martes, 16 de febrero de 2021

Un par de zocos.

"Un par de Bota", Van Gogh.

En 1.886 Vincent Van Gogh  pintaba unha serie de cadros no que o tema eran botas ou zapatos usados. Naqueles anos Vincent vivía nunha zona mineira e labrega á que foi destinado como Pastor e onde comezou a súa carreira artística. El proviña dunha familia acomodada na que non lle faltaba de nada, e alí naquela aldea coñeceu a miseria e a pobreza na que vivían aquelas xentes que o deixouno profundamente marcado. Adoptouse á súa nova situación, tentou axudar en todo os seus fregueses  vivindo como eles o facían e rexeitando as comodidades propias do seu estatus.

Consérvanse deses anos da súa vida unha chea de debuxos e algúns cadros; detalles de rostros, mans, os brazos dos labregos cos que comparte días e traballo, ou obxectos de uso cotiá. Así é como depura a súa técnica como debuxante e capta a vida que o rodea. El atreveuse a mirar á vida de verdade, elevando aquelo que o rodeaba a algo digno de ser captado nun cadro, converténdoo en Arte.

Entre eles está este cadro : “Un par de botas”.  A imaxe é sinxela pero moi simbólica. Un par de vellas botas negras usadas, moi usadas, totalmente desgastadas. O cadro levantou un profundo debate entre os críticos, nunha época na que non era o “normal” pintar un obxecto persoal e menos un obxecto vello, feo, aparentemente sen valor.  Pero estas botas son moito mais, son a representación da realidade que Vincent tiña diante del, e da vida da persoa que as levou nos seus pes ata acabalas, representan o cotiá, os sufrimentos e as alegrías de quen as calzou.

Pois ben, se Van Gogh fose galego ou pasase aquela primeira época como artista en Galicia, no noso rural e rodeado de labregos, ese par de botas serian “Un par de zocos”, o calzado que se empregou durante décadas.

Hoxe en día son moi poucas as persoas que seguen empregando os zocos a diario como antigamente. Os zocos eran o calzado máis adecuado para camiñar pola terra, polos camiños e carreiros, para traballar no monte e nas leiras. Feitos de madeira e coiro, eran resistentes e protexían os pes da auga e o frío.

En moitas casas do rural seguro que se remexemos un pouco podemos atopar por algún recanto un par de zocos vellos e desgastados, como as botas que Van Gogh pintou. Un par de zocos que quedaron esquecidos nun recanto descansando das longas xornadas de traballo do pasado, e que gardan na memoria o trazado dos camiños andados, da terra pola que pisaron e da vida da persoa que os usou ata desgastalos.

Os zocos, non solo son un tipo de calzado, son un dos nosos símbolos. Representan o rural e ás labregas e labregos que xeración tras xeración se esforzaron e traballaron duro día a día para sacar as súas familias adiante e ter unha vida mellor. Pero tamén representan un oficio, o do zoqueiro, que os fabricaba por encarga de maneira totalmente manual.

O de zoqueiro foi un daqueles oficios tradicionais xa perdidos habituais, en moitas aldeas había algúns veciños que os exercían polo que era común que houbese carpinteiro, un ferreiro, un zoqueiro ou un xastre que elaboraban prendas, ferramentas ou os apeiros necesarios para o día a día dos veciños.  

Finalmente, os zocos son tradición, cultura e patrimonio.

Zoqueiro na feira de Lalin. Ruth Matilda Anderson

Actualmente séguense facendo zocos, seguindo mais ou menos as técnicas tradicionais, pero dándolles unha imaxe mais actual o incorporar novos materiais e cores. Aínda que hoxe non son o calzado para o traballo na aldea, son unha prenda de moda. Os zocos xa non deixan as súas pegadas nos vellos camiños, senón que dan paseos polas nosas vilas e mesmo pisan firmes e seguros por algunha pasarela de moda.

