jueves, 11 de marzo de 2021

Transmisoras de Patrimonio.

O calendario está cheo de “días de…”, xornadas mais ou menos reivindicativas nas que as xentes saen as rúas para reclamar dereitos e atencións que creen necesarios. Como non podía ser doutra maneira as mulleres tamén temos o noso día sinalado no calendario: o 8 de marzo é o Día Internacional da Muller e o 15 de outubro como o Día Internacional da Muller Rural, dúas xornadas nas que as RRSS, os edificios públicos e as rúas se tinguen de violeta e se cobren de pancartas e lemas en defensa da liberdade e dos dereitos das mulleres. Pero… ¿qué pasa o resto do ano?.

O traballo pola igualdade e a visibilización do papel da muller en todos os ámbitos da nosa sociedade, na historia, ten que ser continuo e diario, os 365 días do ano, polo que non chega con ler manifestos un día o ano. Á igualdade real chegarase a través da educación, porque esa é a arma mais poderosa que temos para conseguir que as cousas muden a mellor.

Pero vou deixar o discurso e ir á cuestión!!!, porque como ben sabes, se me segues nas miñas publicacións, este é un blog sobre Patrimonio e nesta ocasión quero facer unha reflexión sobre o papel da muller na conservación e transmisión do patrimonio cultural, pero mirando ao medio rural e ás súas mulleres, unhas mulleres sen titulacións académicas pero cun profundo sentimento de respeto polas tradicións que lles foron transmitidas polas súas antergas.

San Pedro de Vilanova (Dozón).
Se miramos ao noso redor, podemos ver que temos moi preto de nos mulleres que teñen moito que contar, vidas cheas de historias que moitas veces están ligadas á historia do noso patrimonio material e inmaterial. Elas son coidadoras e transmisoras de coñecementos, unha labor que levan a cabo de maneira natural e silenciosa, sen esperar ningún recoñecemento, sen decatarse que están contribuíndo á conservación das nosas tradicións, dos nosos bens patrimoniais,… en definitiva da nosa historia e cultura.

Fai apenas dous meses vin na prensa unha reportaxe sobre a muller que coida e atende ás visitas na Igrexa de Santa Comba de Bande, un tesouro arquitectónico do noso rural datado no século VII de estilo visigótico, ou o que é o mesmo, prerrománico.  Marisel, de maneira desinteresada e voluntaria, leva 20 anos custodiando as chaves da igrexa despois de pasar polas mans doutros veciños xeración tras xeración.  Pero ademais, durante todos estes anos, preocupouse por coñecer a historia e as características arquitectónicas e artísticas do edificio, uns coñecementos que adquiriu escoitando e falando cos historiadores e doutores que pasaron por alí, e que ela transmite aos turistas e visitantes.[https://www.farodevigo.es/ourense/2020/12/19/vecina-cuida-iglesia-antigua-galicia-26507597.html]

Moito mais próxima a min, a miña avoa materna, fai esa mesma labor no seu “Convento”, que non é outro que a fermosa Igrexa de San Pedro de Vilanova no Concello de Dozón, do século XII, outra das xoia do románico rural tan presente por toda Galicia. A vida e a historia da miña avoa está ligada a este edificio, custodia das chaves da igrexa, ela é a encargada de coidar dela e abrir as súas portas as visitas, que non son poucas xa que está preto da Vía da Prata e, polas súas características arquitectónicas, aparece en moitas guías do románico galego, o que fai que nalgunhas épocas do ano as visitas son case diarias. A miña avoa recolleu este legado da súa tía Mercedes, unha sucesión natural, do mesmo modo que un herda unha finca ou unha casa, a miña avoa herdou a responsabilidade de coidar unha igrexa, un ben do noso patrimonio, dunha maneira totalmente desinteresada e con todo o respeto. Para nos o “Convento”, como se lle chama de forma familiar a esta igrexa na aldea, é case un membro mais da familia, porque así nolo fixeron sentir, primeiro a tía Mercedes  e despois a avoa Fidelina. Miña avoa recibe ás visitas sempre cun soriso e mantendo con eles conversas nas que aprende e ensina sobre os secretos do “Convento” e os seus antigos muros de pedra.

Estas dúas igrexas e as súas coidadoras son dous dos moitos exemplos que podemos atopar por toda a nosa xeografía. Son moitas as parroquias galegas nas que as encargadas de velar polo benestar das igrexas e capelas rurais son as mulleres. Elas limpan, barren e poñen flores frescas, nas igrexas e nos cemiterios onde descansan os seus. Fan unha gran labor de conservación e transmisión, sen reparar na importancia do seu traballo.

Ahí están sempre elas, as mulleres do rural, dispostas e traballadoras, facendo multitude de tarefas cada día, cheas de coñecementos e historias que contar, coidadoras e transmisoras…

Por que… qué sería do rural e das súas tradicións e bens patrimoniais sen elas?.