Para este novo post escollín como tema unha desas
tradicións xa perdidas que me encanta, unha desas antigas tarefas que eran
protagonistas na vida do rural e que tiña as mulleres como protagonistas en
todo o proceso. Refírome ó proceso de tratamento do liño.
O proceso de tratamento do liño era algo habitual en case
cada casa do rural décadas atrás, un traballo que, sobre todo, recaía sobre as mulleres da casa. Eran elas
quen dedicaban máis tempo e esforzo a estas faenas que, por outra banda, requirían
un especial delicadeza para a súa execución. Noutros tempos era necesario obter
a fibra desta planta, o liño, coa que facer o fío co que elaborar o pano e
confeccionar roupa de vestir pero tamén roupa de cama, cando era difícil mercar
as prendas elaboradas. Un traballo que, como digo, esixía dedicación, cariño e
paciencia, e así era como o facían as nosas antergas. Elas, sempre loitadoras e traballadoras, ocupadas en mil tarefas diarias, sacaban o tempo para ir traballando o liño dende a sementeira, a arriga, o mazado, espadelado,... así pasando por cada unha das fases, con moita paciencia e esforzo chegaban a ter o fío de liño para levar ao tear e elaborar o pano.
Ademais, este é un proceso e un saber que conecta Galicia
con outras partes do mundo, xa que o tratamento do liño para elaborar fío é
unha técnica milenaria presente en culturas tan antigas coma a
Exipcia, aínda hoxe o pano de liño exipcio é un dos mellores do mundo.
Pero volvamos a Galicia e a noso rural que é o que
interesa!.
A tradición do liño en Galicia remontase moitas décadas
atrás, un traballo manual e artesanal que se deixou de facer coa chegada da
modernidade e das prendas manufacturadas. Pero, a pesares de que xa case ninguén
traballa xa o liño, a tradición deixounos unha morea de elementos que
enriquecen e revalorizan o noso patrimonio material e inmaterial. Por exemplo,
para as diferentes fases do proceso creáronse as ferramentas precisas que, en
moitos casos, se seguen conservando en moitas das nosas casas nas aldeas.
Seguro que algún dos que leades este artigo tedes pola casa algún restrelo, unha
vella espadela, rocas, fusos ou quen sabe se un tear. Unhas pezas maravillosas
creadas “ex proceso” para traballar o liño que xa non teñen función pero que
poden ocupar un lugar especial na casa, como recordo daquela tradición, ou
están expostas en museos de etnografía. A maioria destas pezas estaban feitas de madeira e, en moitas delas, os carpinteiros expoñían a súa destreza tallandoas con mimo e dándolles personalidade cun resulto fermoso e estético polos detalles decorativos que presentan.
Vello "Restrelo" para peinar e asedar a fibra de liño. Museo Municipal de Rodeiro. |
E logo hai un elemento patrimonial inmaterial moi fermoso
que se xerou en torno ao liño: as “fiadas”. En ocasións anteriores teño
comentado como os galegos e galegas temos esa capacidade imnata para facer do
traballo unha festa. Pois ben, unha das fases máis bonitas do proceso é a da “fía”,
as mulleres coa axuda dun “fuso”, a “roca” e os seus dedos, dunha maneira case
máxica, eran capaces de facer que unha maraña de fibras de liño se convertesen
en fío. As mulleres aproveitaban case calquer momento do día para fiar, mesmo mentras facían outras cousas, sempre que lles quedasen as mans libres claro. Pero esta era unha tarefa que se
deixaba, sobre todo, para as longas noites de inverno, despois de facer as tarefas do día, as
mulleres da casa e veciñas, mozas e maiores, xuntábanse a carón do lume da lareira e
comezaban a facer “maxia cos dedos”, este momento era a “fiada”, e a el uníanse
tamén os homes e os mozos, favorecendo e propiciando as relacións entres uns e outras, convertendo o momento nun auténtico evento social e nunha festa na que non
faltaban os cantos ao son das pandeiretas. No noso refraneiro recóllense unha
chea de ditos que teñen este momento como protagonistas, se coñeces algún podes
compartilo nos comentarios ó final do texto… ;)
Persoalmente non me importaría nada facer unha viaxe no
tempo, deixar atrás as comodidades actuais e vivir por un momento no pasado
para poder participar de tradicións coma esta que hoxe xa non “se levan”. Así
podería coñecer de primeira man as diferentes fases de tratamento do liño,
dende a sementeira ata o traballo co tear, sería incrible!. Pero como iso non
pode ser… non queda de outra que tirar de arquivo, de bibliografía e do
coñecemento dos meus maiores para coñecer un pouco esta vella tradición.
No hay comentarios:
Publicar un comentario