jueves, 15 de diciembre de 2022

Pedras que conceden perdón.

De novo volvo a poñer o foco nas pedras, ese material natural, duro, resistente, presente na natureza que nos rodea e ó que se lle deu infinidade de usos, valores, significados ou mesmo poderes máxicos ó longo da historia. En Galicia temos unha boa morea de elementos patrimoniais en pedra que son exemplo diso.

Casa Fortaleza de Camba
Nesta ocasión quero centrar este novo artigo nun deses usos que se lle da á pedra non os na nosa terra, Galicia.

O de delimitar o territorio foi unha teima que perseguiu a humanidade dende tempos remotos, ó longo da historia persoas, gobernos, sociedades,.. guerrearon pola conquista, dominio ou propiedade da terra establecendo fronteiras que foron variando co paso do tempo, sinalando esas fronteiras ou límites territoriais de diversas maneiras. Unha das formas de sinalar os límites ou fornteiras entre territorios ou propiedades foi colocando fitos, “mojones”, chitos, mouteiras,....vamos, o que ben sendo un “marco”.

Todos os que medramos e vivimos no rural sabemos o que son os “marcos”, eses fitos de pedra que se empregan para diferenciar os límites no terreo. Colocados nunha esquina ou nun punto intermedio entre dúas fincas de diferente propietario. Non teñen unha forma determinada, aínda que si soen estar acompañados de dúas pedras de menor tamaño que se denominan “testiños”. igual que todos sabemos da morea de problemas e liortas que se poden chegar a producir entre veciños a causa dos marcos e a manía que teñen de mudarse de sitio cando ninguén os ve.. ;). E non é de estranar, porque por moito que sexan de pedra, non deixan de ser pezas que se poden mover dun sitio a sitio con facilidade.

O uso de marcos de pedra para sinalar fronteiras non so se circunscribe ó ámbito máis rural para marcar as estremas entre fincas e chousas adxacentes. A súa presenza no territorio remóntase, quizais, séculos atrás. Os mesmos romanos xa empregaban fitos de pedra, columnas que colocaban ás beiras das súas vías que indicaban as distancias entre diferentes puntos do seu ancho e largo Imperio, eran os “Miliarios”. Despois do paso e estancia  dos romanos por aquí, os cambios na estructura e división territorial foron continuos, e moitas veces se empregaron fitos ou marcos de pedra para sinalalos.

Sen ir tan lonxe no tempo e no espazo, aquí no noso territorio, no Val de Camba (Rodeiro), conservamos uns marcos moi especiais sobrevivintes dunha época da historia local que queda moi atrás no tempo e son parte do patrimonio material e inmaterial locais pero sobre todo son parte da historia e das lendas que circula en torno á Casa Fortaleza de Camba, un dos nosos bens mais prezados.

"Marco do Perdón".
Un dos ben que nos recibe
á beira do Camiño de Inverno, no sendeiro
moi preto da Casa Fortaleza.
Eles son os que coñecidos como “Marcos do Perdón”. Pola información que hai por ahí publicada podemos saber que a día de hoxe consérvanse dous destes pedrolos, localizados en dous puntos bastante próximos á Casa de Camba. Tamén se comenta que un terceiro marco abandonou as terras do noso fermoso val a mediados do século XX vítima daquela “operación rescate”, por medio da que algúns persoeiros da época se propuxeron “salvar” elementos patrimoniais que pasaron a formar parte de coleccións privadas ou expostos en museos extranxeiros.

Tamén se di que o noso marco podería estar nun Museo de Nova York enfermo de morriña pola terra da que foi arrancado sen consentimento algún. Será verdade?.

