miércoles, 14 de octubre de 2020

RUTA 4: Rodeiro ten que ver no "Camiño de Inverno".

Reza o dito que “todos os camiños levan a Roma” , dito que si o  aplicásemos á nosa terra ben podemos dicir que “todos os camiños levan a Santiago”,  pois moitas das nosas Comarcas e vilas están atravesadas por algún tramo dalgunha das históricas rutas de peregrinación a Compostela.

Sexa como sexa, en Rodeiro podemos presumir de que pola nosa terra cruzan os peregrinos que, cada ano máis, elixen a ruta do Camiño de Inverno para chegar a Santiago e á súa catedral, escenario no que repousan os restos do Apóstolo.

O Camiño de Inverno é unha ruta con moita historia e unha antiquísima orixe, avalada por numerosos estudos de investigación e recoñecida pola Lei de Patrimonio Cultural de Galicia 5/2016 do 4 de maio, lei que dedica un dos seus Títulos a os Camiño de Santiago, ó seu concepto, natureza, protección, usos,…

A nosa ruta, o Camiño de Inverno, nace en Ponferrada, dende onde se dirixe ó Val do Sil. Ela é a  alternativa do Camiño Francés que, dende a Idade Media, os peregrinos seguían para evitar subir aos altos do Cebreiro durante o frío e duro inverno. Pero a orixe deste vía de paso é aínda mais antiga, posto que fora descuberta polos romanos e, de feito, está documentada por este mesmo camiño o trazado dunha das súas famosas calzadas, neste caso secundaria, e coa que comunicaban as explotacións mineiras de ouro das Médulas coa Vía  XVIII. Co paso do tempo e  da historia, transitaron por ela outros pobos, os monxes do Císter empezaron por aquí a repoación, e as tropas napoleónicas accederon a Galicia por este camiño. Finalmente, como apunte histórico, a finais do século XIX trazouse por aquí a primeira liña de ferrocarril que comunicou Galicia coa Península.

O Camiño de Inverno, dende Ponferrada a Compostela son 9 etapas e 250 Km. Das etapas, a 6 e a 7 son as que pisan o noso concello; a etapa 6 e a de Chantada a Rodeiro; e a 7 dende Rodeiro a Á Laxe en Lalín, onde se une á Vía da Prata ata Santiago.

Seguir o tramo desta Ruta Xacobea por terras de Rodeiro permítenos coñecer e achegarnos a algúns do lugares de mais interese patrimonial natural, histórico e cultural do concello. Ademais de ser unha actividade perfecta para estes días de outono nos que o entorno natural está vestido coas cores propias da época. Entón se che parece comezamos esta bonita ruta de maneira virtual que espero sexa un aliciente para facela real… ;)

Sendeiro da Virxe.

A ruta comeza xunto á capela do Faro no punto mais alto da Serra do Faro, a fronteira natural entre Rodeiro e Chantada, ata alí soben os peregrinos do Camiño de Inverno dende Penasillás (Chantada), polo mesmo camiño que cada 8 de setembro se fai coa Virxe do Faro o día da súa festa grande: a Romaría do Faro, festa que ten a súa orixe na lenda das tres virxes irmás. Aínda que a Virxe do Faro vive todo o ano na parroquia de Requeixo (Chantada), todos en Rodeiro sentímola tamén nosa e para nos o 8 de setembro é un día de festa en familia que compartimos cos veciños de Chantada e con todos os romeiros que se achegan ese día dende todos os puntos de Galicia.

O tramo final de chegada á capela é un sendeiro empinado entre os pinos, cuberto de herba fina, suave, e flanqueado por un Vía Crucis de pedra, que os devotos fan descalzos ou de xeonllos os días da Romería coma ofrenda, é o Sendeiro da Virxe  e a lenda conta que por el pasou a Virxe e por iso non medra nel nin herbas malas nin toxos. O noso patrimonio inmaterial está cheo de crenzas populares coma esta de temática relixiosa.

