martes, 7 de diciembre de 2021

Rodeiro ten que ver: Ruta dos muíños e da historia.

O outono sempre é unha época perfecta para saír a camiñar e facer rutas de sendeirismo que nos leven a coñecer máis a fondo o noso e outros entornos. Xa quedan poucos días para rematar o outono do 2.021, estamos nos dias máis pequenos do ano e o tempo tampouco acompaña, pero aínda así quero compartir con vos un novo post no que fago un breve percorrido por unhas das rutas de sendeirismo locais. Eu fíxena fai pouco mais de un mes, unha luminosa e agradable maña de sábado, e aquí queda como proposta para a próxima primavera ou o vindeiro outono.

A Ruta dos Muíños e da Historia ten un percorrido circular que comeza e remata no casco urbano de Rodeiro. Son aproximadamente 17 km. que atravesan o noso fermoso Val de Camba, de dificultade moderada, en gran parte o terreo é chan pero hai algún punto de moita pendente. A ruta ao completo está sinalizada in situ e, ademá
is, pódese seguir a través da aplicación Wikiloc, polo que non ten perda e permite complétala doadamente nuhas 3 horas mais ou menos.

A o longo destes pouco máis de 17 km., podemos gozar dunha boa variedade de elementos patrimoniais locais de diferente tipoloxía: arqueolóxicos, etnográficos, arquitectónicos,...entre estes bens están algúns dos mais senlleiros do noso concello e sobre os que xa comentei nalgúns post anteriores, como son a Tulla de Outeiro, a Vilae Romana de Porta de Arcos, ou a Casa-Fortaleza de Camba, pero tamén muíños, camiños e corredoiras, rios e regatos, árbores centenarias, leiras e prados, que dan forma unha fermosa paisaxe salpicado de aldeas nas que a vida dos seus veciños transcorre día a día atarefados nas súas labores centradas no traballo da terra e no coidado dos seus animais.

Nas nosas aldeas, a tradición convive coa modernidade, e atopamos exemplos de grandes casas antigas de grosos muros de pedra acondicionadas coas comodidades modernas que nos fan a vida mais agradable. A maioría das familias desta terra seguen a sobrevivir grazas á gandeiria e a agricultura, por iso nos cruzamos con modernas explotacións gandeiras que melloran as condicións de traballo e aumentan a produtividade da terra e do gando.

Pero comecemos a facer a ruta así de maneira virtual!!. O punto de partida sería no casco urbano de Rodeiro, dende alí diriximos os noso pasos pola estrada ata o desvío sinalado ao pé do Castro de Vence. Este Castro é o primeiro dos bens de interese patrimonial que nos atopamos, e que seria moi interesante poñer en valor. Ó igual que outros castros locais, este tampouco escapou dos destrozos causados polos buscadores de tesouros furtivos que danaron as estruturas en diversos puntos. Aínda así estou ben segura que unha escavación arqueolóxica pode sacar de novo á luz do día as estrutura das vivendas e os muros defensivos, ademais de pezas e outros restos arqueolóxicos que aportarían datos sobre a vida nestas aldeas da Idade de Ferro.

Fai apenas unha semana souben, a través das RRSS da existencia dunha" Ara" ou "Estela Funeraria" de época romana que foi achada no entorno deste castro fai mais de 50 anos, e que supostamente se atopa baixo a custodia dos descendentes da persoa que a descubriu traballando a terra no entorno do castro. Esta sería unha peza arqueolóxica de gran valor que aportaría certa información sobre a época na que foi elaborada, permitíndonos coñecer un pouco aos nosos veciños da Idade de Ferro.

A ruta discorre por este tramo rodeando o recinto do vello castro e lévamos a un lugar á beira do río no que abondan os muíños. Neste punto do rio, un dos afluente do Arnego, a auga é abundante e corre con forza, por iso non é estrano que algúns elixiran este recóndito lugar para levantar un muíño. Hai varios, actualmente non están en funcionamento, pero si que se conservan en bastante bo estado e manteñen a súa imaxe e o porte doutros tempos. O lugar merece moito a pena de visitar, un recuncho abrigado e agochado en plena natureza, amenizado polo son da auga creando un ambiente máxico.

A ruta está deseñada de modo que a maior parte do percorrido nos leva por vellos camiños e sendeiros, e algunha corredoira, nos que aínda se poden sentir as pegadas do pasado, a dos nosos antergos que os usaban como vías de comunicación entre aldeas e polos  que circulaban os vellos carros co seu chirriar tan característico. Noutros puntos o camiño faise polas modernas pistas de asfalto ou as máis recentes pistas da parcelaria que se atopa en execución dende fai anos e que está modificando a nosa paisaxe tradicional para sempre.

Á beira destes camiño ímonos atopando cos diferentes bens xa mencionados en parágrafos anteriores: a Tulla de Outeiro, moi preto do lugar onde o terreo protexe a Vilae Romana xoia arquitéctónica local, e máis adiante o conxunto arquitectónico formado pola Casa-Fortaleza de Camba con elementos estruturais de diferentes épocas. O conxunto de Camba complétase coa Igrexa Parroquial de San Xoán , outra das nosas pequenas igrexas rurais de orixe románica que ten varios elementos interesantes pero que comentarei nalgún artigo máis adiante.

A Casa de Camba é o corazón do Val de Camba e é, tamén, o punto no que estaría completada a metade do camiño desta ruta. A partir de aquí seguimos descubrindo camiños e corredoiras, aldeas, casas antigas construídas de pedra e historia, árbores centenarias que dan abrigo e sombra, pombais, hórreos e xentes.

A ruta é moi recomendable, pero, sobre todo é moi recomendable facela con calma e sen presa, permitíndonos gozar por completo das vistas que nos brindan os puntos máis altos, das paisaxes e da natureza, da tradición e da historia desta fermosa terra.




 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario