miércoles, 12 de febrero de 2020

Arte Contemporánea: que é iso?

Fai pouco aproveitamos unha breve estancia en Santiago para visitar algún dos espazos expositivos da vila, un deles foi o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), un edificio moi especial situado á marxe da Cidade Vella, ao ladiño de Santo Domingo de Bonaval, forman un conxunto perfecto no que se contrasta o novo e vello, arquitectura contemporánea e outra na que se mesturan Gótico e Barroco. Dous edificios que levan tanto tempo convivindo que xa non estenderíamos o lugar se faltase algún dos dous.

Son dous edificios magníficos que albergan cada un deles un tipo de exposición, no CGAC podemos visitar en cada momento a proposta de arte contemporánea que toque, son exposicións temporais. Pola contra, no antigo edificio de Bonaval temos o Museo de Pobo Galego no que se presenta unha interesante exposición etnográfica que nos ensina moito sobre a tradición e a cultura de Galicia.

Unha imaxe da última exposición
no Cgac, para que se xoga cos
espazos interiores e exteriores.
E non so as exposicións son interesantes senón que os propios edificios son dignos de admiración, cada un dentro do seu estilo. O edificio do CGAC é unha arquitectura contemporánea con interiores amplos e un espazo moi versátil o que lle sacan moito partido nas montaxes expositivas, incluso xogando co interior e  o exterior. E logo está o Museo do Pobo Galego, un emblemático edificio de Compostela con elementos arquitectónicos góticos e barrocos realmente fermosos, como a famosa escaleira de caracol.

Volver de vez en cando a estes museos tráeme recordos dos anos de estudante, de ir a visitar as exposicións que alí se presentaban, cursos ou das tardes de inauguracións. Foron bos momentos, dende logo!. ;)

Ben, creo que me estou lidando moito e ó tema deste post era a Arte Contemporánea, entón volvo a el!.

Sempre que visito un espazo no que se expón este tipo de arte súrxenme certas preguntas, como a que da título ao post. Unha pregunta que de seguro se fai moita xente e se pode ver desde dous puntos de vista.

Primeiro, indo polo sentido conceptual, é decir, a que nos referimos con este concepto dentro da Historia da Arte. Pois ben, en xeral dentro do termo “arte contemporánea” encadramos a toda a produción artística que se está xerando dende comezos do século XX ata hoxe, dende os movementos dentro da  chamada “Arte de Vangarda”,  supuxeron un punto de inflexión na arte abrindo o camiño a multitude de novas maneiras de expresión, os artistas poden ser máis libres, sen medo a romper as normas establecidas, experimentan con novas técnicas e formas, buscando a diferenza e a provocación. Ó longo do século XX sucedéronse un tras outro novos movementos (impresionismo, cubismo, dadaísmo, surrealismo, abstracción, póvera, pop-art,…) que contribuíron a crear un amplísimo catálogo de diferentes formas de expresión, a veces alagadas e outras desprezadas, pero sempre provocadoras. Entón ó final, a arte contemporánea e o artista contemporáneo o que busca é provocar, provocar sensacións no espectador, ou provocar polémica, que se fala dela.

O espazo interior é amplo,
ben iluminado
e versatil.
Segundo, voume referir a ese momento no que te paras diante dunha peza de arte contemporánea ou no centro da sala de exposicións e te preguntas: que é isto?. Unha sensación que nos pode crear incluso rechazo pola  arte contemporánea. Ese é un momento polo que pasamos todos, teñamos ou non teñamos formación en arte ou saibamos mais ou menos. Aquí dou un consello: se te dispós a visitar una exposición de arte contemporánea deixa os medos e os prexuízos fora da sala, leva a mente aberta e nunca penses en si serás quen de entender ou non a obra. Ó final do que se trata é de pararse a observar a peza e deixarnos levar polos sentidos.

Para entender unha obra de arte contemporánea non fai falla ser un entendido, nin coñecer a traxectoria do artista ou do movemento no que se insire o seu traballo, sobre todo porque é case imposible coñecer e entender todas as vertentes artísticas da arte contemporánea actual.


É moito máis simple, simplemente hai que saber mirar, deixarnos levar pola nosa mente e polas sensacións que a obra nos suxire. Esa é maneira de disfrutar da Arte Contemporánea.