O que si é verdade é que temos dous, e ese dous concentran un valor patrimonial material e inmaterial que ben merece ser coñecido e posto en valor. Non creo que se poida asegurar que a súa localización actual sexa a orixinal, xa que pasaron séculos e quizais nalgún momento foron trasladados a onde se atopan hoxe. Pero o que se sabe é que en orixe a súa función era a de sinalar o límite entre dúas xurisdicións: a un lado a Casa Fortaleza de Camba e Coto de Quinzán do Carballo, ó outro lado a de Camba e Rodeiro. Cada unha con xuíz propio, o da Casa de Camba nomeado por ela mesma, o de Camba Rodeiro nomeado polo Arcebispado de Santiago e con sede na desaparecida Fortaleza de Rodeiro no solar que hoxe ocupa a actual Casa do Concello. Non se trataba, por tanto, so dun límite xeográfico, tamén dun límite legal, pois cada un xulgaba os delitos dentro do seu territorio coa súa lei.

Pasados os séculos, conservámolos por sorte de maneira material e testemuñal das vellas fronteiras entre aquelas xurisdicións e entre aquel territorio actualmente tan diferente. Pero tamén conteñen ó seu redor unha serie de lendas que teñen a súa orixe nesa situación fronteiriza entre diferentes territorios baixo diferentes leis.

O tema é que entre estas dúas xurisdicións existían certas diferencias legais, facendo que a Casa Fortaleza de Camba era, digamos, mais suave coa aplicación da lei e as consecuentes condenas. Co cal cando un preso ou condenado lograba escapar da Fortaleza de Rodeiro e chegaba a cruzar a fronteira quedaba perdoado, pero coa condición de que debía permanecer ó servizo dos Señores de Camba.

A partir de aquí, o paso do tempo e a transmisión oral fixeron o seu traballo e crearon lendas que circularon entre sucesivas xeracións de veciños. Algunha das cales rezaba que si un condenado abrazaba un deses marcos os seu delitos quedaban perdoados, concedéndolle a esas pedras case un poder máxico de perdón.

Sexa como sexa, os “Marcos do Perdón” da Casa de Camba son un dos nosos bens históricos e patrimoniais mais prezados, dignos de respeto e consideración.

 

 

martes, 11 de octubre de 2022

O rural galego visto polo neno Balbino.


"Memorias dun neno labrego"

 … é o como titulou Neira Vilas o seu famoso relato, un conto que nos seus 50 anos de vida acadou difusión internacional. O escritor de Gres (Vila de Cruces), que foi un neno labrego e galego, escribiu este relato na emigración en Arxentina, sentado nun café de Bos Aires tomando un refresco e deixando que a súa mente e a súa memoria viaxaran de volta ao seu rural natal, aquela aldea galega ó outro lado do Atlántico.

Neira Vilas lembra e relata a vida na aldea a través da mirada inocente pero espelida do neno Balbino, que representa a todos os nenos de aldea que viviron naqueles tempos, aló polos anos 50 do século pasado.

Balbino é protagonista e narrador da súa propia historia, da súa vida e do seu entorno, dos acontecementos que teñen lugar nun curto período de tempo e nun momento vital concreto. É un neno xa duns nove ou dez anos, intelixente, que comeza a cuestionarse cousas da realidade na que vive. El é o membro mais novo dunha familia humilde, traballadores pero pobres, labregos sen soños nin dereitos, sen propiedades, dentro duinha sociedade inxusta na que os privilexios son para os señoritos ricos. Decátase da situación e entende a inxustiza, que a vida non é igual para todos os rapaces e que os pobres sempre levan as de perder. Iso faino enfadar.

O relato fala de inxustiza social, da diferencia entre pobres e ricos, pero tamén trata outros temas que nos mostran tradicións e elementos culturais que se foron perdendo co paso do tempo, ou que actualmente xa non se viven da mesma maneira; festas e romarías, os carnavais, a relixión e a perda dun familiar, os enterros e o tempo de loito obrigado, a emigración en busca da liberdade e dunha vida mellor lonxe do poder dos señoritos,... son algunhas das cuestións sobre as que reflexiona Balbino. Tamén sobre as relacións humanas, a amizade e os primeiros sentimentos que se lle espertan cara as rapazas.

Como “nena labrega” que son, o relato esperta en min diferentes sentimentos. Eu medrei e sigo vivindo no rural galego, un rural diferente ao de Balbino pola distancia temporal que nos separa e os cambios sociais e económicos, pero que sinto próximo polas historias, contos e lembranzas das que sempre escoito falar aos meus maiores. Eles si que foron nenos labregos coma o Balbino, nenos pobres de familia humilde, que fixeron loito estricto cando se foi algún familiar, que saíron a cantar os reis no nadal, que foron aos niños, que apañaban castañas no outono e gardaban as vacas no monte, que tiveron que cambiar pronto os xogos infantís polo traballo e que emigraron na procura dunha vida mellor.

“Memorias dun neno labrego” é unha obra curta, pero maxistral que condensa e transmite unha chea de coñecementos e saberes. Un relato ameno, simple, de fácil comprensión que debería ser de lectura e análise obrigatoria nas escolas. Que nos leva a un tempo pasado que temos que coñecer, que non se pode esquecer. E que os nenos de hoxe saiban como viviron os seus avós a sú infancia, moitos deles foron nenos labregos como o Balbino. 

jueves, 8 de septiembre de 2022

Imaxes da memoria.

 

A Galicia dos anos vinte do século pasado quédanos xa tan lonxe no tempo e producíronse tantos cambios na sociedade que nos resulta un mundo moi alleo e cheo de diferencias. Por sorte consérvanse arquivos documentais e todo tipo de obxectos e pezas  que nos permiten achegarnos a eses anos do pasado dos que xa apenas quedan xentes que os viviran en primeira persoa.

Daqueles anos, nos que a fotografía xa era un oficio ben asentado, existen gran cantidade de imaxes que axudan a manter a memoria das xentes e da vida. Por terras galegas pasearon e pousaron a súa mirada varios fotógrafos nacionais e internacionais que quixeron facer inmortais os nosos antergos e a súa maneira de vivir a través das súas fotos.

Unha daquelas fotógrafas foi Ruth Matilda Anderson, de nacionalidade Norteamérica, enviada pola Hispanic Society of America coa misión de documentar á sociedade galega dos anos 20. Ruth pasou unha boa tempada en Galicia recorrendo vilas, cidades, pero sobre todo aldeas. Compuxo un gran arquivo fotográfico que hoxe, case 100 anos despois, é un documento etnográfico e histórico de valor incalculable que nos ofrece unha mirada á realidade rural dos anos 20, gardando para sempre en imaxes numerosas escenas e persoas. Pousou a mirada e a lente da súa cámara sobre as xentes traballadoras do mar e do campo galego, homes, pero sobre todo mulleres, humildes e traballadoras que levan no seus rostros as marcas da vida e do esforzo, tamén da miseria da época. Emocionan as fotografías dos nenos e nenas, moitos deles descalzos, que abandonaron moi pronto os xogos infantís para contribuir co seu traballo á subsistencia familiar.

A Hispanic Society publica un libro, un catálogo coas fotografías que aporta Ruth Matilda. Este libro é o punto de partida para a exposición que a Asociación Etnográfica 7 Espadelas plantexa en colaboración co Museo de Pontevedra e que se pode visitar na salas 2 do edificio Castelao ata o vindeiro 16 de outubro (2022).

A exposición reproduce imaxes, persoas e escenas que a fotógrafa capturou no seu camiñar por Galicia pasando por vilas e aldeas. Dan cabida sobre todo a aquelas imaxes que son mais representativas da tradición e da cultura do rural galego e que nos lembran oficios, obxectos, costumes ou tarefas cotiás que se foron abandonando ou perdendo co paso do tempo e os cambios na forma de traballar e de vivir.

