Todo este tempo
que vimos de pasar confinados nas nosas casas e sen ir máis aló do noso entorno
máis próximo, eu persoalmente empregueino para fixarme nese entorno do que non
podía saír e coñecelo un pouco máis, e así tratei de saber mais sobre a historia
dun sitio no que se mantén en pe un vello muro de pedra, pedras que conservan
na súa memoria a historia da orixe dun ben do patrimonio relixioso local.
Moi próximo á
miña casa, dentro dese kilómetro cadrado que nos tiñan limitado ata non fai moito
tempo para saír a camiñar, atopamos entre a maleza os restos dunha antiga
palleira de pedra da que so se mantén en pe parte dun muro que nos fai viaxar
no tempo arredor de cen anos atrás. A palleira, nos seus mellores tempos
formaba conxunto cunha casa , ademais dun muíño que se localiza non moi lonxe
destas dúas construcións, todo elo rodeado dun extenso terreo que pertencía á
unha familia que facía vida alí.
Peto de Ánimas e Cruceiro fronte á Capela da Santa Cruz. |
O curioso desta
historia é a relación que ten cunha pequena capela que se conserva no lugar de
A Portela, pois a vella capela da Santa Cruz tiña o seu emprazamento orixinal
na Casanova xunto a esta casa e esta
palleira. A historia do conxunto perdeuse no tempo e xa poucos na parroquia
coñecen os detalles polo que non sei si a capela era privada ou de uso público
para o culto na honra á Santa Cruz.
Cando a
propiedade foi vendida tanto a casa como a capela trasladáronse pedra a pedra
ao lugar de A Portela, situado a un kilómetro escaso do emprazamento orixinal.
A capela da Santa
Cruz é de escaso valor artístico. Presenta unha imaxe exterior austera e
simple, grosos muros de pedra sen ningún elemento decorativo. Na fachada
principal está a gran portada de entrada, a un lado unha porta de menor tamaño
e ó outro unha fiestra. A capela forma un conxunto patrimonial que completan un
Cruceiro e un Peto de Ánimas.
Cruceiro e Peto
de Ánimas están xuntos e pegados ao muro da capela, na súa fachada principal.
Este non é o
emprazamento orixinal do cruceiro, é de tipo procesional e estaba apartado da
capela no medio do campo da festa, lugar ata onde aínda hoxe se encamiña a
procesión o día da festa parroquial na honra a San Cristovo. Como por aquí pasa
a estrada, decidiuse que se mudara o cruceiro de sitio para evitar que
entorpecese a circulación ou sufrise danos.
O Peto de Ánimas
é un dos dous que temos catalogados en todo o concello, o outra está en Riobó.
A súa estrutura é simple, de pedra na súa cara frontal ten unha ranura pola que
se introducían as moedas e limosnas que ían parar a unha caixa interior á que
se accede pola parte traseira do peto.
Pero a historia
da capela non remata aquí. A esta pequena construción relixiosa que cambiou de localización posiblemente nas
primeiras décadas do século XX, o destino aínda lle deparaba unha nova volta de
rosca. Aló polos anos 70 a capeliña da Santa Cruz perdeu a súa función
relixiosa porque foi vendida, o novo párroco destinado daquela aquí así o
considerou preciso co beneplácito do bispado, pois precisaba cartos para construír unha casa
parroquial. As figuras relixiosas e outros obxectos leváronse á igrexa
parroquial quedando a capela espida.
Ata aquí o breve
relato da historia das pedras que se conservan no sitio que coñecemos como A
Casanova, moi pretiño da miña casa, e aparellada á vella Capela da Santa
Cruz de A Portela, unha historia da que xa non se fala, sendo poucas as persoas
das aldeas dos arredores qua a coñecen ou a lembran e que cha poden contar.
Eu quixen
recollela neste espazo a modo de exemplo, pois por todas partes atopamos restos
de vellas construcións de pedra que cargan coa historia dunha vida perdida, porque
creo que é interesante que coñezamos este tipo de historias que nos falan do
pasado do noso entorno máis próximo devolvéndolle a lugares coma este un pouco
da vida que perderon fai décadas o quedar abandonados.
No hay comentarios:
Publicar un comentario