Para os que leeste o post sobre a novela “A Marquesa de Camba”, lembraredes que
un dos escenarios onde transcorren os feitos é o Castelo de Ruperfert. No seu calabozo é asasinado D. Alonso Suárez
de Deza, un feito que provoca os acontecementos que serven de base para a
narración desa noveliña do século XIX,que cambian a vida da Marquesa para
sempre.
Abril de 2.017 |
Ben, pois o Castelo
de Rupefert en realidade é o Castelo da Rocha Forte, unha antiga fortaleza
de orixe medieval, datada no século XII, que se localiza as aforas de Compostela
no lugar da Rocha, ó lado do Barrio de Conxo. Alí, xacen os restos do vello
castelo, alí quedou abandonado e esquecido durante séculos.
Como todas as fortalezas e castelos que sobreviven por
toda Galicia, a súa orixe situase na Idade Media, arredor do século XII, aínda
que as primeiras fontes documentais que se coñecen sobre este el datan do
século XIII. E grazas a esas fontes documentais podemos coñecer parte da súa
vida.
Por exemplo, sabemos que viviu o seu momento de máximo
esplendor entre os séculos XIII e XV, que sufriu o ataque dos Irmandiños en
1467, durante as revoltas entre campesiños e señores feudais, momento no que
comeza o principio do fin do edificio. Nos textos do coñecido como Pleito
Tábera-Fonseca podemos ler os testemuños daqueles que o coñecían antes de ser
atacado e que nos ofrecen esa visión previa do edificio, uns textos moi
interesantes grazas os cales tamén podemos saber como era a desaparecida
Fortaleza de Rodeiro. Dan a imaxe dunha edificación impoñente, un dos exemplos
mais destacados de entre as fortificacións galegas.
Pola fontes documentais sabemos tamén que o castelo foi
residencia arcebispal durante o tempo no que se executaban as obras do Pazo
Arcebispal Compostelán, xunto á catedral. Tanto a antiga Fortaleza de Rodeiro
como o Castelo da Rocha foron pasando de mans en mans ata ser propiedade da Igrexa
, para logo quedar abandonadas e ser desmanteladas ó ser empregadas como
canteiras, as casas que se levantaron na zona teñen nos seus muros a historia
destas fortalezas, e no caso da da Rocha incluso se levou pedra para á catedral
de Santiago, ata quedar finalmente esquecidas.
E no esquecemento permaneceu este castelo durante séculos,
solo visitado por espoliadores e furtivos que buscaban tesouros. Ata que, fai
unhas décadas, un grupo de veciños do barrio, conscientes de que viven nunha
zona cun interesante patrimonio decidiron xuntarse para recuperar e poñer en
valor o seu barrio e o seu patrimonio.
A estrela patrimonial do barrio da Rocha é sen dúbida o
seu castelo, pero non é o único ben que comparte vida e historia cos veciños:
petróglifos, mámoas,un castro, antigos muíños e pontes, unha fonte-lavadoiro, e
mesmo o antigo trazado dun tramo do Camiño Portugués a Santiago, fan que mereza
a pena darse unha volta por este barrio da periferia de Compostela.
A unión deste veciños e a súa loita, durante máis de 20
anos, por recuperar e poñer en valor aquilo que é seu, é todo un exemplo a
seguir. Se dúbida a maior parte dos seus esforzos están centrados en recuperar
e revalorizar os restos do seu castelo, un xacemento arqueolóxico, que está
afectado nun lateral polo trazado da vía do tren, sobre o que se realizaron xa
varias campañas de escavacións que aportaron moita información para coñecer e
comprender a historia da fortaleza.
Con esforzo e moito traballo, os arqueólogos conseguiron
sacar á luz os alicerces do edificio, muros laterais que sinalan o trazado da
planta e outros estruturais que dividían estancias, anacos de pavimento, moreas
de bolaños (esferas de pedra que se empregaban como “balas”), localizáronse
lugares onde se gardaba gran, lugares de enterramentos e restos humanos.
Consolidáronse estruturas e reconstruíronse outras, Acháronse restos de vidro,
de cerámica, pezas de xoiería, moedas, chaves,… Conseguiuse facer o plano do
edificio: a situación da torre da homenaxe no centro, torres circulares nas
esquinas e cadradas nos centro de cada un dos laterais.
Os restos atopados fala dunha vida larga, dun importante
edificio que foi centro de enfrontamentos en moitas ocasións, duns habitantes
que tiveron unha vida dura, que pasaron fame e que morreron novos. E falan
tamén das consecuencias do abandono, do desmantelamento e dos espolios sufridos
durante séculos.
Unha mora de datos e información que, xunto coas antigas
fontes documentais, permiten coñecer a cronoloxía e a evolución histórica do
castelo, e todo iso grazas aos seus veciños que se uniron e traballan unidos,
pelexando coas administracións, para recuperar un patrimonio que senten seu.
Así debe de ser, o patrimonio é un ben social e como
parte da sociedade todos temos que traballar a favor da súa conservación, a
través da divulgación, do seu mantemento, recuperación ou posta en valor.
Se queres saber máis sobre esta fortaleza, o proxecto de recuperación e posta en valor inclúe a creación dunha páxina web que ofrece moita información. Hai deixo a ligazón á web:
No hay comentarios:
Publicar un comentario