A mostra está composta con gran gusto estético, repartida en varios espazos ou ambientes de diferentes temas: os oficios, traballos do mar e da terra, as festas e feiras, o loito e a morte, ou as vodas, son algún deses temas. En cada ambiente temos fermosas imaxes seleccionadas de entre todas as que capturou Ruth Matilda. Na súa meirande parte, as fotos, están protagonizadas por persoas, realizando as súas tarefas diarias: palilleiras, leiteiras, vendedoras de leña nas prazas dalgunha vila, ou de cerámica nalgunha feira, algunhas en solitario, noutras en grupo, sobre todo aparecen mulleres, de expresión seria pero mirada ao fronte, seguras e fortes aínda que con certo aire de tristura. Algunhas cos seus meniños no colo ou ás costas.

Son moitas fotos e todas moi fermosas, pero se hai que destacar algunha quédome coa da nena leiteira. Sobre un fondo escuro, destaca esa nena, de non mais de 6 ou 7 anos vestida coma unha muller, xunto a ela a leiteira de zinc, case do seu mesmo tamaño, e coa que tería que cargar cada día par ir a vender o leite, a unha vila próxima ou ao tren, durante gran parte da súa infancia e adolescencia. A imaxe resulta fermosa pero triste, fainos pensar nesa perda da infancia tan temperá obrigada polas circunstancias. Unha dura realidade que tamén nos mostra Wenceslao Fernández Flores na súa novela “O bosque animado” (1943), a través da personaxe da nena Pilara que perde a vida mentres realiza a súa tarefa diaria como leiteira.

Nos muros da sala as fotografías xa son unha moi boa exposición en si mesmas e un bo motivo para visitar a mostra. Pero este proxecto expositivo foi mais aló, dando vida e forma a esas imaxes. Así ó tempo que vemos as fotos no noso percorrido polo espazo camiñamos entre as personaxes protagonistas das mesmas, recreadas o mais fielmente posible, vestidos a maneira da época e sen esquecer que a vestimenta é o fio conductor da mostra, nas mesmas poses que as persoas das fotos, postos de venda nalgunha feira, traxes, roupas, ferramentas, zocos, xoias, ... algúns orixinais e en perfecto estado de conservación, outros son reproducións seguindo os patróns e modelos antigos. O ambiente creado envólvenos e vólvenos ó pasado.

No seu paso por Galicia, Ruth Matilda, tamén se pasou pola miña terra, a Comarca do Deza, que está presente na exposición a través de tres fermosas fotografías. Unha delas lembra un dos postos da feira de Lalín no que se venden zocos e outro calzado, outra é un posto de venda de pezas da coñecida alfareiria de Niñodaguia (Ourense) tamén en Lalín.

Gracias ó traballo de Anderson e a exposicións coma esta, hoxe podemos saber, achegarnos a lugares e persoas que ela capturou coa súa cámara, veciños e veciñas, escenas das nosas aldeas que xa se foron pero que viviran para sempre neste arquivo documental. E non é o único, pois ela é so unha das moitas fotógrafos e fotógrafas que quixeron documentar a vida e a realidade galega ao longo do século XX, algúns deles quedaron realmente fascinados e namorados desta terra e das súas xentes.

Como Ton Van Vliet que retratou a veciños e veciñas do Concello de A Golada nos anos 70; tamén na década dos 70, Cristina Garcia Rodero, primeira muller española en entrar a coñecida Axencia Magnum; nos anos 60 estiveron por Galicia Gustav Henningsen ou Jean Dienzaide; arredor dos 20 Walter Ebelinge e George Chevalier. Cabe destacar ó galego Xosé Suárez o fotógrafo de Allariz, un dos documentalistas históricos galegos mais importantes, que tan ben soubo retratar a Galicia dos anos 30.

Moitas exposicións coma está fan falta para que non esquezamos e teñamos sempre presente de onde vimos.








martes, 1 de marzo de 2022

Esculturas de porquiños!.

Fai xa 20 anos que na Rúa Colón de Lalín atopamos unha escultura moi singular que comparte vida e acompaña aos veciños no seu día a día. Trátase do “Monumento ao Porco”, que se asentou no 2001 na esquina desta céntrica rúa da vila. A escultura de gran tamaño esta feita en bronce e é obra do escultor Manolo Rial.