Chegar ao alto do Faro vale a pena aínda que so sexa polas vistas, das que seguimos gozando seguindo a nosa ruta ladeira abaixo con destino ao Val de Camba. Camiñamos pola pista forestal ao pé dos xigantescos aeroxeneradores que dende fai anos debuxan a liña  da serra de punta a punta, sinalando a fronteira entre Rodeiro e Chantada. Por este tramo da ruta fixámonos no patrimonio natural, na paisaxe tradicional do interior galego e dunha terra que mostra as consecuencias da principal actividade económica da zona: a actividade agraria, que a divide e transforma segundo as necesidades, sempre con respeto e agarimo.

Fachada da Casa Fortaleza de Camba.

Xa en pleno Val de Camba, facemos parada no Pazo de Camba, este edificio é o corazón do Val e destas terras, un emblema da nosa historia construído en pedra na Idade Media e que foi habitado polos Churruschaos, primeiros dunha longa árbore xenealóxica que encheu de vida e de historia a Casa. Ela, a Casa de Camba, naceu como torre defensiva medieval, medrando e evolucionando a Pazo ata o século XVII. E non esquezamos fixarnos na pequena igrexa, de orixe románica, conta con algúns interesantes detalles coma un reloxo de sol no exterior e uns capiteis labrados de boa calidade no interior, ademais dun sarcófago de pedra que recorda a figura dun dos señores da Casa de Camba.

Pero sigamos andando que non temos tempo que perder!!, o camiño fainos cruzar polo Val e os seus campos, salpicado de aldeas que o enchen de vida e actividade a diario. O seguinte punto de interese co que nos chocamos está no lugar de Río, alí sobreviven os vellos Pendellos da feira, aquelas casetas de pedra cubertas que empregaban os tendeiros os días de feira para expoñer as súas mercadorías. Son moi poucas as vilas galegas que conservan este tipo de construcións populares que teñen a súa orixe na Idade Media e que enriquecen o noso patrimonio etnográfico. Eles son a memoria dos antigos mercados rurais, do bullicio dos días de feiras nas que se xuntaban os veciños dos lugares da contorna para mercar e vender, pero sobre todo eran eventos de socialización e reunión, de idas e vidas de chismes e contos, días de diversión que quedan xa moi lonxanos no tempo.

Pendellos da Feira en Río.

Despois da parada en Río, camiñamos ata Rodeiro, a capital do concello. Este é o punto no que remataría a etapa 6 do Camiño de Inverno, aínda que neste caso, despois de pararnos a coñecer a Casa do Concello e a historia do solar que ocupa, seguimos camiño ata completar o tramo  do Camiño por Rodeiro. A historia deste lugar xa a incluín no post da primeria ruta que suxeria por Rodeiro e que comezaba xusto xunto a este edificio… ahí queda a ligazón:


https://draft.blogger.com/blog/post/edit/8929301195690437752/8500817118211199694

Aínda que algúns anacos de camiño discorren por modernas pistas asfaltadas, moito faise polos vellos camiños e sendeiros  que tradicionalmente unían aldeas e lugares, camiños que teñen moitas historias que contar das xentes que os usaron a diario para ir traballar as leiras e prados, ou para ir ao zapateiro ou ó xastre que exercía o oficio noutra aldea, pero tamén para ir ás romarías, as feiras, ou as mozas, e neste caso das historias e motivos polos que os Peregrinos queren chegar a Compostela. Os vellos camiños e corredoiras teñen tanto que contar!.

Despois de camiñar un largo anaco por eses camiños, a parada final da ruta do Camiño de Inverno está no lugar de O Mesón de Pedroso, a toponímia lembranso que neste lugar se daba pousada a peregrinos e camiñantes. A aldea é en si mesma un conxunto de interese patrimonial ó que se chega cruzando a vella Ponte Medieval marcada coas típicas cunchas de vieira que se identifican cos Camiños de Santiago. Sobre este lugar tamén publiquei xa un post fai meses que podedes recordar ahora… ligazón: https://draft.blogger.com/blog/post/edit/8929301195690437752/2762290961628918926

Ben… aquí remata a viaxe virtual de hoxe por terras de Rodeiro seguindo o Camiño de Inverno que espero que resulte interesante e que anime a poñer as botas e saír a facela!!

Animáste??...

 

 

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario