sábado, 27 de abril de 2019

Arquitectura popular III: curiosidades dunha casa tradicional.

Fai unhas semanas publiquei un par de post nos que o tema era a arquitectura popular, o segundo deles sobre a casa tradicional rural, as vivendas nas que os nosos avós criaron a nosos pais. Se ben cada casa, como hoxe en día, era diferente pois sempre atopamos elementos, espazos ou mobles clásicos e comúns en moitas delas. Ademais, persoalmente paréceme moi interesante, curioso e incluso divertido coñecer todos eses mobles e obxectos de uso doméstico que hoxe xa non existen e poder comprobar como cambiaron as casas nas últimas décadas.

Nese anterior post contaba como era unha cociña de lareira físicamente pero tamén simbólicamente. A cociña coa súa lareira, co lume no centro, era o corazón da casa e o centro da vida familiar. Aínda hoxe a mín, que medrei nunha casa de aldea, cando non temos o lume prendido na cociña paréceme que falta algo na casa!! ;)

Espiteira perfectamente conservada.
Pois ben, continuando co tema da casa e concretamente coa cociña, aínda quedan moitos elementos curiosos que merece a pena coñecer. Nesta estancia tan importante da casa tiñan o seu oco algúns dos mobles do máis interesante e moi diferentes os que temos nos hoxe. Por exemplo, daquela a vaixela de uso diario colocábase nunha "espiteira", un moble de madeira con estantes e ganchos onde se ordenaban cuidadosamente pratos e tazas. A espiteira era o moble básico en toda cociña, podía ser mais ou menos elegante, ornamentado ou sinxelo, eso xa dependendo do poder adquisitivo da familia. Outro elemento moi típico de toda cociña tradicional é o "sarillo", pendurado das trabes do teito e a un lado da lareira, era como un tendal para afumar chourizos e carnes.

Como xa dixen antes a lareira era o corazón da casa e arredor do lume reuníase a familia ás horas da comida e polas noites, para sentarse a comer soían ter un banco ou "escano". De bancos había varios modelos, un deles ben curioso no que unha vez se sentaban baixaban unha táboa ancha por diante deles que facía a función de mesa. Pois para que vos fagades unha idaa, sería como se estiveran metidos nunha de esas silliñas que se empregan hoxe para dar de comer os nenos pequechos, unha trona creo que se chama, pois o mesmo pero máis grande e con cabida para varias persoas.

Pero sen dúbida o moble que máis me chama a tención e o que chamaban "alcoba", veredes por qué; todos temos oido ós nosos maiores dicir que antes había moitos máis días de frio que ahora e grandes nevadas, os invernos eran máis duros e as casas non tiñan nin calefacción nin aparatos eléctrico cos que quentar os cuartos. Entón o espacio máis quente da casa era a cociña a carón do lume, e idearon un moble a modo de gran caixón de madeira aberto porlos laterais, no interior metíase un colchón de cosco, -que, para quen non o sepa, é a follateira que se lle saca as espigas de millo cando se esfolla,- e alí se acomodaban para dormir nas frias noites de inverno os máis maiores da familia, ou cando había algún enfermo na casa. Un moble ben curioso, non che parece. Eu souben da súa existencia e uso nunha visita a un museo etnográfico e chamoume tanto a atención que o comentei na casa e meus pais me confirmaron que o coñecían e faloronme maís del. Tamén me comentaron que era un feito común que si había bebes na casa tamén pasaran a noite no seu berce preto do lume onde dormir tranquiliños e sen pasar frío.

Pasando a outra parte da casa quero compartir outra curiosidade que marca a diferenza coa actualidade. Na maioría das casa nos temos un salón, salita ou sala de estar, depende como queirades chamarlle, un lugar que podemos empregar a diario onde pasamos tendo vendo a tele, lendo, descansando en cómodos sofás e sillóns, ou onde recibimos os convidados. Pois fai décadas, para esta función había o que chamaban un "cuarto de respeto", unha estancia sempre limpa e ordenada que se reservaba para cando viñan visitas ás que se lles quería dar un trato diferente, de respeto, que non se querían recibir na cociña. En realidade era o que entendemos como un comedor, cunha mesa ampla, cadeiras cómodas e un clásico "chinero" ou moble de comedor no que se gardaba a louza e a cubertería que se empregaba os días de festa.

Vaia a verdade era que antes había cousas ben curiosas, tradicións que se foron perdendo co paso do tempo e que hoxe nos soan raras, acostumados como estamos a vivir doutra maneira e con modernas comodidades que ós nosos antergos nin se lles pasaba pola cabeza imaxinar. Curiosidades e tradicións que se conservan na memoria dos nosos maiores e que son parte da nosa historia e da cultura rural, parte do noso patrimonio etnográfico.





No hay comentarios:

Publicar un comentario