Galicia é sen
dúbida unha terra de verbenas e festas. Non hai parroquia nin aldea que celebre
cada ano unha ou dúas festas na honra ó seu Santo Patrón, nas que nunca faltan
as orquestras, foguetes e a boa comida en compañía de familiares e amigos. E
agora que xa estamos en plena tempada de festexos paréceme unha boa idea
escribir un novo post facendo unha breve reflexión sobre o tema, usando como recurso as
historias que os maiores gardan na súa memoria.
Pero crees que as
festas foron sempre como hoxe as coñecemos?, pregunta os teus maiores e veras
as diferenzas. Iso sí, despois de ler este post para saber un pouco do conto!.
Conversando cos
maiores da familia ou veciños máis vellos do lugar, eles empezan a recordar
eses bos momentos sempre cheos de anécdotas compartidas entre irmáns, amigos e
veciños. Eu sempre o paso moi ben escoitando estes contos e historias que me
soan tan lonxanas e imaxino as persoas protagonistas, hoxe xa maiores, nesas
festas, bailando e divertíndose cando eran mozos.
Daquela as
romarías eran outra historia!. Todos coñecían perfectamente o calendario de
festas que coincidia co santoral, e agardaban con ansia o día que algunha se acercaba. Dende ben cedo
comezaban os preparativos. O primeiro era aliarse con veciños percorrendo as
casas para poñerse de acordo, naquelas aldeas ateigadas de xentes, o normal era
facer forza común para poder ir e apoiarse, xa que o seguinte paso era
conseguir o permiso dos pais, cosa nada fácil!, e ademais tiñan que contar
cunha “carabina”, unha persoa maior e de “respeto” que os acompañase, sobre
todo no caso das mozas.
Conseguir o
permiso dos pais non era tarefa doada, sobre todo cando se trataba de romarías
a media semana. O traballo no rural era duro e sempre hai algo que facer, o primeiro
eran as labores, ó contrario que hoxe, a maioría dos traballos facíanse de
forma manual e toda a familia arrimaba o ombreiro. Por iso, moitas veces o pai
poñía como condición rematar algún traballo, que a priori semellaba imposible,
como sachar a leira do millo na maña, a ver si así os rapaces desistían de ir á
festa. Pero as ganas de troula eran moitas e a recompensa ben valía o esforzo.
Á tardiña todos
tiñan as labores rematadas e listos para saír a divertirse, arregladiños ca roupa dos domingos. As mozas, levaban muda
de zapatos, uns ben cómodos para facer o camiño e outros, os de moda con tacón de agulla ben altos, para
lucir na festa. Que daquela á festa íase andando por camiños e carreiros, sen coches nin carreteras, non había doutra que ir a pé. Ademáis esto facía que se limitase o radio de acción ás parroquias veciñas e máis próximas, evitando facer demasiados kilómetros de ida e volta.
Dende que o grupo
se reunía para saír cara o lugar da festa xa comezaba a diversión. Todo eran
risas e chanzas polo treito ata chegar ó lugar. Xa no “torreiro” da festa,
comezaba o baile. Os mozos, tímidos ó comezo, ían escollendo parella de baile
entre as mozas. Eran eles quenes levaban a iniciativa. Pero coidado, porque se
te vían bailando máis de dúas pezas co mesmo xa cho colocaban como mozo de
forma oficial.
As romarías
comezaban con día e remataban tamén cedo, arredor da media noite os grupos
partían de volta as súas aldeas e casas. Pero a festa non remataba, de camiño
seguían as risas, a diversión e os chismes de posibles novas parellas nacidas
nesa festa, algunhas rematarían en matrimonio.
Hoxe os tempos
son outros e as cousas cambiaron moito. As parroquias compiten por ver cal é a
que trae a mellor orquestra e xunta máis xente. Os asistentes miramos de brazos
cruzados cara un escenario no que ten lugar un espectáculo que nos atorda co ruído
e as luces. Os máis novos xa non saben bailar “o agarrado” e pasan a noite
sacándose fotos que subir ó instagram e en grupos de “botellón”.
Cando escoito aos
meus maiores falando esas historias de xuventude, das romarías ou das tardes
tocando a pandeireta e cantando xunto aos veciños da aldea, non podo evitar
pensar que viviron unha época ben bonita e divertida, cunha maneira de
coñecerse e relacionarse máis sa e moi diferente á que nos tocou a nós.
Incluso, a veces,
sinto unha certa envexa.
Felicidades,muy educativo��
ResponderEliminarGracias!!
EliminarCurioso e interesante
ResponderEliminarMe alegra que parezca interesante! gracias!
Eliminar👍👍👍
ResponderEliminar