Un dos elementos máis característicos do pasado no rural
galego é o “Carro”.
O carro era ese apeiro imprescindible para o día a día na
aldea, que non podía faltar en ningunha casa, incluso nalgunhas tiñan dous ou máis Empregado para o transporte de mercancías: patacas, millo, herba,… todo era
levado nel dende a leira á casa, ou para ir ó monte a por toxos ou leña. Polo carro tiraban
as vacas, sempre se tiñan reservadas dúas das mellores vacas da corte, daquelas rubias galegas de antes, fortes
pero mansas, con carácter, que tiraban do carro e da carga con decisión, era a “xugada”, e tamén tiraba do "arado" ou da "grade", pero ese é outro conto.
Restos dun antigo carro abandonado nunha palleira. |
O carro é un deses elementos tradicionais con gran valor etnográfico para nós, con pasado, con historia, con memoria,... E, ademáis, aparellado a el, hai outros
elementos tamén de moito valor etnográfico, elementos materiais como o “xugo”, unha peza de madeira coa que se "xunguían" as vacas, aparelladas ó fronte do carro. Pero tamén elementos inmateriais, por exemplo o do saber dun deses antigos oficios xa extinguidos: o do
Carpinteiro de carros, que expoñía toda a súa destreza na fabricación artesanal
de cada unha das pezas que compoñían o carro, unha labor na que participaba tamén o ferreiro, encargado de reforzaba as rodas deste material. Podémolos ligar tamén aos camiños e
corredoiras que comunicaban as aldeas entre si, leiras e prados, ou para ir ao
monte, aínda hoxe se fala de “camiños de carro” cando nos referimos a un deses
antigos camiños que so ten o ancho dun carro, tan útiles noutros tempos, hoxe
quedan escasos para as máquinas modernas.
Vellas rodas de carro. |
E logo están a chea de refráns e ditos que teñen o carro ou algunhas das súas pezas como protagonista, ou datos curiosos, por exemplo: sabías que os carros estaban
matriculados e pagábase un imposto por el?, pois si!, igual que hoxe
matriculamos os coches e pagamos a contribución por telo. Ó final o tempo pasa pero
tampouco avanzamos tanto… ;)
O que si cambiou co tempo foi que chegaron novos apeiros e
máquinas como os tractores con remolques, o que supuxo o desuso dos carros, os
pobres, log de séculos de hsitoria, perderon o seu protagonismo e foron quedando relegados ó fondo das palleiras
onde moitos seguen acusando as consecuencias do paso do tempo, agardando se cadra que alguén os salve do olvido. Nunhas palleiras que, por outro lado,
tamén fican abandonadas, como abandonado está quedando o rural.
Dende logo, o que ninguén pode negar é que son pezas de
gran valor etnográfico polo que representan, símbolos do pasado no rural, do
duro traballo nas aldeas de antano, e recordo dunha tradición e duns valores
que esmoreceron. No mellor dos casos foron rescatados das palleiras onde se pudrían e están expostos nas salas dalgún museo etnográfico, outros decoran
as entradas e xardíns das casas dos descendentes dos seus donos.
Sexa como sexa, estamos ante un ben do noso patrimonio, recordo da tradición e do pasado, que merece todo o noso respeto.
Sexa como sexa, estamos ante un ben do noso patrimonio, recordo da tradición e do pasado, que merece todo o noso respeto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario