martes, 26 de mayo de 2020

Pezas de museo 5: Trendeira

Xa comezan a relaxarse as medidas impostas polo confinamento, aínda así seguimos vivindo unha situación extraordinaria que nos fai pasar na casa mais tempo do habitual. As horas na casa pasan lentas e moitos estamos investindo mais tempo do habitual en tarefas que doutra maneira pasariamos mais por alto, como ler, ver series en tv, … , pero sobre todo estamos pasando moito mais tempo na cociña. De feito nos supermercados os mais buscados estes meses foron o lévedo e a fariña.

Pois ben, pasar tanto tempo na cociña fíxome lembrar o pasado e as antigas instalacións desta estancia tan importante da casa. A cociña, e concretamente a Lareira, era o corazón da casa  e da vida familiar. Alí xuntábanse todos os membros da familia ás horas da comida e nas tardes e noites de inverno para resgardarse do frío, converténdose nun membro máis desa familia, un membro mudo e testiño do quefacer diario dos habitantes da casa e dos contos cheos de misterios que os avós contaban os netos, nunha época na que non había nin tv, nin móbil ou ordenador cos que distraerse e aillarse uns dos outros.

No centro da lareira estaba esta curiosa peza de madeira da imaxe, a Trendeira. Un artiluxio creado ex profeso para un fin concreto, para poder pendurar sobre o lume os grandes potes de ferro nos que se facía o caldo, cociñado a lume lento de leña de carballo, para a comida, un dos pratos mais comúns do menú diario nas casas do rural doutros tempos.


A foto, que ademais xa compartín noutros post anteriores, [https://isaferb.blogspot.com/2019/03/arquitectura-popular-galega-ii-casa.html] está tomada nunha verdadeira cociña antiga conservada tal cal. Cando visitei este lugar foi un momento moi especial, porque se trata dun espazo real que tivo vida. A familia que viviu nesta casa fixo as obras de reforma e as melloras precisas, pero mantiveron a cociña vella tal como estaba. Ó entrar no espazo e ver a lareira coa trendeira, os vellos potes, os trepés, as paredes afumadas,… sentes que nese espazo se detivo o tempo, sentes a vida e o pasado das persoas que viviron alí e que compartiron xantares e ceas arredor desa lareira. A sensación é moi diferente a cando vas a un museo  etnográfico nos que se recrean espazos como este, como se dun escenario sen vida nin pasado se tratara.

Ogallá se conservasen máis espazos coma estes, porque sería moito máis interesante poder visitarlos no seu emplazamento orixinal, cargados dun pasado e duna vida real, e con todas esas sensacións que nos transmiten. Ademais de que mostran unha realidade pasada que nos ensina como cambiou a forma de vida, quizais así valoremos un pouco mais o que temos ahora.

domingo, 10 de mayo de 2020

RUTA 3: Rodeiro ten que ver!.

Os nosos Castros.

Imos coa terceira entrega das visitas virtuais polo patrimonio de Rodeiro no que te convido a achegarte aos nosos castros. E si, nesta ocasión especialmente trátase dunha visita virtual dada a situación na que nos atopamos, aínda que seguro que moi pronto todos poderemos volver a saír e a disfrutar do noso patrimonio de forma presencial.

Evidentemente, os castros de Rodeiro pódense visitar e convídote a facelo, aínda que ningún deles está posto en valor.  A aqueles que gustedes de pasear e camiñar polo monte sempre podedes achegarvos ao entorno daqueles que resultan máis accesibles, incluso camiñar pola “croa” e sentir o seu pasado, a historia, os misterios e segredos que se agochan baixo a terra que sepultou as vellas vivendas que foron habitadas fai séculos.

Estou segura que tod@s sabemos moi ben que é un castro e o valor que teñen como documentos históricos que nos poden ensinar a coñecer a nosa historia e á sociedade que os ocupou. En toda Galicia hai uns 2.500 catalogados, extendendose ao norte de Portugal e parte de Asturias. Aínda que noutros puntos da Península atopamos antigos asentamentos de poboación con estructuras bastante semellantes.

E qué son?; pois son as aldeas nas que vivian os habitantes deste territorio durante a Idade de Ferro, aló polo século VIII A.C. . Hoxe teñen un incalculable valor histórico porque son os asentamentos de poboación máis antigos que se conservan no noso recantiño do mundo. Isto quere dicir, que antes da Idade de Ferro a poboación era nómada, pasaban a vida desprazándose de lugar en lugar según a época do ano, o clima ou na procura de alimento. Unha etapa histórica da que non se conservan restos que indiquen lugares de asentamento pero si lugares de enterramento: as Mámoas.

