miércoles, 4 de marzo de 2020

"A Marquesa de Camba"


Na portada unha imaxe do
Apóstol Sntiago extraída do
Códice Calixtino
Coñecín a existencia desta noveliña mentres investigaba e documentaba un traballo fai uns anos. Tempo despois, e por casualidade, atopei varios exemplares desta edición renovada visitando a feira do libro de Santiago, no 2017. Trátase dunha novela histórica que foi editada por primeira vez en 1848 e escrita por Antonio Neira de Mosquera, un dos precursores do Rexurdimento literario en Galicia, aínda que, paradóxicamente non está escrita en galego.

Persoalmente paréceme que é unha xoia literaria á que nesta ocasión lle vou  a dar un espazo na páxina principal do blog porque ademais de ser unha marabillosa obra literaria, considéroa como parte do patrimonio local xa que nela se recolle unha pasaxe da historia galega con protagonistas relacionados con Rodeiro e as Terras de Camba.

A historia que se narra está baseada en feitos históricos reais acontecidos no século XV. Naquela época Galicia e o norte da Península estaba inmerso nas disputas polo trono de Castela entre o lexitimo rei Pedro I “O Cruel”, e Enrique de Trastámara, considerado o usurpador do trono, situación que provoca a división da sociedade en dous bandos.

E en dous bandos se reparten os nosos protagonistas.

Por un lado están os partidarios de Enrique de Trastámara: o Arcebispo de Compostela, Don Suero de Toledo, e o Deán, Pedro Álvarez de Toledo. No outro bando están as personaxes que máis non interesan: Dona Marcelina Camba de Villalobos, Marquesa de Camba e esposa de Afonso Suárez de Deza, e o seu fillo Fernán Suárez de Deza, partidarios de Pedro I, e membros da familia máis famosa e poderosa do pasado das Terras de Camba: os Churruschaos, señores da Casa de Camba.

Este é a grandes rasgos o contexto histórico no que se suceden os feitos que o autor recupera. Uns feitos reais que aconteceron no século XV protagonizados por personaxes históricos reais, aínda que dándolle o aire romántico propio da literatura da época en que se escribe, o século XIX. Ó longo do tempo entre o momento no que aconteceron os feitos reais e que se escribiu esta novela, pasaron varios séculos e saíron á luz diferentes versións do caso, Neira de Mosquera da a súa nesta narración.

A pasaxe histórica real que serve de base para a novela son os asasinatos do Arcebispo de Compostela e o Deán a mans dun membro da familia dos Churruschaos. Os Churruschaos apoiaban a causa de Pedro I para recuperar o trono de Castela, mentres o Arcebispo estaba do lado de Enrique de Trastámara, quen ocupaba o trono nese momento. Afonso Súarez de Deza foi detido acusado de conspirar contra Enrique e encarceado no Castelo de Rupefert. Como vinganza un membro da familia, o fillo de Don Afonso, mata a sangue fría ó Arcebispo e ó Deán. Mais ou menos eses serían os feitos oficiais, aínda que logo de tanto tempo é difícil sabelo con exactitude.

Pero na noveliña de Neira, o escritor deixase levar pola moda da época e polo ambiente romántico que impregna as artes nese momento, presentando a historia como un clásica novela de cabalerías. Así, aparece en xogo Vasco Pérez Vaamonde, un nobre que se namora de Dona Marcelina. Vasco, doido polo rechazo da Marquesa denuncia, ante o Arcebispo, ó seu marido como conspirador en contra de Enrique de Trastámara. Afonso Suárez é detido e levado aos calabozos do Castelo de Rupefert. Será a propia Marquesa, muller valente como todas as "Cambotas", a que acabe coas vidas do Arcebispo e do Deán en vinganza pola afrenta ao seu marido.

A parte da historia en si, a novela danos unha visión dunha Idade Media galega na que podemos comprobar como de importantes eran os membros da familia da Casa de Camba. Os señores da Casa deste momento están situados ó lado de Pedro I, lexítimo Rei do trono de Castela, loitando ó seu lado e cunha relación moi próxima a el, apoiándoo para que recupere o seu lugar. Queda constancia de que os Churruschaos era unha das familias nobres máis importantes de Galicia na época, con poder e moi ben relacionados.

Por outro lado está a visión que se nos dá da Compostela medieval, escenario de parte dos feitos. Os Camba teñen unha casa familiar no corazón da vila, na denominada Rúa da Balconada, que sitúan entre a Rúa Nova e a do Vilar. Os que hoxe coñecemos Santiago sabemos que non existe tal rúa, quizais se perdese con paso do tempo e as continuas modificacións que sufriu Santiago. ou quizais nunca existise realmente. Outro escenario é o Castelo de Rupefert, que en realidade se corresponde co Castelo da Rochaforte. Actualmente  do Castelo da Rocha, na zona do Barrio de Conxo, consérvanse parte da estrutura que foi recuperada na última década.

Aínda que está escrita no castelán propio da literatura da época, que non é nado doado de seguir, esta é unha novela que me encantou ler. Porque me aporta esas dúas visións sobre os Churruschaos e sobre Compostela das que falo nos parágrafos anteriores e que me parecen moi interesantes.

Se tes a ocasión non te perdas a súa lectura!.




No hay comentarios:

Publicar un comentario