jueves, 15 de diciembre de 2022

Pedras que conceden perdón.

De novo volvo a poñer o foco nas pedras, ese material natural, duro, resistente, presente na natureza que nos rodea e ó que se lle deu infinidade de usos, valores, significados ou mesmo poderes máxicos ó longo da historia. En Galicia temos unha boa morea de elementos patrimoniais en pedra que son exemplo diso.

Casa Fortaleza de Camba
Nesta ocasión quero centrar este novo artigo nun deses usos que se lle da á pedra non os na nosa terra, Galicia.

O de delimitar o territorio foi unha teima que perseguiu a humanidade dende tempos remotos, ó longo da historia persoas, gobernos, sociedades,.. guerrearon pola conquista, dominio ou propiedade da terra establecendo fronteiras que foron variando co paso do tempo, sinalando esas fronteiras ou límites territoriais de diversas maneiras. Unha das formas de sinalar os límites ou fornteiras entre territorios ou propiedades foi colocando fitos, “mojones”, chitos, mouteiras,....vamos, o que ben sendo un “marco”.

Todos os que medramos e vivimos no rural sabemos o que son os “marcos”, eses fitos de pedra que se empregan para diferenciar os límites no terreo. Colocados nunha esquina ou nun punto intermedio entre dúas fincas de diferente propietario. Non teñen unha forma determinada, aínda que si soen estar acompañados de dúas pedras de menor tamaño que se denominan “testiños”. igual que todos sabemos da morea de problemas e liortas que se poden chegar a producir entre veciños a causa dos marcos e a manía que teñen de mudarse de sitio cando ninguén os ve.. ;). E non é de estranar, porque por moito que sexan de pedra, non deixan de ser pezas que se poden mover dun sitio a sitio con facilidade.

O uso de marcos de pedra para sinalar fronteiras non so se circunscribe ó ámbito máis rural para marcar as estremas entre fincas e chousas adxacentes. A súa presenza no territorio remóntase, quizais, séculos atrás. Os mesmos romanos xa empregaban fitos de pedra, columnas que colocaban ás beiras das súas vías que indicaban as distancias entre diferentes puntos do seu ancho e largo Imperio, eran os “Miliarios”. Despois do paso e estancia  dos romanos por aquí, os cambios na estructura e división territorial foron continuos, e moitas veces se empregaron fitos ou marcos de pedra para sinalalos.

Sen ir tan lonxe no tempo e no espazo, aquí no noso territorio, no Val de Camba (Rodeiro), conservamos uns marcos moi especiais sobrevivintes dunha época da historia local que queda moi atrás no tempo e son parte do patrimonio material e inmaterial locais pero sobre todo son parte da historia e das lendas que circula en torno á Casa Fortaleza de Camba, un dos nosos bens mais prezados.

"Marco do Perdón".
Un dos ben que nos recibe
á beira do Camiño de Inverno, no sendeiro
moi preto da Casa Fortaleza.
Eles son os que coñecidos como “Marcos do Perdón”. Pola información que hai por ahí publicada podemos saber que a día de hoxe consérvanse dous destes pedrolos, localizados en dous puntos bastante próximos á Casa de Camba. Tamén se comenta que un terceiro marco abandonou as terras do noso fermoso val a mediados do século XX vítima daquela “operación rescate”, por medio da que algúns persoeiros da época se propuxeron “salvar” elementos patrimoniais que pasaron a formar parte de coleccións privadas ou expostos en museos extranxeiros.

Tamén se di que o noso marco podería estar nun Museo de Nova York enfermo de morriña pola terra da que foi arrancado sen consentimento algún. Será verdade?.

O que si é verdade é que temos dous, e ese dous concentran un valor patrimonial material e inmaterial que ben merece ser coñecido e posto en valor. Non creo que se poida asegurar que a súa localización actual sexa a orixinal, xa que pasaron séculos e quizais nalgún momento foron trasladados a onde se atopan hoxe. Pero o que se sabe é que en orixe a súa función era a de sinalar o límite entre dúas xurisdicións: a un lado a Casa Fortaleza de Camba e Coto de Quinzán do Carballo, ó outro lado a de Camba e Rodeiro. Cada unha con xuíz propio, o da Casa de Camba nomeado por ela mesma, o de Camba Rodeiro nomeado polo Arcebispado de Santiago e con sede na desaparecida Fortaleza de Rodeiro no solar que hoxe ocupa a actual Casa do Concello. Non se trataba, por tanto, so dun límite xeográfico, tamén dun límite legal, pois cada un xulgaba os delitos dentro do seu territorio coa súa lei.

Pasados os séculos, conservámolos por sorte de maneira material e testemuñal das vellas fronteiras entre aquelas xurisdicións e entre aquel territorio actualmente tan diferente. Pero tamén conteñen ó seu redor unha serie de lendas que teñen a súa orixe nesa situación fronteiriza entre diferentes territorios baixo diferentes leis.

O tema é que entre estas dúas xurisdicións existían certas diferencias legais, facendo que a Casa Fortaleza de Camba era, digamos, mais suave coa aplicación da lei e as consecuentes condenas. Co cal cando un preso ou condenado lograba escapar da Fortaleza de Rodeiro e chegaba a cruzar a fronteira quedaba perdoado, pero coa condición de que debía permanecer ó servizo dos Señores de Camba.

A partir de aquí, o paso do tempo e a transmisión oral fixeron o seu traballo e crearon lendas que circularon entre sucesivas xeracións de veciños. Algunha das cales rezaba que si un condenado abrazaba un deses marcos os seu delitos quedaban perdoados, concedéndolle a esas pedras case un poder máxico de perdón.

Sexa como sexa, os “Marcos do Perdón” da Casa de Camba son un dos nosos bens históricos e patrimoniais mais prezados, dignos de respeto e consideración.