miércoles, 4 de septiembre de 2019

Galerias de arte urbán nas rúas de dúas vilas galegas.

A semana pasada como cada ano, dende fai once, tivo lugar un novo "Festival das Meninas" no barrio de Canido en Ferrol. A iniciativa, que leva xa once edicións, convoca a artistas de todo o mundo e ten como tema central o famoso cadro de Velázquez "Las Meninas" que os artistas reinterpretan cada ano en murais que ocupan os muros dos exteriores dos edificios do barrio. Sumando as obras de cada ano son xa unhas 400 as que se poden ver repartidas polas rúas do barrio de Canido.

O Festival coincide coa semana das festas do barrio, que se complementa con concertos, postos de artesanía, xogos para os cativos, etc. Todo un evento que enche de vida por uns días as rúas de Canido. Rematada a festa e o festival de arte, os artistas regresan as súas cidades e paises de orixe deixando as súas obras expostas de forma permanente nos muros do barrio compartindo días cos veciños e visitantes.

Noutra vila galega, en Carballo, capital da Comarca de Bergantiños, celébrase cada ano o "Rexenera Fest", un festival de arte urbano que dende fai 5 anos convoca a recoñecidos artistas urbanos procedentes de diferentes partes do mundo. A iniciativa partía coa idea de acabar co feísmo cubrindo os muros exteriores de diferentes edificios da vila con fermosos murais cheos de cor e contido, dando vida e convertendo as rúas de Carballo nunha verdadeira galería de arte contemporáneo no que desfrutar da arte destes artistas.

Estes dous festivais de arte urbano galegos colocan ás dúas vilas na lista de lugares "Top" ós que achegarnos a coñecer este tipo de arte e desfacernos da antiga idea de que as pintadas e graffittis da rúa afean e estropean as paisaxes urbanas. Ó contrario este tipo de iniciativas cumplen, baixo o meu punto de vista, dúas importantes funcións: unha social e outra educativa.

Por un lado, son actividades culturais que dinamizan a vida do barrio de Canido e da vila de Carballo. Primeiro, e evidentemente, pola atracción de visitantes e turistas que se achegan non so os días de celebración dos festivais, senón todo o ano o tratarse de obras expostas permanentemente. Segundo porque son iniciativas que foron moi ben acollidas polos mesmos veciños, conseguindo que se impliquen co tema e que esten orgullosos da nova imaxe que estas intervencións artístiscas dan ás ruas que percorren cada día. Os murais mitigan o feismo e o abandono do mantemento dos muros dos edificios enchendo de cor e vida as rúas, facéndoas máis agradables e acompañando os veciños no seu día a día.

Por outro lado, a función educativa e divulgativa. Ambos festivais sacan a arte á rúa, achegándoa á sociedade e os non entendidos, provocando curiosidade e certa necesidade de saber e de coñecer máis sobre o tema. O caso de Canido, festival que rende homenaxe a Velázquez e á súa obra máis famosa, un pintor español e unha obra clásica de museo que mesmo pode resultar aburrida, á que se lle dan múltiples interpretacións con cores vivas e de imaxe contemporánea rompendo esa liña de seriedade e distancia que proxecta a obra orixinal exposta no Museo do Prado. Dende fai once anos as Meninas e o mesmo Velázquez son uns veciños máis do barrio de Canido. E en ambos casos, grazas a estes dous festivais, contribúese ó coñecemento e á divulgación do significado da arte contemporánea e da arte urbana máis aló dos medios máis académicos ou elitistas. A sociedade ten unha idea negativa sobre o tema, crendo que pintar nas paredes e muros das rúas está mal e afean a paisaxe urbana, pero estas inicitaivas fan que esta visión cambie totalmente. Os veciños poden comprobar como estes fermosos murais axudan a mellorar a imaxe e a paisaxe das nosas vilas, sitíndose orgullosos e agradecidos, e entenden que para apreciar este tipo de arte non hai que ser un entendido do tema.

Visitar Canido ou Carballo é como visitar un museo de arte contemporánea pero ó aire libre, sen aglomeracións, sen colas, sen pagar entrada e sen necesidade de saber moito de arte. Porque, máis aló do que a xente cre, para entender este tipo de arte non fai falta ter grandes coñecementos. É tan simple como pararse a observar e deixarse levar polo que as imaxes nos suxiren e nos fan sentir. Porque todos sabemos ver e sentir...ou non?.

Ambos festivais son un modelo a seguir e en moitas máis vilas galegas se debería levar a cabo iniciativas como estas que contribúen a dinamizar a cultura, atraen visitantes e melloran a imaxe da vila.

Ti que cres? ...o debate está aberto. ;)



No hay comentarios:

Publicar un comentario