Fachada principal do Mosteiro. Fonte: internet. |
O paso natural que seguimos para viaxar de Rodeiro a
Pontevedra é cruzando a Serra do Candán. Hoxe é unha carretera encostada e chea
de curvas, pero os maiores contan que fai unhas décadas era aínda peor, eu xa
non me lembro!. O Candán é un lugar agreste, unha paisaxe típica do interior
galego de monte raso e habitada no máis alto da Serra por xigantes
aeroxeneradores e enormes torres de alta tensión, xuntos soportan os envites do
mal tempo de inverno. Chaman a atención as poucas e dispersas aldeas que podemos
distinguir protexidas nas bagoadas naturais da serra. Todo iso fainos imaxinar
o dura que tivo que ser a vida neste lugar nos antigos invernos, hoxe moito
mais suaves e levadeiros grazas as novas vías e formas de comunicación.
Ó cruzar o alto da serra sorprende atopar de fronte, a un
lado da carretera cun gran edificio de pedra: o Mosteiro de Santa María de
Aciveiro, levantado polos monxes da Orde do Císter aló polo século XII.
A sede oficial da Orde estaba en terras francesas, dende
alí propuxéronse estender a relixión cristiá máis ala da súa terra. A Galicia
chegaron atraídos polo descubrimento dos restos de Santiago, o nacemento da
Ruta Xacobea e a devoción a este Apóstolo. A eles lles debemos, entre outras
novidades, a construción dos grandes mosteiros e pequenas igrexas que se
reparten por todo o rural galego, e que seguen os postulados da Orde e o estilo
arquitectónico de moda da época: o Románico.
Para asentar as súas novas congregacións e construír os
mosteiros elixía lugares afastados da civilización, moitas veces de difícil
acceso dificultando as visitas. Buscaban facilitar a tranquilidade e a paz para
evitar as distraccións dos monxes, o seu lema era “ora et labora” (rezar e traballar). Non é de estrañar que na
Ribeira Sacra se localicen tantos antigos e fermosos edificios do Císter.
Interior da igrexa. Destaca a altura e a bóveda que cubre a ábside. |
Pero volvendo ó Alto do Candán e a Aciveiro, ó chegar alí
é inevitable pensar no duro que debía ser chegar ata el no inverno en plena Idade
Media e nos séculos seguintes. A pesares diso, ou grazas a iso, o mosteiro alí
segue, despois de séculos de vida, sobrevivindo ó paso do tempo e adaptándose
aos cambios da vida e da historia que lle tocou vivir. Naceu como mosteiro
albergando a 12 monxes do Císter, e así foi ata a desamortización de Mendizabal
en 1836. A partir dese momento o edificio tivo varias funcións, como hospital
ou centro de formación, ata chegar a ser hotel monumento no que se celebran
cada ano ducias de eventos tan especiais como o que nos levou ata alí o pasado
29 de febreiro.
Ó longo de todos estes séculos ademais de irse adaptando
as diferentes funcións e usos que o encheron de vida e de experiencias, tamén
se foi mudando arquitectónica e estilisticamente e o edificio adaptou a súa
imaxe as diferentes modas que ían surxindo.
Do románico orixinal consérvase a igrexa. Dende fora xa
se aprecia o seu gran tamaño, ó acceder resulta moi ampla e tamén acolledora. En
canto á decoración, o exterior e austero e semella un edificio pesado, todo o
contrario que no seu interior. Alí sentada nun dos escanos, sorprende a altura
que alcanza o edificio e chama a atención a decoración escultórica dos capiteis
das columnas, de gran calidade e cheos de movemento, figuras de seres
mitolóxicos difíciles de identificar que semellan moverse pola pedra, e fermosos
motivos vexetais.
Da igrexa non podo deixar de sinalar un elemento que une
Aciveiro con Rodeiro, unha das vellas capelas laterais desta elegante igrexa, a
chamada de D. Alvaro, foi no seu momento capela privada da nosa familia mais
famosa: os Camba, dando conta da estreita relación entre esta nobre familia
cambota e o mosteiro.
O resto do edificio, da imaxe de austeridade, conserva o
aspecto Barroco que adquiriu no século XII. Destacan os dous claustros que
sufriron tamén modificacións en diferentes etapas.
Superados séculos de historia e duras etapas de vida,
dende fai anos está acondicionado como Hotel-Monumento. Este o modo actual que
temos de poñer en valor e de seguir dando vida a moitos destes antigos edificios
relixiosos, porque xa o reza o dito: “renovarse
ou morrer”. ;)
Nesta etapa actual, o mosteiro, leva unha tranquila vida
chea de momentos felices como o que vivimos alí o 29 de febreiro de 2020, unha
data que tod@s os que estivemos recordaremos para sempre. Un día gris e
ventoso, recordounos a dureza do inverno no Alto do Candán aos que tan acostumado
está o mosteiro. Alí, abrigados polos seus grosos muros de pedra, vivimos unha
cerimonia chea de calidez que nos fixo esquecer o frío do exterior, seguida
dunha gran festa. Un día inesquecible para nós pero que tamén quedou para
sempre gravada na memoria deste fermoso edificio, como tantos outros momentos e
feitos que tiveron lugar entre os seus muros.
Begoña e Marcos, elixiron o día máis especial do calendario e este antigo edificio cargado de
historia, para comezar unha nova etapa da súa propia historia xuntos. Sede
felices!.
No hay comentarios:
Publicar un comentario