A Ruta dos Muíños
e da Historia ten un percorrido circular que comeza e remata no casco urbano de
Rodeiro. Son aproximadamente 17 km. que atravesan o noso fermoso Val de Camba,
de dificultade moderada, en gran parte o terreo é chan pero hai algún punto de
moita pendente. A ruta ao completo está sinalizada in situ e, ademá
is, pódese seguir a través da aplicación Wikiloc,
polo que non ten perda e permite complétala doadamente nuhas 3
horas mais ou menos.
A o longo destes
pouco máis de 17 km., podemos gozar dunha boa variedade de elementos
patrimoniais locais de diferente tipoloxía: arqueolóxicos, etnográficos,
arquitectónicos,...entre estes bens están algúns dos mais senlleiros do noso
concello e sobre os que xa comentei nalgúns post anteriores, como son a Tulla de Outeiro, a Vilae Romana de Porta de Arcos, ou a Casa-Fortaleza de Camba, pero tamén muíños, camiños e corredoiras,
rios e regatos, árbores centenarias, leiras e prados, que dan forma unha
fermosa paisaxe salpicado de aldeas nas que a vida dos seus veciños transcorre
día a día atarefados nas súas labores centradas no traballo da terra e no
coidado dos seus animais.
Nas nosas aldeas,
a tradición convive coa modernidade, e atopamos exemplos de grandes casas
antigas de grosos muros de pedra acondicionadas coas comodidades modernas que
nos fan a vida mais agradable. A maioría das familias desta terra seguen a
sobrevivir grazas á gandeiria e a agricultura, por iso nos cruzamos con
modernas explotacións gandeiras que melloran as condicións de traballo e
aumentan a produtividade da terra e do gando.
Pero comecemos a
facer a ruta así de maneira virtual!!. O punto de partida sería no casco urbano de
Rodeiro, dende alí diriximos os noso pasos pola estrada ata o desvío sinalado
ao pé do Castro de Vence. Este Castro é o primeiro dos bens de interese
patrimonial que nos atopamos, e que seria moi interesante poñer en valor. Ó igual que outros
castros locais, este tampouco escapou dos destrozos causados polos buscadores
de tesouros furtivos que danaron as estruturas en diversos puntos. Aínda así
estou ben segura que unha escavación arqueolóxica pode sacar de novo á luz do
día as estrutura das vivendas e os muros defensivos, ademais de pezas e outros
restos arqueolóxicos que aportarían datos sobre a vida nestas aldeas da Idade
de Ferro.
Fai apenas unha
semana souben, a través das RRSS da existencia dunha" Ara" ou "Estela Funeraria" de época romana que
foi achada no entorno deste castro fai mais de 50 anos, e que supostamente se
atopa baixo a custodia dos descendentes da persoa que a descubriu traballando a
terra no entorno do castro. Esta sería unha peza arqueolóxica de gran valor que
aportaría certa información sobre a época na que foi elaborada, permitíndonos
coñecer un pouco aos nosos veciños da Idade de Ferro.
A ruta discorre
por este tramo rodeando o recinto do vello castro e lévamos a un lugar á beira
do río no que abondan os muíños. Neste punto do rio, un dos afluente do Arnego,
a auga é abundante e corre con forza, por iso non é estrano que algúns elixiran
este recóndito lugar para levantar un muíño. Hai varios, actualmente non están
en funcionamento, pero si que se conservan en bastante bo estado e manteñen a
súa imaxe e o porte doutros tempos. O lugar merece moito a pena de visitar, un
recuncho abrigado e agochado en plena natureza, amenizado polo son da auga
creando un ambiente máxico.
A ruta está deseñada de modo que a maior parte do percorrido nos leva por vellos camiños e
sendeiros, e algunha corredoira, nos que aínda se poden sentir as pegadas do pasado,
a dos nosos antergos que os usaban como vías de comunicación entre aldeas e
polos que circulaban os vellos carros co
seu chirriar tan característico. Noutros puntos o camiño faise polas modernas
pistas de asfalto ou as máis recentes pistas da parcelaria que se atopa en
execución dende fai anos e que está modificando a nosa paisaxe tradicional para
sempre.
Á beira destes
camiño ímonos atopando cos diferentes bens xa mencionados en parágrafos anteriores:
a Tulla de Outeiro, moi preto do lugar onde o terreo protexe a Vilae Romana
xoia arquitéctónica local, e máis adiante o conxunto arquitectónico formado
pola Casa-Fortaleza de Camba con elementos estruturais de diferentes épocas. O conxunto de Camba complétase coa Igrexa Parroquial de San Xoán , outra das nosas pequenas
igrexas rurais de orixe románica que ten varios elementos interesantes pero que
comentarei nalgún artigo máis adiante.
A Casa de Camba é
o corazón do Val de Camba e é, tamén, o punto no que estaría completada a
metade do camiño desta ruta. A partir de aquí seguimos descubrindo camiños e
corredoiras, aldeas, casas antigas construídas de pedra e historia, árbores
centenarias que dan abrigo e sombra, pombais, hórreos e xentes.
A ruta é moi recomendable, pero, sobre todo é moi recomendable facela con calma e sen presa, permitíndonos gozar por completo das vistas que nos brindan os puntos máis altos, das paisaxes e da natureza, da tradición e da historia desta fermosa terra.