Paseo polo románico local.
Fai unhas semanas nun publiquei un post no que propoñía
un breve recorrido polo concello de Rodeiro visitando algúns dos nosos bens
patrimoniais culturais e históricos máis interesantes, pero queda moito mais
que ver neste pequeno concello de interior.
Así que neste novo post quero indicar unha ruta
diferente, un paseo por esta terra que nos achegue ao patrimonio arquitectónico
relixioso e, concretamente, polas nosas igrexas románicas.
O románico é un estilo arquitectónico procedente de
Europa, naceu na Idade Media e chegou a Galicia grazas a un feito histórico determinante:
o descubrimento da Tumba do Apóstolo Santiago, que conlevou o nacemento do
Camiño de Santiago e a chegada dos monxes cirtercienses. De feito foron os
monxes do Císter os que propiciaron a construción de grandes mosteiros (Oseira,
Montederramo, Sobrado,…) no novo estilo imperante en Europa: o Románico. A obra
dos mosteiros e, por suposto, da Catedral de Santiago atraeu cara aquí a ducias
de canteiros que coñecían a técnica e o estilo. Ben….pero non me vou a liar
máis co contexto histórico que non quero facer unha análise
histórico-artística, ademáis existen centos de publicacións sobre o tema que se
poden consultar.
Vamos ó tema!, o que me interesa de todo este fenómeno
acontecido en torno aos século X e XII é que coa expansión dos monxes polo
territorio foron levantando por onde pasaban pequenas igrexas rurais, nas que
os mestres canteiros expuxeron o seu coñecemento e dominio do novo estilo
europeo. Pequenas destas igrexas podémolas atopar en centos de parroquias do
rural galego, e por suposto que en Rodeiro tamén temos unha boa mostra delas.
As nosas igrexas forman parte do noso día a día, todas elas se atopan no medio
dalgunha das nosas aldeas e conviven cos veciños sendo, aínda hoxe, un punto de
reunión e celebración de eventos e festas ó longo da nosa vida, e tamén despois
da morte, nos seus cemiterios descansan os nosos antergos. Por todo elo, creo
que compre que non paremos un momento a observalas e fixarnos nos seus
detalles, naquelo que fai que cada unha sexa diferentes as outras, porque iso é
seguro: non hai dúas igrexas iguais.
Veña, comecemos o percorrido do románico en Rodeiro!.
San Martiño de Asperelo. Vista xeral e detalle da porta lateral. |
Comecemos a ruta en San Martiño de Asperelo. Un exemplo
único, porque esta pequena igrexa conserva intacta a fábrica orixinal. Ten
moitos detalles do estilo, o máis persoal e orixinal é o alpendre lateral que
acolle aos fregueses, un elemento arquitectónico que non se conserva en
ningunha outra. Por outro lado tamén nos chaman a atención os detalles
decorativos exteriores e interiores que engalanan o templo. Por exemplo, no
tímpano da porta lateral se nos fixamos distinguimos nun dos capiteis as formas
dunha ave, seguramente sexa un pelícano. É porque un pelícano? Pois en
iconografia cristiana o pelícano, simboliza a Eucaristía, porque esta ave é
capaz de alimentar as súas crias coa súa propia sangue.
San Estebo de Carboentes. Vista xeral e detalle dos canzorros. |
A seguinte parada seria en San Estebo de Carboentes. Esta
é das que sufriron as reformas posteriores, pero aínda así conserva grandes detalles
do románico que decoran e enriquecen o seu interior e o exterior. Entre toda
esa decoración tallada na pedra con gran mestría e un resultado de gran
calidade podemos destacar un elemento do mais curioso. No exterior da igreza e
baixo o aleiro do tellado, están os canzorros, e entre os motivos neles tallados
atopamos un de tema erótico. Ás veces ós canteiros permitíanse certas licencias
e deixábanse levar pola imaxinación e temas menos relixiosos.
Seguindo camiño ata a capital, en Rodeiro temos a igrexa
de San Vicente. Pequeniña pero moi acolledora de boa cantería, formas sinxelas
e puras con fermosos canzorros baixo o aleiro da cuberta. Está rodeada polo pequeno
e vello cemiterio parroquial na que se conservan antigos panteóns e tumbas que
chaman atención.
Santa Mariña de Pescoso. |
Unha parada máis en Santa Mariña de Pescoso. Esta xa non
é tan pequena, a súa personalidade radica no seu tamaño e esbeltez. Coñezoa dende nena e sempre me gustou moito a cabeira desta igrexa, circular e
de perfecta cantería cunha fermosa fiestra no centro.
E chegamos ao final desta breve ruta en San Xiao de
Pedroso. De novo unha igrexa de pequenas dimensións, de formas sinxelas e
puras. Dela temos que fixarnos na portada, rodeada por unha arquivolta con fina
decoración perlada e outros elementos que contribúen a darlle beleza. Esta
igrexiña está á marxe do Camiño de Inverno ó seu paso pola parroquia de
Pedroso.
Ben, e ata aquí o breve paseo polo románico local que espero que resulte ameno. Pero o mellor, sen dúbida, é elixir un día e facer a ruta de forma
física, de verdade creo que merece moito a pena.
No hay comentarios:
Publicar un comentario