lunes, 25 de febrero de 2019

Romanos no corazón do Val de Camba

En pleno Val de Camba, no concello de Rodeiro, ocúltase un tesouro arqueolóxico de gran valor histórico: unha auténtica Vilae Romana do século II d.c.

Segundo o pouco da historia que se coñece desta vilae, crese que foi construída por un importante persoeiro romano que, por algún motivo, escolleu esta zona para levantar aquí unha “casa de campo”, como segunda residencia ou lugar de descanso. Poderíamos comparar este tipo de casas cos Pazos galegos, aínda que as separan varios séculos no tempo. Ambas construcións, as vilae romanas e os pazos, pertencían a familias importantes, militares ou nobres, segundo o caso. En ambos casos a actividade principal destas propiedades estaba relacionada co traballo da terra e eran autosuficientes porque producían o necesario para a alimentación das persoas que habitaban e traballaban na casa e o gando.

Ben, pois esta vilae hoxe agochada baixo o solo do noso belo Val de Camba, sitúase entre os lugares de Vilamea e Outeiro, na zona coñecida como Porta de Arcos. Lamentablemente, este interesante xacemento arqueolóxico está baixo terra e pouco ou nada se pode ver se nos pasamos por alí. Apenas uns muros de pedra se distinguen entre as follateiras, uns muros que saíron á superficie cando a comezos dos anos 70 se realizaron un par de campañas de escavacións arqueolóxicas, organizadas dende o Museo de Pontevedra, co afán de descubrir o misterio que alí se atopa soterrado.

Ata ese momento os únicos que sabían do lugar eran os veciños da zona, e contan os chismes locais que mais de un se enriqueceu a conta dos tesouros desenterrados durante os séculos que a vilae leva abandonada e soterrada.Tamén se di que de alí se extraeu gran cantidade de pedra que foi parar aos muros de casas e algún pazo da zona. Pero en realidade non hai datos nin apenas escritos sobre estes feitos que pasan de boca en boca xeración tras xeración, contribuíndo a aumentar o misterio e a enriquecer a lenda que rodea a Porta de Arcos. O que si é un feito é que no entorno no que está soterrada a vilae, dedicado á actividade agraria típica do mundo rural, resulta habitual que cando os propietarios do terreo traballan o terra saen á superficie multitude de restos de cerámica e tégula.


Imaxe de arquivo das escavacións nos anos 70
Como decía, nos primeiros anos da década dos 70 realizáronse dúas campañas de escavacións arqueolóxicas nas que se descubríron os muros de varias estancias e elementos que indican que se trataba dun auténtico pazo romano con todas as comodidades, unha casa principal para os señores e as estancias anexas precisas para os traballadores, almacéns e cortes para os animais. As estancias nobres da casa tiñan pisos decorados con mosaicos, sistema de calefacción radial, os señores empregaban vaixelas de cerámica fina traída dende Italia, cristalería e xoias de ouro. Algunhas das pezas de cerámica recuperadas consérvanse no Museo de Pontevedra e ata fai pouco podíanse ver no Sexto Edifico xunto ao resto da colección arqueolóxica. Tamén no Museo Municipal de Rodeiro expóñense fragmentos de cerámica ou pezas de ferro que procederían desta vilae. Un material que nos invita a imaxinar como era a vida e o día a día dos romanos en Camba.

Oxalá algún día se chegue a escavar e poñer en valor este interesante enclave arqueolóxico, de modo que nos permita saber máis sobre a súa historia e o pasado romano do Val de Camba; cantos dos veciños de Rodeiro levaran sangue imperial correndo polas súas veas!.  Ademais, tendo en conta que se trata dunha das escasas vilaes deste tipo localizadas neste extremo da Península, a súa posta en valor suporía contar cun moi bo recurso para o concello que nos acerque a unha parte do pasado desta fermosa terra.

E este é so un dos tesouros arqueolóxicos que conservamos en terras de Rodeiro, un pequeno concello do interior galego especialmente rico neste tipo de patrimonio que irei amosando en futuros artigos e historias para este blog.



Espero as vosas opinións e comentarios! ;)

E se queredes saber máis:

- ÁLVAREZ TORRÓN. M. L. (2000). Cerámica procedente do xacemento de Porta de Arcos (Rodeiro-Pontevedra). Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Cadernos de Estudios Galegos, vol. 47, nº 12. Páx. 43-62.

- GARCÍA ALÉN, a. E FARIÑA BUSTO, F. (1973). Xacemento de Porta de Arcos (Rodeiro-Pontevedra). Museo de Pontevedra nº 27. Páx 65-68.

www.rodeiro.org/turismo/patrimonio/

No hay comentarios:

Publicar un comentario