jueves, 11 de noviembre de 2021

Unha pequena igrexa rural con moito que contar.

A pequena igrexa de San Martiño de Asperelo, no concello de Rodeiro, é unha das moitas, quizais centos, de igrexas parroquiais que salpican todo o rural galego. Pero cinguíndonos ó ámbito local, Rodeiro, e as nosas igrexas poida que esta sexa un pouco mais especial que as demais, porque senos fixamos detidamente  nesta pequena arquitectura relixiosa veremos algúns motivos arquitectónicos e decorativos ben fermosos e que definen un estilo: o románico.

O románico é un estilo moi particular e especial, que estivo de moda na Idade Media, unha moda que naceu en Europa e que, pasiño a pasiño, foi chegando a cada recuncho do continente, e así, tamén ó noso anaquiño de Galicia, Rodeiro. Dentro deste estilo temos que entender os edificios relixiosos como un libro de arquitectura, cada elemento ten un motivo e un significado, e así é tamén cos elementos decorativos. Os animaliños representados na pedra, e outros motivos, teñen sempre un significado relacionado coa liturxia e os rituais cristians.

San Martiño, como xa digo anteriormente, e unha igrexa pequena e humilde, como a terra na que vive e os veciños que habitan a parroquia. Ela leva xa varios centos de anos convivindo e compartindo tempo e espazo cos seus veciños, xuntos celebraron festas e enterros durante xeracións, e xuntos seguen para a toda a eternidade, pois despois da morte os veciños descansan no escaso cemiterio que a rodea. 

A pesares desa humildade e simplicidade que exhibe visualmente, non podemos pasar por alto que conta con algúns elementos, tanto arquitectónicos como decorativos que elevan o seu valor astístico e a dotan dunha personalidade que a diferencia das demais.

Fixémonos primeiro nalgúns aspectos do exterior. Estructuralmente, o edificio presenta deferentes alturas, ten unha soa nave á que se accede tanto pola portada sur, decorada con arquivoltas e columnillas, como pola entrada lateral que recibe as visitas alegrándolles a vista cunha fermosa decoración, animais e unha ave que teñen relación coa eucaristia. Outro elemento exterior interesante é a cuberta
lateral que da acubillo aos fieis á entrada lateral da igrexa, un elemento que podía ser típico do románico rural, pero que se perdeu en moitas da igrexas a causa das reformas posteriores. E remata cunha fermosa ábsida cadrada que acolle no interior a zona do presbiterio e o altar, e que conserva unha incripción que nos aporta información moi interesante como a data de fundación da igrexa

Pasemos agora ó interior. O primeiro é fixarnos na arquitectura, a nave sepárase do altar polo  arco triunfal e un segundo arco xa no presbiterio, de ambos arcos temos que admirar os capiteis das catro columnas, cunha fina decoración de motivos vexetais e animais. Realmente chaman a atención  pola súa calidade.

Outro elemento interesante no que pararse serían as cruces talladas nos muros interiores deste pequeno templo. Non sei cal é o número exacto de cruces que se dispoñen a ambos lados da nave, pois de iso depende a identificación do motivo da súa presenza. Por un lado poden ser as cruces de consagración do edificio como templo relixioso, están son sinais que forman parte do ritual de consagración que realizaría o bispo unxindo cada unha delas con óleos sagrados. Pero tamén poden ser as cruces que sinalan cada unha das paradas dun Vía Crucis, outro ritual relixioso que se celebra en Semana Santa, o sacerdote acompañado dos fieis realiza unha oración en cada unha das paradas que representan diferentes momentos da Pasión de Xesús,  o seu camiño cargando a cruz ata o lugar da crucifixión.

Ata aquí un breve percorrido por este pequeno pero singular edificio relixioso cheo de detalles con significado. Nestas liñas eu so fago parada nuns cantos desos pequenos detalles que a encadran dentro do románico e que a fan especial, pero hai outros que podes coñecer e identifcar persoalmente si te animas a visitar este igrexa que ademais estará encantada e agradecida de que así o fagas, pois sabe que ten moito que amosar e ensinar!.

De feito, recentemente sinaláronse na parroquia de Asperelo os bens patrimoniais, algún deles son dos máis singulares do concello,  entre os que se atopa esta igrexa, e a os que nos podemos achegar seguindo unha ruta de sendeirismo ben definida e sinalada. Ó longo do percorrido atopámonos con bens arqueolóxicos como o mural prehistórico de Coto das Laxas ou o Castro de Baroncelle, tamén bens relixiosos ou etnográficos tales como cruceiros, fontes, lavadoiros,... ademais de poder gozar dunha fermosa paisaxe rural tradicional do interior galego salpicada de pequenas aldeas.

Non a perdas, eu fíxena fai moi pouco e recomendoa, ademais o outono é unha época perfecta para facer este tipo de rutas.