A idea foi crear unha peza artística  que homenaxeaba á famosa Feira do Cocido, unha festa gastronómica que leva celebrándose dende hai décadas, e a carne deste animal é un dos ingredientes fundamentais deste prato típico. Pero o significado e valor da escultura do porco vai mais aló do cocido, supón tamén unha homenaxe á tradición rural e á nosa forma de vida. A cría e coidado destes animais na casa é, dende séculos atrás, fundamental porque del se obtiña una gran cantidade de produto que forma parte da base da alimentación familiar, e tamén porque coa venta de parte dese produto contribuíase á economía familiar.

Ó principio a escultura resultou un tanto polémica, criticada porque unha parte da sociedade local a viu un tanto vulgar ou inapropiada, pero co paso do tempo a súa presencia na rúa foi aceptada gañando o cariño de todos e hoxe é un veciño mais. Nestes vinte anos xa é un dos símbolos locais mais recoñecibles e todo un reclamo turístico, pois son moitos os visitantes que non marchan da vila sen fotografarse con el.

O porquiño de Lalín non está solo no mundo. Existen, en diferentes vilas e cidades doutros países mais esculturas e grupos escultóricos que tamén homenaxean a este animal.

Na cidade de Adelaida en Australia, en pleno centro e na principal rúa comercial leva dende 1999 instalado un grupo de catro porquiños de bronce: Horatio, Tuffles, Auguste e Oliver. Este grupo de porquiños, ó igual que o de Lalín, tamén tivo uns comezos difíciles e costoulles integrarse no entorno e ser aceptados. Hoxe é un conxunto de “arte público” co que a xente interactua e é habitual ver aos nenos xogando ao seu redor. Á súa aceptación contribuíu dotar a cada un deles cun nome propio o que provocou, nas persoas do seu entorno, un sentimento de proximidade e familiaridade.


A pequena vila de Aarhus en Dinamarca esta salpicada en todas as súa rúas e plazoletas de pequenas esculturas, unha delas é “O Pozo dos Porcos” do ano 1941. Unha fonte composta dunha porca e os seus 7 porquiños. O artista, Mogens, pasou varios meses vivindo nunha granxa e estudando estes animais para facer unha obra o mais realista posible.

Outro exemplo está en Gran Canaria, onde se colocou nun espazo público unha escultura deste animal como homenaxe a unha das súas razas autóctonas.

Todos eles son so algúns exemplos de escultura de porcos polo mundo, homenaxeando e dignificando a este animal tan relacionado coa tradición rural en todo o mundo.

Pero en Lalín foise un paso mais aló creándose no 2009 unha iniciativa artística que ten como tema este animal, nacendo a “Pork Art” que despois pasou a ser a exposición itinerante “Os Porquiños de Lalin”. A idea comezou sendo un proxecto en colaboración entre o Concello de Lalín e unha empresa de marketing como un modo de promocionar o concello e a Feira do Cocido. Naceron así unha serie de esculturas de porquiños a tamaño real que se diferencian pola súa imaxe e que forman un grupo expositivo itinerante que se levou por vilas e cidades promocionando e dando a coñecer Lalin e o Cocido.

Algúns dos Porquiños de Lalin.
Cada un destes porquiños está pintado ou decorado con diferentes motivos e da man de diferentes artistas, outros funcionan ademais como soportes publicitarios por estar patrocinados por empresas locais ou organismos públicos. O seu número foi aumentando cos anos e hoxe xa non sei cantos hai, ademais de crearse outros pequenos porquiños que se poden mercar ou o pin conmemorativo da Feira do Cocido.

Cada ano, nos primeiros meses do ano e con motivo da celebración da Feira do Cocido, os Porquiños de Lalin saen á rúa e ós espazos publicos, así podémolos atopar repartidos por toda a vila e á entrada dalgúns negocios locais aportando un pouco de cor e alegría aos grises días de inverno e convertendo Lalín nunha galería de arte contemporáneo cunha curiosa exposición.