 



lunes, 8 de febrero de 2021

Buscando pegadas do pasado

Nas ocasións en que temos reunión familiar na casa, escoito os meus maiores falar de tempos pasados, da vida na aldea cando eran mozas e mozos. Gústalles lembrarse daqueles anos e contar divertidas anécdotas de cando ían polos antigos carreiros e camiños que os levaban a outras aldeas, á escola, ó zapateiro,… ou mesmo para ir ás romarías. Ese carreiros dos que falan, daquela cheos de vida polo diario ir e vir de xentes, hoxe xa non se poden seguir, desapareceron confundíndose co entorno, outros camiños aínda se conservan definidos e ben trazados pero sen vida.

Ás veces gústame saír a camiñar e perderme por eses vellos camiños que rodean a aldea onde vivo e sobre os que teño escoitado contos e historias. Algúns deles están abandonados e discorren a carón de terreos, chousas e lugares tamén abandonadas, sen uso nin aproveitamento.

Todos sabemos que o rural esmorece dende hai décadas. A vida nel nunca foi doada, moitos dos seus fillos fuxiron buscando un porvir mellor, para os que quedaron as cousas seguen sen ser doadas. Unha das consecuencias máis recoñecibles do despoboamento e o evidente abandono das terras, que permanecen no seu lugar  pero sen donos que as coiden e as fagan producir, tamén abandonados os camiños que indicaban as xentes como chegar ata as súas terras.

A falta de tránsito fixo que a maleza fose ganando terreo e fainos intransitables nalgúns tramos, aínda que nos terreos onde medraron fortes carballos e castiñeiros, xa centenarios, os camiños están abertos e pódese camiñar por eles, eses grandes árbores non deixan que baixo a súa sombra medren as silvas. Alí os vellos camiños, cos seus inseparables valados dirixindo o seu trazado, consérvanse como detidos no tempo.

Outra razón pola que os antigos camiños perderon o uso foi porque se trazaron outros novos, mais anchos e mellores, pistas de terra ou de asfalto, necesarias para cubrir as necesidades do uso de novas máquinas coas que se traballa a terra. Os novos medios de explotación intensiva da terra precisan novas vías e infraestruturas.

O conto é que nos arredores das nosas aldeas atopamos terreos e camiños abandonados que dan forma á paisaxe tradicional do rural. Terreos e camiños trazados e limitados por valados de pedra levantados polas mans dos nosos antergos, pedra a pedra. Os valados a xunta seca están inscritos pola UNESCO na Lista Representativa do Patrimonio Inmaterial da Humanidade, moitos deles foron levantado fai décadas ou mesmo centos de anos e son un sinal da humanización do territorio que está plenamente integrado na paisaxe, igual que outros elementos coma os muíños ou as pontes e pontellas.

Así, a nosa paisaxe tradicional está composta de elementos naturais: carballos, castiñeiros, fentos,… pero tamén forman parte da paisaxe as historias de todas as mulleres e homes que lle deron vida e forma intervindo nel sempre con respeto levantando valados, muíños ou pontes. A man do home non so deixou na paisaxe a súa intervención de maneira material senón que, a paisaxe mais tradicional está ligada a vellas lendas e contos coma a da Santa Compaña ou a “Antaruxada”, elementos do noso patrimonio inmaterial que lle da un encantador aire de misterio, unhas crenzas populares que se trasmitiron de xeración en xeracións de maneira oral.

Se decides aventurarte, como a veces o fago eu, por algún destes lugares esquecidos, distantes do trasego diario típico do campo, alí onde so se pode sentir o ruído da natureza, dos regatos de auga correndo, o silvar dos paxariños,… alí onde parece que se detivo o tempo,  se miras ben poida que te atopes coas pegadas do pasado feitas cos zocos cos que outras e outros pisaron antes por aquí…e quen sabe se incluso chegues a sentir a “Antaruxada”!!!.