lunes, 30 de septiembre de 2019

RUTA 1: Rodeiro ten que ver!.

Con este novo post comezo unha serie de publicacións coas que coñecer o patrimonio local e de paso animar ó lector, local ou foráneo, a visitar o concello. Nalgunha das mensaxes recibidas estes meses comentáronme o difícil que é atopar información acerca do patrimonio e puntos de interese de concellos pequenos coma este, polo que esta serie de post pretende ser unha guía sinxela para aqueles interesados en achegarse á nosa historia e patrimonio.

Esta primeira ruta que suxiro, en parte, fixémola en grupo fai case un ano, nunha actividade organizada polo concello, á que fago pequenas modificacións pensando na comodidade e no fácil desprazamento. O máis práctico é facela en coche e de forma lineal, aínda que isto supoña facer saltos temporais, e digo os dos saltos temporais porque esta ruta fai parada en diferentes puntos de interese patrimonial correspondentes a, tamén, diferentes momentos históricos desta terra: dende a Prehistoria, a ocupación romana, e a Idade Media ou Moderna. E non me vou meter moito en explicacións ou interpretacións dos bens, sobre todo porque da maioría deles xa publiquei post que podes atopar no arquivo do blog, e dos que non o fixen seguramente o faga no futuro. Ademais, existen variadas publicacións sobre o tema, para saber máis. Eu, simplemente vou trazar a ruta a seguir coas súas paradas para unha posible visita.

O importante é fomentar o interese por acercarse, coñecer e saber máis de Rodeiro, a súa historia e o seu patrimonio. E como non, conividarte a vir e disfrutar da nosa paisaxe ou mesmo da gastronomía local.

Acompáñasme neste breve paseo polas terras de Camba?,… pois imos aló!.

Muro que se conserva da desaparecida
Fortaleza de Rodeiro
A ruta comeza na capital, Rodeiro, e concretamente a carón da Casa do Concello. Unha construción cun corpo principal de estilo neomedieval, con forma de torreón que remata en almeas. O interesante deste lugar é que ocupa o solar da antiga Fortaleza de Rodeiro, de ahí a súa imaxe de torre, ó abeiro da cal naceu a vila que hoxe coñecemos. Da antiga fortaleza so se conserva un fragmento de muro protexido a carón do actual edificio.

Saímos de Rodeiro, dirección Chantada, e a uns pouco kilómetros chegamos a Trasulfe onde paramos fronte a un construción verdadeiramente señorial: o Pazo de Trasulfe ou do Señorito. Unha construción moi fermosa da que destaca o magnífico portalón presidido por 5 escudos que representan as cinco liñaxes máis importantes da comarca ligadas a esta casa unidas por lazos familiares. O pazo, como moitos outros de toda Galicia, é de propiedade privada, polo que non se pode acceder ó interior. Pero, cada ano o 11 de Xullo, os veciños da aldea celebran o San Bieito na capela do pazo, que por un día permite que todos os que se achegan á festa e ás misas poidan admirara a beleza do edificio e do patio interior.O conxunto complétase cun amplo xardín traseiro presidido por un imponente balcón con balaustrada de pedra, dende o que de seguro se teñen unhas fermosas vistas do Val de Camba.

Na mesma parroquia de Fafián paramos no lugar de Outeiro fronte á Tulla, unha antiga torre a que se lle encomendaron diferentes funcións ó longo da súa historia, aínda que pola que é coñecida é pola de ser o lugar de recadamento de impostos e tributos para os monxes de Oseira. Despois dun pasado esplendoroso, hoxe a penas se mantén en pé, nostálxica, os seus restos, nos que aínda se percibe certa beleza de formas, agonizan cara un tráxico final.

Moi preto da Tulla, localízase o punto con máis historia do concello. Baixo a terra, en pleno Val de Camba, agóchase a xoia arqueolóxica de Rodeiro: a Vila Romana de Porta de Arcos, testiño durmido da vida dos romanos nestas terras. Moitos somos os que esperamos con ansia o espertar deste lugar para escoitar as moitas historias da vida dos seus moradores romanos que seguro ten para contar.

Vista da Casa Fortaleza de Camba
Seguimos camiño cara un lugar do que se pode dicir que é onde latexa o corazón de Camba: no Pazo de Camba ou Casa Fortaleza de Camba, emblema do val e con séculos de historia e vivencias ás súas costas. Ten a súa orixe na Idade Media ligado ao Castro Candad e á súa fortaleza en Chantada, cuios dominios chegarían ata as terras de Camba onde se levantou a Torre ou Fortaleza de Camba. A Casa de Camba carga ás súas costas con séculos de historia ó longo dos cales se acumulan na súa memoria centos de vivencias, como o ataque dos Irmandiños, pero tamén contos de intrigas, de cabaleiros e señores, de traicións, amores ou mortes. Un edificio cunha historia ben interesante, chea de lendas e misterios.

Para chegar ao seguinte punto de interese facemos un salto ao norte do concello. Na parroquia de O Couto, preto do lugar de Alemparte está a Mámoa do Coto do Mouros, exemplar único, un monumento funerario prehistórico que leva acompañándonos  miles de anos e ten ben merecido o título de BIC (ben de interese cultural) polas súas características construtivas, pero sobre todo polas pinturas que protexe no seu interior.

A ruta que propoño remataría na parroquia de Pedroso, achegándonos á aldea de O Mesón. A este pequeno lugar accedemos cruzando sobre o Arnego pola Ponte Medieval , unha esbelta construción civil que leva centos de anos axudando a salvar opaso sobre o río a centos de persoas e peregrinos, xa que hai que recordar que por aquí transcorre o Camiño de Inverno a Compostela. 

E así remataría a primeiras das rutas que recomendo para coñecer un pouco esta terra, a súa historia e o patrimonio que aquí atesouramos. Creo que é unha ruta ben interesante e un bo plan para unha mañá de sabado, ahora que ben o outono ademais podese disfrutar das fermosas vistas das carballeiras e soutos que se van atopando polo camiño, coas diferentes tonalidades de ocres, verdes e amarelos que adquiren nesta época do ano. 

Os nosos bens e a nosa paisaxe ben merecen a pena!.  





No hay comentarios:

Publicar un comentario