Pois ben, neste novo post traigo unha vez máis un elemento do patrimonio local de Rodeiro, da miña terra, unha obra de enxeñeria feita de pedra con séculos de vida que nos poderia contar miles de historias das foi testigo. Refírome a Ponte Medieval de Pedroso, un dos hitos patrimoniais mais interesantes deste concello. Podémola visitar e coñecer no lugar de O Mesón, na parroquia de Pedroso. Unha aldea pequeniña na que apenas quedan veciños, como en tantas aldeas do rural, pero cunha gran historia detrás. Ademáis é un enclave natural moi fermoso, xunto a o Río Arnego, que merece a pena coñecer e vivir. Coñezo este lugar dende ben pequena, moitas veces andiven por alí cos primos e meu irmán tirando pedras ó río dende o alto desta bonita ponte.
Fotografía anterior as últimas tarefas de limpeza da ponte e o seu entorno |
Cruz a carón do camiña á ponte |
Imos por orde, o primeiro elemento interpretable que nos atopamos é esa pequena cruz de pedra sobre unha rocha que está ao pé do camiño que nos leva á ponte. De sobra é coñecida por todos a tradición galega de colocar cruces e cruceiros en determinados lugares por diferentes motivos, cunha simboloxía que se sitúa entre a vida e morte.
Seguindo o camiño chegamos ó elemento principal: a ponte, un elemento único por ser a única ponte histórica que se conserva no concello. Ten a súa orixe na Idade Media, levantada para axudar aos veciños e xentes de paso a cruzar o Río Arnego, unha función que leva desempeñando durante século, miles de persoas teran pasado por ela. Unha construcción civil sinxela pero fermosa, dun so ollo sobre o curso do río, sustentada por grandes paires. Toda a ponte está feita en pedra: os piares, o piso e os pretrís.
O seguinte elemento a destacar son dous muíños pegados aos piares da ponte, semella que se agarran a ela para que a corrente non chegue a arrastralos río abaixo. Hoxe abandonados, no seu momento daban servizo a veciños de dúas aldeas, son unha mostra máis do valioso patrimonio etnográfico local, ducias destas pequenas casetas salpican as marxes dos nosos ríos e regatos, construcións tradicionais do rural de gran valor histórico. Pero iso é tema para outro post!! ;)
Por último a aldea do O Mesón. Posiblemente, ó igual que a ponte, teñan a súa orixe na Idade Media, e aínda hoxe se pode ver nas casas que conservan a estructura orixinal de canteria, aínda que sufriron as modificacións propias da adaptación as comodidades da vida moderna.
O valor deste conxunto patrimonial reside na súa historia, e esta está ligada as Rutas Xacobeas. O Concello de Rodeiro está cruzado polo Camiño de Inverno con destino a Compostela. Esta era unha ruta alternativa para os peregrinos que escollían o Camiño Francés e querian evitar os lugares de paso máis dificil durante o inverno. A ponte de Pedroso e o lugar de O Mesón forman parte da historia deste Camiño, o lugar por onde cruzaban o río e onde podían descansar e comer para recuperar forza e continuar a súa viaxe. Nunha recente limpeza da ponte descubriuse que nunha cara dos piares hai dúas conchas de vieira labradas na pedra, un signo máis que confirma a relación entre o lugar e o Camiño.
O Camiño de Inverno ten cada día máis concorrencia e non é raro atoparse nalgún punto da ruta polo concello cos peregrinos que o escollen para chegar a Compostela. Por iso, é importante que os bens patrimoniais que se atopan na ruta se coñezan, recoñezan e se poñan en valor, ofrecendo a súa mellor cara a todos aqueles que pasan por onda eles.
No hay comentarios:
Publicar un comentario