Pero a sociedade e as súas costumes mudan e transfórmanse continuamente, así chegou un momento no que a xente decidiu deixar moverse continuamente de localización para asentarse nun mesmo lugar, un lugar no que botar raíces e, por dicilo dalgunha maneira, crear unha familia, ou colonizar novos territorios. Ademais de que chegaron ata aquí pobos estranxeiros, procedentes de Europa, que decidiron que este era o sitio perfecto para iso. Todos eles configuraron unha sociedade e un pobo, ós que nos coñecemos como Celtas.

Entón, no noso recunchiño de mundo, os castros son o primeiro indicio dun urbanismo organizado e planificado do territorio. Eles son aldeas fortificadas con murallas, parapetos e fosos, un sistema defensivo complexo e necesario para defenderse dos ataques externos. Dentro da murallas,  na croa están as vivendas, de pedra e con cuberta vexetal, actualmente conservamos o seu reflexo nas Pallozas do Courel. Os habitantes do castro formaban un Clan composto de varias familias que estaban ligadas e convivían axudándose entre eles nas  faenas relativas ao cultivo do campo e o coidado dos animais.

O emprazamento destas aldeas non é froito da casualidade senón que todo está pensado. A sociedade da época era belicosa e eran habituais os enfrontamentos entre clans por diversos motivos como o control do territorio, polo que é habitual que os poidamos distinguir no alto dos nosos montes aproveitando as ladeiras como defensa natural.


Por exemplo en Rodeiro, dende as fiestras da miña casa podo apreciar como destacan tres dos castros locais na liña que debuxa sobre o horizonte o monte da parroquia de O Salto, que son: nunha punta os Castro Pequeno e Grande, preto da aldea de Casares e moi próximos entre sí, e na outra punta do horizonte está o de Cantelle a carón da aldea do mesmo nome e xa na parroquia de Vilela. Entre eles, hoxe interpóñense os enormes aeroxeneradores que dende fai  anos conviven con eles e con todos nos no alto do monte, un ampla zona de monte raso e algunhas fincas aproveitadas para a produción de forraxe para o gando. Eles son os tres que temos a este lado do concello, xunto co asentamento de Melide, o castriño de Melide situado nun emprazamento de menor altitude e do que este non temos unha orixe cronolóxica confirmada, poida que sexa un asentamento posterior.

En pleno Val de Camba atopamos o Castro de Aboldrón, ocupando un lugar de menor altura, poida que para o seu emprazamento non se buscase tanto a protección natural que ofrecen os lugares altos, senón que se decidiran pola fertilizade da terra no Val, un terreo abrigado pola Serra do Faro e outros montes locais que o protexen do frío do norte de inverno.

A carón de capital do concello está o Castro de Vence ou de Rodeiro, e viaxando ao sur do concello están o de Riobó e o de Baroncelle, este último destaca polo seu gran tamaño, e pretiño as aldeas polas que levan o seu nome: Riobó e Baroncelle.

Os castros son o preludio das aldeas que hoxe coñecemos.  De feito, como xa fun destacando nos parágrafos anteriores, preto de cada un dos castros que temos en Rodeiro hai hoxe unha ou varias aldeas que seguramente foron fundadas polos castrexos. A chegada dos romanos a esta esquina da Península supuxo unha profunda transformación en todos os sentidos. No primeiro momento, os nativos castrexos loitaron por manter a súa cultura e forma de vida, pero o poderoso imperio romano acabou por impoñerse, os castrexos non lles quedou doutra que someterse e adaptarse as normas e á cultura romana. Chegou unha etapa de estabilidade e paz que propiciou que os habitantes dos castros fundasen novos asentamentos, aldeas, fora dos seus recintos amurallados, nos vales e preto dos terreos de cultivo. A pegada da presencia dos romanos na Gallaecia tamén quedou en Rodeiro, deles conservamos baixo o manto verde do Val de Camba a Vilae de Porta de Arcos [https://isaferb.blogspot.com/2019/02/romanos-no-corazon-do-val-de-camb.html]

Pero séculos despois, os castros seguen vixiándonos e acompañándonos dende o alto dos nosos montes ou outeiros, xeración tras xeración sendo parte do noso patrimonio material e xeradores dun interesante patrimonio inmaterial de lendas e contos. Entre o legado patrimonial que nos deixaron os castrexos ou consérvase nas instalacións do Museo Municipal en forma de muíños de pedra de uso manual e fragmentos de cerámica recuperados no seu entorno.

Estou segura de que a pesares do paso do tempo e dos continuos ataques dos furtivos, seguen agochando no seu interior valiosos tesouros, interesantes pezas e  obxectos, ademais de segredos e misterios que, como documentos antigos, nos axudarían a coñecer e a comprender mellor á sociedade que os habitou.

---De seguido deixo unha ligazón a un blog chamado "Camiños con arte" onde podes ler unha interesante post sobre a Cultura Castrexa; 

---E tamén un artigo de prensa sobre o Castro Pequeno, preto de Casares: