jueves, 25 de junio de 2020

Patrimonio de proximidade.

Todo este tempo que vimos de pasar confinados nas nosas casas e sen ir máis aló do noso entorno máis próximo, eu persoalmente empregueino para fixarme nese entorno do que non podía saír e coñecelo un pouco máis, e así tratei de saber mais sobre a historia dun sitio no que se mantén en pe un vello muro de pedra, pedras que conservan na súa memoria a historia da orixe dun ben do patrimonio relixioso local.

Moi próximo á miña casa, dentro dese kilómetro cadrado que nos tiñan limitado ata non fai moito tempo para saír a camiñar, atopamos entre a maleza os restos dunha antiga palleira de pedra da que so se mantén en pe parte dun muro que nos fai viaxar no tempo arredor de cen anos atrás. A palleira, nos seus mellores tempos formaba conxunto cunha casa , ademais dun muíño que se localiza non moi lonxe destas dúas construcións, todo elo rodeado dun extenso terreo que pertencía á unha familia que facía vida alí.

Peto de Ánimas e Cruceiro fronte
á Capela da Santa Cruz.
Pero daquela eran outros tempos, e a pesar da extensa propiedade que posuía a familia que vivía na Casanova, como coñecemos o sitio aínda hoxe, algunha razón os levou a abandonar a súa casa e a súa terra para emigrar a Cuba, como tantos galegos e galegas que así fixeron a comezos do século XX. Na casa so quedou un vello cura de nome Melchor, membro da familia. Venderon as terras, a casa e canto posuían, e  Don Melchor foi pasar os seus últimos anos de vida cuns familiares na zona de Lugo.

O curioso desta historia é a relación que ten cunha pequena capela que se conserva no lugar de A Portela, pois a vella capela da Santa Cruz tiña o seu emprazamento orixinal na Casanova xunto a esta casa e esta palleira. A historia do conxunto perdeuse no tempo e xa poucos na parroquia coñecen os detalles polo que non sei si a capela era privada ou de uso público para o culto na honra á Santa Cruz.

Cando a propiedade foi vendida tanto a casa como a capela trasladáronse pedra a pedra ao lugar de A Portela, situado a un kilómetro escaso do emprazamento orixinal.

A capela da Santa Cruz é de escaso valor artístico. Presenta unha imaxe exterior austera e simple, grosos muros de pedra sen ningún elemento decorativo. Na fachada principal está a gran portada de entrada, a un lado unha porta de menor tamaño e ó outro unha fiestra. A capela forma un conxunto patrimonial que completan un Cruceiro e un Peto de Ánimas.

Cruceiro e Peto de Ánimas están xuntos e pegados ao muro da capela, na súa fachada principal.
Este non é o emprazamento orixinal do cruceiro, é de tipo procesional e estaba apartado da capela no medio do campo da festa, lugar ata onde aínda hoxe se encamiña a procesión o día da festa parroquial na honra a San Cristovo. Como por aquí pasa a estrada, decidiuse que se mudara o cruceiro de sitio para evitar que entorpecese a circulación ou sufrise danos.

O Peto de Ánimas é un dos dous que temos catalogados en todo o concello, o outra está en Riobó. A súa estrutura é simple, de pedra na súa cara frontal ten unha ranura pola que se introducían as moedas e limosnas que ían parar a unha caixa interior á que se accede pola parte traseira do peto.

Pero a historia da capela non remata aquí. A esta pequena construción relixiosa  que cambiou de localización posiblemente nas primeiras décadas do século XX, o destino aínda lle deparaba unha nova volta de rosca. Aló polos anos 70 a capeliña da Santa Cruz perdeu a súa función relixiosa porque foi vendida, o novo párroco destinado daquela aquí así o considerou preciso co beneplácito do bispado,  pois precisaba cartos para construír unha casa parroquial. As figuras relixiosas e outros obxectos leváronse á igrexa parroquial quedando a capela espida.

Ata aquí o breve relato da historia das pedras que se conservan no sitio que coñecemos como  A Casanova, moi pretiño da miña casa, e aparellada á vella Capela da Santa Cruz de A Portela, unha historia da que xa non se fala, sendo poucas as persoas das aldeas dos arredores qua a coñecen ou a lembran e que cha poden contar.

Eu quixen recollela neste espazo a modo de exemplo, pois por todas partes atopamos restos de vellas construcións de pedra que cargan coa historia dunha vida perdida, porque creo que é interesante que coñezamos este tipo de historias que nos falan do pasado do noso entorno máis próximo devolvéndolle a lugares coma este un pouco da vida que perderon fai décadas o quedar abandonados.


martes, 9 de junio de 2020

Tesouros locais no Museo Provincial de Pontevedra.

Para comezar o post, teño que confesar que fai uns cantos anos que non visito o Museo de Pontevedra e sei que actualizaron e modificaron as exposicións neste tempo sendo diferentes a como eu as vin no seu momento. Pero o que non cambiou é que alí se custodian e conservan os tesouros históricos e artísticos de moitos dos concellos da provincia, entre eles Rodeiro.

O museo provincial é un centro cultural e expositivo curioso polo feito de que se compón de varios edificios, en concreto seis, que se reparten pola zona vella da cidade, próximos entre si e complementarios. Deste modo, ó mesmo tempo que visitas os seis edificios do museo e as diferentes exposicións permanentes e temporais que conteñen, podes disfrutar dun agradable paseo pola “Boa vila”, as súas prazas, rúas antigas, as igrexas e vellos conventos que comparten veciñanza coas edificios do museo.

