha porción de masa xa levedada que se gardou da anterior fornada. Unha vez ben amasado e partida a masa en pezas deixase en repouso o tempo preciso para que o lévedo faga o seu traballo, facendo que a masa aumente de volume e esponxe. Para toda esta parte do traballo emprégase un moble típico das casas de antes, a artesa, aínda se conservan moitas, similares a grandes caixóns ou baúis nos que se amasaba, se deixaba repousar e levedar a masa, e finalmente tamén na artesa conservába o pan unha vez cocido. 

Un paso moi importante era quentar o forno. E estes fornos quéntanse prendendo o lume dentro, directamento no seu interior. Para elo empregábanse xestas secas, uces ou mesmo toxos, logo o lume mantíñase con leña mais gorda, por exemplo de carballo que fai boa brasa e da moita calor. O caso era quentalo ben e que alcanzase unha gran temperatura no interior. E como saber cando era suficiente?, porque daquela non había termómetros que medisen os graos, entón botaban man da experiencia e da sabedoría dos mais vellos, gañada cos anos de traballo. Alcanzada a temperatura desexada había que varrer ben o interior para meter os moletes de pan axudándose cunha pa de madeira, ademais dalgunha empanada, bolas e boliños para os nenos ou un bonequiño de pan que algún avó facía con cariño para os netos. 

Para que a temperatura no interior aguantase o máximo posible pechábase o acceso. Algúns fornos mesmo teñen unha portilla labrada en pedra unida ao muro lateral cunha bisagras, senón era o caso empregabase unha laxa ou rocha, o importante  era que quedase ben selado, mesmo curiosamente, empregábase bosta de vaca. para tapar ben as ranuras.

Agora toca esperar a que todo este cocido,… Qué cando tempo tiña que pasar?, pois iso xa é outra historia!. Hoxe en día sabemos aquilo que rezan as receitas de cociña de 40 minutos a 180º, e así axustamos o temporizador dos nosos fornos. Pero daquela sen termómetro nin temporizador, eran os nosos antergos os que tiñan a experiencia precisa, transmitida de xeración en xeración, para saber cando era o momento de abrir o forno e sacar o pan perfectamente cocido e saboroso. 

 E ti...tes algún recordo de cando se cocía na casa?, conservades o vello forno de pedra?. Si queres non deixes de compartir os teus recordos na sección de comentarios.