martes, 27 de octubre de 2020

Pedras con historia VI.

A Casa Fortaleza de Camba é sen dúbida o edificio con máis historia do concello de Rodeiro, ela, quizais, atesoure na súa memoria centos ou miles de interesantes feitos dos que foi testigo e que nos podería contar se falase. Ó longo dos seus case seis séculos de vida acolleu, entre os seus grosos muros de pedra, a sucesivas xeracións de descendentes dunha das familias nobres máis famosas e con máis poder da Galicia medieval: os Churruchaos. De entre todos aqueles señores da Terra de Camba, de Taboada e Castro Candad, e un sinfín de territorios, cotos, comarcas, vilas ou casas que se foron agregando por medio de matrimonios e outras alianzas, e rebuscando un chisco na longa árbore xenealóxica e na historia familiar podemos descubrir os membros que destacaron pola súa vida e logros. 

En post anteriores fixen varias propostas de ruta para coñecer Rodeiro e o seu patrimonio, e en dúas desas rutas suxeridas aparece a Casa de Camba e o seu entorno como una das paradas obrigadas. 

O Pazo é o corazón do Val de Camba, é o punto no que nace a historia desta terra tal e como nos a coñecemos e tendo en conta os cambios territoriais que se levan producido nos últimos 5 séculos. O edificio conserva o seu espírito de fortaleza medieval reflectido nos seus grosos e pesado muros de pedra, diferenciándose aínda na súa estrutura a Torre, parte mais antiga do edificio. Nos séculos posteriores rebaixouse a altura da Torre e engadíronse corpos dándolle o aspecto actual dun típico Pazo galego dos séculos XVI e XVII. Pegadiño a el está a Igrexa de San Xoán de Camba, hoxe igrexa parroquial, antigamente formaba conxunto co Pazo sendo propiedade dos señores da Casa, aínda conserva o corredor polo que os señores pasaban directamente dende a casa á “tribunia” para asistir aos oficios relixiosos.

Pois ben, dando unha volta arredor da igrexa, dámonos de fronte cunha curiosa peza de pedra que malvive no esquecemento e no abandono arrimada ao muro da igrexa no seu lateral mais sombrío. Un lugar triste para unha peza que recorda a un deses membros da familia que destacaron pola súa vida e logros: D. Fernando de Camba, alcumado “O Vello”

Trátase dun sartego labrado en pedra, no que nalgún momento descasaron os restos deste Señor. O falecemento de D. Fernando dátase nos primeiros anos do século XVI, pero antes do seu pasamento tivo unha vida intensa na que destacan os seu logros militares, foi capitán das tropas mandadas polos Reis Católicos na Guerra de Granada, polo que recibiu o titulo de Marqués (creo lembrar que era ese o título concedido polos Reis Católicos), e noutro pasaxe da súa vida foi prisioneiro de Pedro Madruga. Pedro Álvarez,  da Casa dos Soutomair, personaxe histórico rodeado de lendas e contos, destacou pola súa labor nas batallas dos Irmandiños e defendendo a causa de Juana la Beltraneja como sucesora de Enrique IV no trono de Castela, en contra de Isabel e Fernando, os Reis Católicos.

Imaxe do sartego de fai xa uns anos.

O sartego, xa moi erosionado, está colocado de perfil e o lateral que temos á vista está decorado con diferentes motivos que semellan desordenados e pouco coidados, como os debuxos que calquera neno pode facer nunha folla en branco. Aínda así, podemos entender que o tema decorativo é bélico: nunha esquina dous cabaleiros enfrontados, varias armas, unha figura humana e un castelo, motivos que falan da orixe nobre e do oficio de cabaleiro e capitán de exercito do señor que repousou nel. Se observamos a tapa, nela apreciamos unha inscripción e dedúcese que o sartego foi profanado nalgún momento da historia, a tapa foi levantada, dise que buscando a armadura de ouro do Cabaleiro.

Imaxe antiga do sartego na que podemos ver claramente os debuxos. Fonte: www.xenealoxiasdoortegal.net

 


Esta peza arqueolóxica é un ben do noso patrimonio material, un documento histórico que lembra a figura dun membro destacado da historia da terra de Camba, por iso meréce o respeto de todos nós, un respeto e un recoñecemento que a día de hoxe non está recibindo. 

Cabe dar un tirón de orellas a quen corresponda, xa é hora de facer algo e poñer remedio á triste situación na que está o sartego e darlle o valor que se merece e un lugar digno no que seguir vendo pasar a historia. Entre as posibles solucións: a musealización da peza in situ, con medios que a protexan, conserven e interpreten, ou o seu traslado as dependencias do Museo Municipal contribuíndo a mellorar e enriquecer a exposición.

2 comentarios:

  1. Supoño que coñeces sobradamente a Luis Fernando, asi que non hai nada mais que dicir, salvo darche os meus parabens...Vou ver se podo facer unha ligazon co meu de Agolada, a ver se son quen, porque resulta mais que interesante ter puntos e intereses comuns a compartir....Moitas grazas.

    ResponderEliminar
  2. Si compartes o artigo ou "ligas" os blogs por min xenial!!!...
    Moitisimas grazas!
    Saúdos!!

    ResponderEliminar