Que a actual Casa do Concello de Rodeiro teña esa imaxe
de torre medieval coroada por almeas non é por casualidade, segue lendo e
saberás por qué.
Se pasas polo lugar e das a volta arredor do concello
poderás apreciar que este se divide en dúas partes diferenciadas
arquitectonicamente, a parte principal e máis antiga é esa con aspecto
medieval, e logo está a parte máis recente. As dúas partes están unidas por un corredor
baixo o cal se conservou un vello muro
de pedra, que para algún será solo iso, pero en realidade direi que son unhas
pedras con moita historia que permanecen aí para lembrarnos que a nosa casa do concello ten un antergo medieval.
A actual vila de Rodeiro ten, posiblemente o seu orixe na
Idade Media nacendo ó abeiro dunha fortaleza que ocupaba o solar no que hoxe
está o consistorio municipal, e de aí
ven o seu aspecto de edificio do medievo. Ese anaco de muro que con tanto
repeto se protexe ó seu carón é o único resto que chegou ós nosos días daquela
fortaleza, é, literalmente, unha anaco da nosa historia que garda a memoria do
pasado da vila e do concello de Rodeiro.
Investigando as fontes escritas sobre o tema atopeime con
artigos de investigación, que falan da orixe desta fortaleza entre o século XII
ou XIII, e noméase a un personaxe: Vasco Fernández de Rodeiro, quen poida que
fose o impulsor da súa construción. Os documentos dan conta da importancia
desta fortaleza e do poder dos señores que a habitaron, tamén se contan
multitude de historias das relacións destes con outras importantes familias de
nobres liñaxes do contorno: os Deza, os Camba, Taboada, Lemos, etc.
Volvendo á historia da Fortaleza perdida de Rodeiro, a edificación tivo unha longa época de esplendor, pero ó igual que outras moitas por toda Galicia,
foi atacada durante as Revoltas Irmandiños, as cuadrillas de campesiños que
no seu momento se rebelaron contra os señores feudais conseguindo mudar o
sistema opresivo no que vivian, causando grandes desfeitas nas propiedades dos
señores feudais. Tamén a fortaleza de
Rodeiro sufriu grandes desfeitas, uns
feitos documentados nos textos do coñecido como o Preito Tábera-Fonseca, textos
moi coñecidos entre os historiadores nos que se recollen as declaracións dos
testiños do acontecido naqueles días de enfrontamentos entre señores e vasalos.
Os testiños son persoas que habitaron na propia fortaleza ou nas casas
lindeiras e contan como era o
edificio antes da revolución e os danos causados. Naquel momento, o obxecto
deste xuízo era decidir quen debía encargarse de arreglar as desfeitas no
edificio, actualmente e por sorte para nós grazas a este documento podemos facer unha
reconstrución daquela antiga fortaleza.
Dedúcese polas declaracións que era un autentico castelo
medieval, coa súa torre da homenaxe no centro, patio, muralla que rodeaba a
construción e incluso o típico foso de auga que illaba e protexía o castelo dos
inimigos. Crese que aínda hoxe parte do Río Arnego, que da a volta arredor do
concello, segue o camiño que debuxaba aquel foso.
Pero o castelo foi pasando de propietario en propietario, acabou por ser abandonado sufrindo as consecuencias do paso do
tempo e chegando á ruina. O edificio serviría como canteira, se damos unha
volta polo entorno e nos fixamos un pouco, podemos atopar nos muros das
vivendas pedras que pertenceron á fortaleza.
E por iso cando se ideou o actual edificio quíxose facer
unha bonita homenaxe a aquela fortaleza medieval que un día ocupou este solar e que tanto significa para a historia local, respetando sempre ese anaco de vello muro que hoxe nos serve para recordala e forma parte do noso patrimonio histórico.
No hay comentarios:
Publicar un comentario