lunes, 26 de junio de 2023

De cando as casas se decoraban con debuxos de cal.

 Dende fai varios anos veño vendo multitude de publicacións e artigos de divulgación sobre os “esgrafiados”. Nun primeiro momento non recoñecín o termo pero si me resultaron moi familiares as fotografías que ilustraban as publicacións, tiña a sensación de que esas imaxes me levaban acompañando toda a vida, que as coñecía e as tiña moi preto.

Unha tarde mentres camiña entre as casas da miña aldea, reparei nos muros dunha das casas mais antigas e abandonada, a casa na que naceu e se criou a miña avoa Emilia. Nos muros exteriores desta casa resisten moi esvaecidos e deteriorados polo paso do tempo os restos desta fermosa técnica decorativa que embeleceu os seus paramentos moito tempo atrás. Hoxe costa distinguilos, pero fai mais de 30 anos sendo eu unha nena, apreciaríanse máis claramente e quedaron gravados na miña memoria.

O esgrafiado é unha técnica artística con múltiples aplicacións ó longo da historia da arte. A súa orixe sitúase en Italia nos séculos da Idade Media, estendéndose por Europa ó mesmo tempo que o estilo arquitectónico de moda naqueles séculos: o románico, cando o máis común era rematar as edificacións cubrindo os muros, tanto interiores como exteriores, cunha capa de morteiro de cal branca. Esta capa de enlucido tiña como finalidade protexer da humidade, desinfectar e dar luz ás paredes, ademais aproveitábase a súa superficie para realizar pinturas ou outros tipos de decoración.

Do latín sgraffiare, a técnica consiste en aplicar sobre unha superficie unha primeira capa de morteiro ou pintura escura, deixar secar e aplicar unha segunda capa mais clara. Sobre esta segunda capa, aínda húmida, é sobre a que se traballa realizando un rascado e sacando á superficie a capa inferior. A técnica aplicouse moito en arquitectura pero tamén en pintura, e no caso galego de maneira diferente.

Entón, o esgrafiado como elemento decorativo pode verse en edificios por toda Europa e España, pero o que nos interesa é o caso galego.

A máxima investigadora e divulgadora desta técnica en Galicia é a antropóloga Mar Sotelo, que ten xa algunha publicación sobre o tema e moito traballo feito a través de redes sociais, conferencias, entrevistas, etc. Esta muller, leva anos recorrendo Galicia estudando e recollendo os moitos exemplos sobrevivintes, chegando a interesantes conclusións sobre a súa orixe e razón de ser. Foi ela quen adoptou o termo “esgrafiado galego” para identificar estes debuxos de cal.

Á nosa terra, crese que poido chegar a través do Camiño de Santiago, por el chegaron a Galicia Peregrinos, pero tamén mestres canteiros e artesáns que traian consigo os saberes, as técnicas e as modas que se cociñaban en Europa. Ó longo da Ribeira Sacra  e diseminados por todo a rural, atopámonos con exemplos en casas, pazos, hórreos, alpendres, pero os exemplos mais antigos  están nos paramentos de igrexas e mosteiros de raíz románica. Moitos destes edificios están hoxe en día abandonados, e iso é precisamente o que permitiu que os esgrafiados dos seus muros sobrevivisen, xa que dende hai moito tempo a moda é eliminar o encalado das paredes deixando a pedra vista. Unha moda que ten como consecuencia a perda de esgrafiados pero tamén dos resos das fermosas pintura murais do interior das igrexas medievais.

A verdade é que as casas que conservan este tipo de decoración son ben fermosas e chaman moito a atención. O “esgrafiado galego” é diferente ao que se atopa noutros lugares de España ou Europa, tanto pola maneira de aplicar a técnica como polos motivos ou temas representados.

Aquí na nosa terra, a decoración en cal era a parte final da obra e funcionada como un encintado da pedra, cubrindo as xuntas e parte da superficie da pedra, e deixando outras partes á vista. Probablemente nun inicio a función sería a de protexer da humidade, pois a pedra é un material poroso que pouco a pouco, e co largos que son os nosos invernos, acaba filtrando ao interior. Imaxino que, co tempo e o inxenio dos canteiros e artesáns, o que era algo funcional se converteu en algo decorativo ademais dunha demostración persoal de talento artístico.  

Dende logo os esgrafiados son testemuño dunha época pasada que nos permite coñecer un pouco como era aquela sociedade que nos queda xa moi lonxe no tempo. Polo que se pode ver a través dos esgrafiados é unha clara diferencia social, así as casas das familias con menos recursos presentan un esgrafiado mais simple e funcional, mentes que nas das familias con mais poder económico os motivos son mais elaborados e dentro dun amplo catálogo de filigranas, figuras e motivos que mesmo representan auténticas escenas nas que se mesturan persoas e animais. E tamén nos permiten recoñecer as partes da casa, porque a decoración se limita á planta nobre da vivenda, na primeira planta onde estaban os cuartos, xa que o habitual era que a planta baixa se destinase a cortes para os animais. tamén se caleaban e decoraban as xambas e dinteis de fiestras e portadas.

O esgrafiado galego é toda unha representación da arte e da cultura dunha época, un documento gráfico que aporta información da sociedade na que viviron os nosos antergos. En definitiva, é un elemento máis que enriquece o amplo catálogo do noso patrimonio.