Para comezar o
post, teño que confesar que fai uns cantos anos que non visito o Museo de
Pontevedra e sei que actualizaron e modificaron as exposicións neste tempo
sendo diferentes a como eu as vin no seu momento. Pero o que non cambiou é que
alí se custodian e conservan os tesouros históricos e artísticos de moitos dos
concellos da provincia, entre eles Rodeiro.
O museo
provincial é un centro cultural e expositivo curioso polo feito de que se
compón de varios edificios, en concreto seis, que se reparten pola zona vella
da cidade, próximos entre si e complementarios. Deste modo, ó mesmo tempo que
visitas os seis edificios do museo e as diferentes exposicións permanentes e
temporais que conteñen, podes disfrutar dun agradable paseo pola “Boa vila”, as
súas prazas, rúas antigas, as igrexas e vellos conventos que comparten veciñanza coas edificios do museo.
Comezando polas Ruínas de
Santo Domingo, restos dun antigo convento que se localiza na Alameda
pontevedresa, é o edificio mais antigo que forma parte do conxunto do Museo de
Pontevedra. O Edificio Castro Monteagudo
e o García Florez, antigos pazos señoriais dos séculos XVII e XVIII. No
Edificio Fernández López que ten unha parte construída de nova planta, é onde
se atopan as dependencias administrativas e demais oficinas. E completan o
conxunto o Edificio Sarmiento, un antigo convento, e o seu anexo o Sexto Edificio de nova planta. Todos eles
son complementarios entre si e fóronse adquirindo e incorporándo ó conxunto o
mesmo ritmo que medraron as coleccións, as exposicións e as necesidades do
museo.
En cada un dos
edificios podemos visitar unha sección diferente da exposición permanente,
ademais das temporais. Desde modo, nas últimas ocasións nas que eu pasei por
alí, o que eu quería e ver era as pezas arqueolóxicas procedentes de Rodeiro
que se expoñían nas salas de arqueoloxía, que daquela se atopaban no
recentemente inaugurado Sexto Edificio. Agora, debemos de ter en conta que
despois a exposición foi modificada e reubicada no Edificio Sarmiento e aínda non tiven ocasión de
volver a visitala polo que me remito ao que eu vin daquela.
E naquelas salas
de arqueoloxía do Sexto Edificio, nas que se expoñían os tesouros mais antigos de toda a provincia, entre os que estaban as pezas arqueolóxicas procedentes de Rodeiro das que vou falar a
continuación.
As primeiras a
destacar son as pezas de cerámica da Vilae Romana de Porta de Arcos que estaban nunha vitrina. Nas escavacións realizadas a comezos dos anos 70
recuperáronse fragmentos de cerámica, vidro, tégula, ferro,… que forman parte dos fondos do Museo. Algunhas das pezas de cerámica estaban
bastante enteiras, son vasillas de boa calidade e perfectamente restauradas
como se pode ver na fotografía que acompaña o post. Teño que aclarar que a fotografía a atopei nun post publicado no 2016 no blog "1000 Lugares de Galicia", abaixo deixo a ligazón!, Volvendo á escavación, naquelas traballos
recuperáronse obxectos curiosos como un cinto que tamén se expoñía nunha das
vitrinas.
Teño constancia
que existen máis fragmentos de cerámica almacenados no Instituto Padre
Sarmiento en Santiago, e, por suposto, no Museo Municipal Manuel Lamazares en
Rodeiro tamén se expoñen fragmentos de cerámica, tégula e pezas de ferro do
xacemento.
Noutra das salas
atopeime cunha peza ben fermosa, a Fíbula de bronce nielada de época romana que
foi achada por casualidade nas proximidades do Castros de Aboldrón e posteriormente
depositada no Museo Provincial onde segue. Unha peza que xa comentei nun post
anterior. [https://isaferb.blogspot.com/2019/11/pezas-de-museo-2-fibula-romana.html]
Para rematar o
percorrido pola sección de arqueoloxía local presente no Museo de Pontevedra, naquel
momento noutra das salas tiñan reservado un espazo para colocar unha peza moi
especial, sobre unha peana esperaban expoñer unha das laxas recuperadas da
mámoa do Monte dos Marxos, en A Lemparte (O Couto), unhas pedras con moita
historia que formaban un gran túmulo que foi arrasado no seu emprazamento
orixinal deixándoas amoreadas nun extremo do terreo. Mais tarde foron
descubertas e deuse parte a Patrimonio, e as laxas leváronse a Pontevedra e
depositáronse na Facultade de Belas Artes onde se procedeu á súa limpeza e
estudo. Coa información obtida, os investigadores conseguiron reconstruír parte
da vida e historia deste túmulo prehistórico e das laxas que o formaban.
Do lugar que ocupaba a mámoa arrasada tamén se
extraeron outros materiais: puntas de frecha, un colgante quizais de varislacita,
fragmentos dun vaso campaniforme e outros fragmentos de cerámica, materiais
propios do típico axuar que se enterraba xunto ao corpo do finado que tiña nesta mámoa a sú última morada.
Unha das laxas da Mámoa do Monte dos Marxos. |
E ata aquí o
repaso polos tesouros locais que están custodiados no Museo Provincial e puiden
ver nas miñas últimas visitas ao museo. Polo miña parte prometo volver a
visitalo en canto poida para comprobar como afectaron á nosa “representación
arqueolóxica” os cambios expositivos e de ubicación desta sección expositiva.
Pero igual é mellor que ti mesmo o comprobes... ;) ;) ;)
Na seguinte ligazón podedes coñecer a exposición de arqueoloxía no edificio Sarmiento no ano 2016, un ano despois da miña última visita ao Museo, tiña fotos desa visita pero non as atopo. De aquí extraín a foto das vasixas de cerámica
de Porta de Arcos;
ollo!!! noutra foto aparece o cinto que menciono no post, non o perdades!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario