Para a segunda entrega de “Pezas de museo” quero
presentar unha moi especial. Trátase dunha antiga “fíbula” de época romana que
coñecín fai xa algúns anos visitando o Museo de Pontevedra. A fíbula formaba
parte da exposición permanente de arqueoloxía que ocupaba daquela as salas do
Sexto edificio do museo.
"Fíbula" de bronce nielado. Orixe: Rodeiro. Museo de Pontevedra. |
A simple vista non parece gran cousa pero, tanto para min
coma para todos os veciños de Rodeiro, esta é unha peza de gran valor con séculos de historia as súas costas, xa que foi atopaba por casualidade nestas terras, nalgún punto do
noso Val de Camba. Polo tanto, ela garda en si mesma a memoria daquela época
na que os romanos viviron aquí, ademais de que nos conecta con ese pasado e coa historia de Rodeiro. Fai algúns meses escribín un post sobre “A vila
Romana de Porta de Arcos” no que falaba deste tema, titulado "Romanos no corazón do Val de Camba". Porque eses romanos se asentaron en Camba ou como chegaron esta e outras pezas ata aquí segue sendo un misterio para todos nos, un misterio que nos leva a imaxinar centos de historias de como era o día a día dos nosos veciños romanos no século IV.
Pois ben, unha “fíbula” non é mais ca un alfinete que empregaban
as persoas daquela para suxeitar as teas coas que compoñían as súas roupas, á
moda da época. Un obxecto de uso cotiá que tiña utilidade pero tamén era un
adorno, unha xoia para adornar a vestimenta e mellorar a imaxe. Esta en
concreto, elaborada en bronce, reflexa sinxeleza e bo gusto. A min paréceme moi fermosa!.
Esta peza tan ben conservada forma parte dunha colección
de bens patrimoniais con orixe en Rodeiro que se conserva no Museo de
Pontevedra, pero sobre este tema estou a traballar nun novo post que pronto
publicarei e no que contarei máis cousas e presentarei parte desa colección.
Eu coñecín esa colección fai algúns anos, as pezas que compoñen este “tesouro”
local podíanse ver expostas nas vitrinas do museo porque, igual que a fíbula,
formaban parte da exposición de arqueoloxía do Sexto. Lamentablemente a
exposición modificouse e parte das pezas volveron aos almacéns do museo onde se
conservan pero non se poden ver.
No hay comentarios:
Publicar un comentario