martes, 15 de septiembre de 2020

Fornos de pedra.

O verán é tempo de festas, non hai nin unha soa parroquia ou aldea galega que non teña unha ou dúas festas na honra a algún dos santos que se veneran na súa igrexa. Este ano atípico no que as festas son diferentes eu non deixo de lembrar, como cada ano, cando de nena nos xuntábamos con algunhas das veciñas nas vísperas da festa para facer os doces cos que se remataba a sempre abundante comida familiar. Xa non lembro o forno da miña casa, desfíxose antes de que eu nacera, e íamos ao duns veciños a cocer os biscoitos, roscón e brazo de xitano tradicionais. Conservo na memoria a imaxe das mulleres batendo ovos e fariña, mentres outras quentaban o forno, e recordo tamén o sabor daqueles doces. 

O forno de pedra era unha das construcións auxiliares esenciais da casa no rural, imprescindible para cocer o pan, un básico da dieta diaria doutros tempo, pero tamén rquçisimas empanadas ou sabrosos doces. O forno estaba en moitos casos dentro da casa, na mesma cociña ou preto dela, noutros casos estaba fora nun galpón exterior anexo á casa. 

Hoxe, moitos deles, aínda se conservan nalgún recuncho esquecido, mentres que outros correron peor sorte, e, perdida a súa utilidade, coas obras de reforma e acondicionamento das vellas casas, foron desmantelados. Tamén os había comunais, dos que se servían todos ou algúns dos veciños da aldea. Eles, os supervivintes que se conservan nese recuncho da “casa vella” ou nese galpón ao que xa nunca entramos, gardan na súa memoria unha tradición xa perdida, coma tantas outras, a de facer o pan na casa de maneira totalmente manual e artesá. 

O material co que se construían era a pedra, por un lado é moi resistente as altas temperatura e por outro, unha vez quente, conserva a calor durante o tempo suficiente para que se complete a cocción. Nos muros do forno debíase de procurar que as xuntas das pedras quedasen ben unidas, para evitar perder a calor. O acceso ao interior téñeno na parte frontal, non moi grande, o suficiente para poder traballar dende fora comodamente tanto para quentalo como para meter as pezas para cocer, e que se podiese cerrar e selar doadamente, debia de aguantar a calor no seu inteior o maior tempo posible. Dentro forma un gran oco baleiro, amplo e, a miúdo, con forma redondeada ao fondo, que se traducía ao exterior na parte traseira cunha característica forma curvada. Moitas veces se andamos por algunha aldea ou no interior dalgunha casa se somos observadores podemos identificar a existencia dun forno  porque nos atopamos con esa curva saínte nalgún muro. Noutros casos a construción é de liñas rectas e forma un cubo.

A súa principal labor era a de cocer o pan para toda a familia polo menos para o seu consumo por varios días ou toda a semana. Amasar, quentar o forno e cocer era unha tarefa que esixía moito tempo e na que se implicaba gran parteda familia, polo que non se podía facer a diario, entón procurábase facer a cantidade suficiente polo menos para toda a semana. No caso dos fornos comunais era preciso establecer acordo de uso cos demais usuarios e días e horarios para facer a fornada. Xa metidos en faena, o primeiro paso era amasar. Os ingredientes eran a fariña de centeo cultivado na casa, máis recentemente introduciuse a fariña de trigo, auga e sal, ademais do lévedo, iso que hoxe está tan de moda e do que tanto se fala: a “masa nai”, e que non é máis ca unha porción de masa xa levedada que se gardou da anterior fornada. Unha vez ben amasado e partida a masa en pezas deixase en repouso o tempo preciso para que o lévedo faga o seu traballo, facendo que a masa aumente de volume e esponxe. Para toda esta parte do traballo emprégase un moble típico das casas de antes, a artesa, aínda se conservan moitas, similares a grandes caixóns ou baúis nos que se amasaba, se deixaba repousar e levedar a masa, e finalmente tamén na artesa conservába o pan unha vez cocido. 

Un paso moi importante era quentar o forno. E estes fornos quéntanse prendendo o lume dentro, directamento no seu interior. Para elo empregábanse xestas secas, uces ou mesmo toxos, logo o lume mantíñase con leña mais gorda, por exemplo de carballo que fai boa brasa e da moita calor. O caso era quentalo ben e que alcanzase unha gran temperatura no interior. E como saber cando era suficiente?, porque daquela non había termómetros que medisen os graos, entón botaban man da experiencia e da sabedoría dos mais vellos, gañada cos anos de traballo. Alcanzada a temperatura desexada había que varrer ben o interior para meter os moletes de pan axudándose cunha pa de madeira, ademais dalgunha empanada, bolas e boliños para os nenos ou un bonequiño de pan que algún avó facía con cariño para os netos. 

Para que a temperatura no interior aguantase o máximo posible pechábase o acceso. Algúns fornos mesmo teñen unha portilla labrada en pedra unida ao muro lateral cunha bisagras, senón era o caso empregabase unha laxa ou rocha, o importante  era que quedase ben selado, mesmo curiosamente, empregábase bosta de vaca. para tapar ben as ranuras.

Agora toca esperar a que todo este cocido,… Qué cando tempo tiña que pasar?, pois iso xa é outra historia!. Hoxe en día sabemos aquilo que rezan as receitas de cociña de 40 minutos a 180º, e así axustamos o temporizador dos nosos fornos. Pero daquela sen termómetro nin temporizador, eran os nosos antergos os que tiñan a experiencia precisa, transmitida de xeración en xeración, para saber cando era o momento de abrir o forno e sacar o pan perfectamente cocido e saboroso. 

 E ti...tes algún recordo de cando se cocía na casa?, conservades o vello forno de pedra?. Si queres non deixes de compartir os teus recordos na sección de comentarios.