
A novela ten unha historia ben entretida, nese estilo de novela negra que a autora imprime en toda a súa obra, consegue enganchar e fai que sexa moi doado seguir o fío.
Ben, pero eu non quero analizar o argumento nin o estilo desta obra senón que quero facer algo diferente e que ten que ver máis conmigo. O que quero destacar desta novela son os referentes ao patrimonio, á cultura e á tradición galega que enmarcan e
ambientan a trama principal. Algo que, por outro lado, consegue que para min fose un pracer ler este libro, porque o feito de
coñecer en persoa parte dos escenarios fai que todo me
resulte máis próximo, involucrándome máis na historia e resultando unha lectura máis intensa.
A historia ten como escenario Galicia, Monforte, a Ribeira de Chantada,... e son varios os
referentes á nosa tradición e á nosa cultura cos que nos imos atopando ó mesmo
tempo que evoluciona a historia. Entón voume referir aos referentes máis evidentes.
O primeiro gran referente ao patrimonio galego: a familia de Álvaro vive nun Pazo. O Pazo é o tipo de edificio máis característico da tradición arquitectónica galega. Ligados á nobreza dende a Idade Media. En toda Galicia consérvanse ducias deles, pero non todos correron a mesma sorte, mentres uns se conservan en bo estado, son moitos os que sofren o abandono e as feridas do paso do tempo. Sen dúbida, son parte do noso patrimonio arquitectónico, conservan na memoria a historia das familias que os habitaron, sucesivas xeracións de nobres galegos, terratenentes que posuian a terra. Sempre serán símbolos de poder social e económico, e por iso nada mellor que situar á familia de Álvaro nun pazo para facernos sentir o seu poder.
Logo topámosnos coa tradición viticultora da Ribeira Sacra. En
concreto algunha das esceas localízanse
na Ribeira de Chantada. Todos os que coñecemos esta zona e o lugar de
Belesar, sabemos que aquí a paisaxe é espectacular, incluso
sobrecolledora. As montañas precipítanse en caída libre ata o curso do río, O
Miño. Esas ladeiras totalmente plantadas de cepas, que se agarran con forza ó terreo,
presentan unha estampa realmente fermosa ó tempo que nos fan sentir a dureza
do traballo da vendima nesta zona, non sen razón se define aquí como “viticultura heroica”. Dende logo que se trata dunha tradición ben arraigada que forma parte da tradición, do patrimonio, da cultura e da vida desta terra e das súas xentes.
A Ribeira Sacra mantén a tradición da vendima dende tempos ancestrais, séculos
atrás xa os romanos recoñeceron aquí un bo lugar para a produción de viño, unha tradición que continuaron os Monxes Cistercienses. Estes, provintes
de Europa, asentaronse ó longo de toda a Ribeira dos Ríos Sil e Miño,
construíndo fermosos mosteiros e igrexas románicas e aproveitando o terreo para cultivar, traian
con eles novidosas técnicas arquitectónicas e agrarias, eran famosos os seus viños.
Un referente máis que me parece realmente interesante é a presencia do Santuario do Corpiño. Na
novela, Lucas, é o párroco desta igrexa que se sitúa na Parroquia de Santa
María de Losón, en Lalín. Manuel visita o lugar e transmítenos a
espiritualidade que el mesmo sente neste lugar tan especial que eu visitei en moitas ocasións.
A Romaría do Corpiño é todo un referente relixioso na Comarca do Deza e en toda Galicia dende séculos atrás. Son centos de
persoas as que acuden ao Corpiño cada 23 de xuño a pedirlle á Virxe pola súa
saúde e a dos seus. Antigamente, era normal presenciar durante as Misas como algunhas
persoas sufrían ataques, agora entendemos que se trataba de persoas con enfermidades mentais e de nervios, pero daquelas eran vistos como “endemoniados” e este era o lugar onde se podían curar. De feito o
sacerdote deste Santuario tiña concedida autorización do Vaticano para realizar
exhorcismos.
Este é un referente que nos fala desa parte da nosa
cultura, tan propia de Galicia, e tan ligada ás crenzas populares, como se vive
aquí a relixión. As Romarías, as peregrinaxes a Santuarios a pedir pola saúde
propia e dos nosos é algo moi arraigado nesta terra, nelaa somos capaces de misturar espiritualidade e festa nun equilibrio perfecto.
Pois ben, estes os referentes á tradición e ó patrimonio
galego máis destacados da novela. Pero hai outros máis sutís que terás que
descubrir lendo o libro atentamente para non perdelos.
Personalmente foi un placer leela e descubrir a historia que conta pero, sobre todo, gústame que está novela, ganadora do Premio Planeta no 2016, que está xa editada en numerosos paises e diferentes idiomas, funciona coma unha canle de divulgación da tradición, do patrimonio e da cultura galega.
No hay comentarios:
Publicar un comentario