Levamos un mes vivindo unha situación insólita, rara e
descoñecida para todos, unha pandemia que mudou a nosa vida e as nosas rutinas diarias. Levamos un mes de confinamento por responsabilidade e saúde,
polo ben de tod@s. E durante este tempo que temos que estar na casa, no que o noso día transcorre entre as diferentes estancias da casa mirando ao
exterior polas nosas fiestras, eu boto unha ollada pola miña e, dende ela, o
que vexo é a vella “aira” da miña casa.

Estes espazos estaban daquela cheas de vida, estas laxas eran testiños do discorrer do
día a día da familia e do seu traballo, posto que pola súa situación próxima á casa era un lugar de paso obrigado, do ir e vir da casa á palleira ou á horta por exemplo,... Pero había un momento
concreto do ano no que a aira era o
centro da actividade, era o día da malla
cando toda a familia, xunto a veciños e amigos, se xuntaba alí para separar o
gran da palla. O día da malla era un día de traballo duro, manual, para
o que se preparaba este espazo a conciencia días antes, as súas laxas
perfectamente limpas e varridas, as
xuntas entre elas recheas cunha masa a base de “bosta” de vaca xa seca. Así, o espazo da aira estaba listo para unha das tarefas xa perdidas máis tradicionais e interesantes do rural, a que todos os nosos maiores recordan con máis nostalxía, e un dos pasos fundamentais para obter a fariña coa que elaborar o pan, base da nosa alimentación durante séculos. Como recordo dese día, nunha beira da aira quedaba formado un palleiro coa palla que se obtiña da malla para o consumo durante o ano, por exemplo para alimentar os animais, aínda que a palla tiña outros usos, con ela elaborábanse as "corozas", os antigos "traxes impermeables" para usar de inverno, ou "polainas" para envolver as pernas e protexelas da auga e o frio.
As mallas, o palleiro, as corozas ou as polainas son elementos propios da nosa tradición e do noso patrimonio cultural, xunto coas airas. Todos eles desaparecen co paso do tempo e a perda do seu uso e funcionalidade, ahora son so recordos na memoria dos mais maiores das nosas aldeas que debemos coñecer para que non acaben esquecéndose.

Pero toda esa actividade perdeuse co paso do tempo e os
cambios na forma de vida e do traballo no rural. Nas nosas aldeas xa non se
fan mallas e apenas quedan veciños cos que xuntarse os domingos pola tarde. Dende
fai décadas as airas perderon a súa función, moitas delas lamentablemente foron
desmanteladas para aproveitar o espazo e as laxas para outras cousas, as que se conservan
permanecen valeiras, en silencio e semisoterradas pola falta de uso.
Nas fotografías que ilustran este post vese a antiga aira da miña casa, non é a máis perfecta
que coñezo pero é a máis especial, porque esta aira compúxoa o meu avó coas súas mans e moito esforzo, e
transmíteme valores tradicionais, culturais e sentimentais. Como todas as
demais, perdeu a función e foi quedando esquecida e soterrada. Pero fai xa
algún anos miña nai foina limpando e volvémola á vida, as laxas están partidas e descolocadas xa que sobre elas movéuse maquinaria pesada. Arredor dela transcorre parte do noso día, onde antes se mallaba
o centeo, hoxe secamos e mallamos as fabas e outras colleitas de tempada, e nas xuntas entre as laxas medran margaridas
e pensamentos.
E sí, teño a sorte de vivir nunha pequena aldea galega de poucos veciños, podo decir que son
desas persoas que durante este confinamento nos podemos considerar
afortunados, porque podemos saír da casa a sentir o aire e o sol,
ou a dar paseos nos arredores da casa. E dando unha voltiña arredor da miña
podo pisar e sentir baixo os meus pes una anaquiño da nosa tradición e do
pasado da miña familia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario