martes, 20 de agosto de 2019

"Coto dos Mouros": un monumento funerario máis antigo que as pirámides de Exipto.

Nos primeiros post publicados presentaba algún dos bens arqueolóxicos do meu concello, Rodeiro, un tipo de patrimonio moi abundante nestas terras do interior de Galicia. Nesta ocasión volvo sobre este tema cunha nova variedade de ben arqueolóxico: a mámoa, das que temos inventariadas máis dun cento repartidas por todo o concello. En concreto na zona de O Couto, ao norte de Rodeiro, localízanse varios grupos de mámoas formando necrópoles, ou o que é o mesmo: os cemiterios da Idade de Bronce que sobreviviron miles de anos camuflados na nosa paisaxe.

Como ben digo, nesta terra hai máis dunha centena de mámoas, de todas elas destaca especialmente unha: a “Mámoa do Coto do Mouros”, na mesma parroquia que antes mencionei ó norte do concello e que me serve de fío condutor neste artigo.

A  “Mámoa do Coto dos Mouros” localízase moi preto da aldea de Alemparte totalmente integrada na paisaxe natural, chégase ata ela por un camiño e podemos distinguila como un outeiriño que sobresae do terreo. Esta é un dos mellores modelos de mámoa da que temos constancia en Rodeiro, un exemplar único polas súas dimensións e características construtivas que se pode empregar como documento para estudar estes bens. Porque unha mámoa non é mais ca o tipo de enterramento que usaba a sociedade na Idade do Bronce, fai milleiros de anos.

Na súa construción empregaban grandes pedras; e de novo un exemplo do uso da pedra como elemento de base para unha construción, un material resistente e perdurable no tempo. Así, de pedra, erguianse os muros laterais e a cuberta formando unha estancia ou cámara, logo, poriba cubríase con pedras máis pequenas e terra de modo que a estrutura quedaba semisoterrada no terreo e integrada no entorno. Son de diferentes tamaños e sempre teñen a entrada orientada ao nacente, unha entrada de acceso que nalgúns casos conta cun corredor e noutros non.

Imaxe do pasado outono de Coto dos Mouros,
 moi cuberta pola maleza
que medra sen control sobre ela.
Pois ben, a “Mámoa do Coto dos Mouros” segue ese esquema clásico en planta, unha cámara de gran tamaño á que se accede atravesando un corredor de varios metros que se atopa mirando cara o nacente. Pero ademais esta ten algo que a fai diferente e moi valiosa, no seu interior aínda hoxe conserva restos dunhas pinturas en cor negra e vermella sobre unha base de reboco branco que representan liñas rectas e quebradas en zig-zag, ademais dunha figura antropomorfa. Da orixe e razón destas pinturas pouco se pode asegurar, pero o que si é certo é que dan pe a imaxinar diferentes hipóteses sobre a vida das persoas que as puideron facer e os seus motivos. Probablemente eses motivos estarían relacionados cos seus rituais e cerimonias funerarias, quizais a figura humana represente a un defunto que se soterrou nese lugar. Quen sabe cal é o misterio que calan eses antigos debuxos que a mámoa leva protexendo no seu interior dende hai miles de anos.

E ese misterio que rodea a estes antiquísimos bens fixeron deles lugares máxicos que os nosos antepasados ligaron a non menos misteriosas personaxes como os "mouros", a quenes atribuían estraños poderes máxicos cos que protexían valiosos tesouros segredos, uns tesouros que no caso das mámoas non eran máis que os axuares compostos de armas, xoias e pezas de cerámica enterrados xunto ao defunto. Aínda hoxe a toponimia de moitos lugares onde se atopan mámoas ou castros ten a palabra mouro ou moura no seu nome, e ademais se indagamos un pouco sobre a súa historia de seguro coñeceremos algunha misteriosa lenda relacionada cos míticos mouras e mouras que habitan estes restos arqueolóxicos, ou sobre alguén que se enriqueceu a conta dos tesouros atopados no lugar. A nosa cultura popular está chea destas historias que contribúen a enriquecer o noso patrimonio inmaterial e que, ademais, reflexan a estreita relación entre os nosos bens patrimonias e a sociedade coa que conviven.


Fotografía do oco na cuberta da mámoa
polo que vemos algo do interior.
A “Mámoa do Coto dos Mouros” é un maravilloso exemplo de patrimonio material arqueolóxico que sobrevive ano tras ano para recordarnos a historia máis antiga destas terras. Un mausoleo da Idade de Bronce que está xa moi deteriorado e afectado polo paso dos anos, que valía a pena consolidar para que non acabe por esmorecer. Un síntoma do seu deterioro é que os veciños do lugar contan cando de nenos podían acceder ao seu interior por un oco entre as laxas da cuberta, hoxe xa non se pode facer.


Din dos exipcios que construíron as pirámides a modo de monumento funerario pensado para que durasen eternamente e fosen admiradas xeración tras xeración. Cres que tamén o pensaron os nosos antergos da Idade do Bronce?, tal vez non o pensaran, pero aínda así conseguiron que os seus humildes monumentos funerarios aguantase en pé durante miles de anos cunha construción moito máis simple e menos impresionante que as famosas pirámides.