Comezando polas Ruínas de Santo Domingo, restos dun antigo convento que se localiza na Alameda pontevedresa, é o edificio mais antigo que forma parte do conxunto do Museo de Pontevedra.  O Edificio Castro Monteagudo e o García Florez, antigos pazos señoriais dos séculos XVII e XVIII. No Edificio Fernández López que ten unha parte construída de nova planta, é onde se atopan as dependencias administrativas e demais oficinas. E completan o conxunto o Edificio Sarmiento, un antigo convento,  e o seu anexo o Sexto Edificio de nova planta. Todos eles son complementarios entre si e fóronse adquirindo e incorporándo ó conxunto o mesmo ritmo que medraron as coleccións, as exposicións e as necesidades do museo.

En cada un dos edificios podemos visitar unha sección diferente da exposición permanente, ademais das temporais. Desde modo, nas últimas ocasións nas que eu pasei por alí, o que eu quería e ver era as pezas arqueolóxicas procedentes de Rodeiro que se expoñían nas salas de arqueoloxía, que daquela se atopaban no recentemente inaugurado Sexto Edificio. Agora, debemos de ter en conta que despois a exposición foi modificada e reubicada no Edificio Sarmiento e aínda non tiven ocasión de volver a visitala polo que me remito ao que eu vin daquela.

E naquelas salas de arqueoloxía do Sexto Edificio, nas que se expoñían os tesouros  mais antigos de toda a provincia, entre os que estaban as pezas arqueolóxicas procedentes de Rodeiro das que vou falar a continuación.

Imaxe da vitrina coa cerámica de Porta de Arcos
Museo de Pontevedra , Edificio Sarmiento 2016.
Fonte:http://1000-lugares-en-galicia.blogspot.com/2016/09/
museo-pontevedra-edificio-sarmiento-sala-3-1.html
As primeiras a destacar son as pezas de cerámica da Vilae Romana de Porta de Arcos que estaban nunha vitrina. Nas escavacións realizadas a comezos dos anos 70 recuperáronse fragmentos de cerámica, vidro, tégula, ferro,… que forman parte dos fondos do Museo. Algunhas das pezas de cerámica estaban bastante enteiras, son vasillas de boa calidade e perfectamente restauradas como se pode ver na fotografía que acompaña o post. Teño que aclarar que a fotografía a atopei nun post publicado no 2016 no blog "1000 Lugares de Galicia", abaixo deixo a ligazón!,  Volvendo á escavación, naquelas traballos recuperáronse obxectos curiosos como un cinto que tamén se expoñía nunha das vitrinas.

Teño constancia que existen máis fragmentos de cerámica almacenados no Instituto Padre Sarmiento en Santiago, e, por suposto, no Museo Municipal Manuel Lamazares en Rodeiro tamén se expoñen fragmentos de cerámica, tégula e pezas de ferro do xacemento.

Noutra das salas atopeime cunha peza ben fermosa, a Fíbula de bronce nielada de época romana que foi achada por casualidade nas proximidades do Castros de Aboldrón e posteriormente depositada no Museo Provincial onde segue. Unha peza que xa comentei nun post anterior. [https://isaferb.blogspot.com/2019/11/pezas-de-museo-2-fibula-romana.html]

Para rematar o percorrido pola sección de arqueoloxía local presente no Museo de Pontevedra, naquel momento noutra das salas tiñan reservado un espazo para colocar unha peza moi especial, sobre unha peana esperaban expoñer unha das laxas recuperadas da mámoa do Monte dos Marxos, en A Lemparte (O Couto), unhas pedras con moita historia que formaban un gran túmulo que foi arrasado no seu emprazamento orixinal deixándoas amoreadas nun extremo do terreo. Mais tarde foron descubertas e deuse parte a Patrimonio, e as laxas leváronse a Pontevedra e depositáronse na Facultade de Belas Artes onde se procedeu á súa limpeza e estudo. Coa información obtida, os investigadores conseguiron reconstruír parte da vida e historia deste túmulo prehistórico e das laxas que o formaban.

 Do lugar que ocupaba a mámoa arrasada tamén se extraeron outros materiais: puntas de frecha, un colgante quizais de varislacita, fragmentos dun vaso campaniforme e outros fragmentos de cerámica, materiais propios do típico axuar que se enterraba xunto ao corpo do finado que tiña nesta mámoa a sú última morada.

Unha das laxas da Mámoa do Monte dos Marxos.
Sobre as propias laxas, na súa limpeza, descubríronse polo menos dúas capas de pintura de diferente época. As pinturas son en cor negra e vermella sobre unha base de reboco branco e ocre. Os motivos decorativos son lineais e ondulantes.

E ata aquí o repaso polos tesouros locais que están custodiados no Museo Provincial e puiden ver nas miñas últimas visitas ao museo. Polo miña parte prometo volver a visitalo en canto poida para comprobar como afectaron á nosa “representación arqueolóxica” os cambios expositivos e de ubicación desta sección expositiva. Pero igual é mellor que ti mesmo o comprobes... ;) ;) ;)


Na seguinte ligazón podedes coñecer a exposición de arqueoloxía no edificio Sarmiento no ano 2016, un ano despois da miña última visita ao Museo, tiña fotos desa visita pero non as atopo. De aquí extraín a foto das vasixas de cerámica
de Porta de Arcos;
ollo!!! noutra foto aparece o cinto que menciono no post, non o perdades!!