En todas as casas
de aldea podemos atopar moreas de obxectos que perderon a súa función tradicional e actualmente poden pasar a ser pezas de museo
porque nelas se consérva a memoria dalgunha vella tradición perdidas no tempo ou son o reflexo de como mudaron a vida e o traballo no rural.
Estas semanas que non se pode sair polo confinamento temos mais tempo para remexer pola casa e fixeime nas nosas vellas leiteiras ou bidóns de leite. Na casa conservamos varios deles como auténticos tesouros. Fai décadas que se
empregaban para almacenar o leite das vacas, á espera de que pasase o leiteiro a recollelo, antes
de que chegaran os modernos tanques de frío nos que agora conservamos o leite a
baixa temperatura ata a recollida.
Estes bidóns son
os herdeiros das antigas leiteiras de latón que había en todas as casas de aldea para
transportar o leite. Aquelas leiteiras eran de menor tamaño porque tamén a
produción de leite era menor, apenas se producía para o consumo. O leite era,
xunto coa fariña ou as patacas, unha das materias primas que estaban na base da
dieta diaria das xentes da aldea; leite mazado, queixo e requeixo, patacas con
leite ou papas de fariña e leite … , eran pratos moi comúns nos menús diarios.
Co paso do tempo foron
aumentando as explotacións, pasouse de ter daquelas vacas rubias grandes e
fortes que se empregaban para o traballo e daban tenrreiros para vender, a ter vacas frisonas, chamadas familiarmente
“negras”, para a produción de leite. Tamén a miña familia fixo o cambio de rubias a negras, e mesmo podo dicir que me fixen maior ó mesmo tempo que foi medrando a gandaría
familiar, aínda así a nosa segue sendo unha pequena explotación.
E chegaron as
empresas compradoras de leite e con elas estes bidóns de maior tamaño nos que
almacenar máis cantidade. Eles, os bidóns, recórdannos os comezos da industrialización da
produción leiteira en Galicia, a cando se comezou a venderllo a empresas como
Larsa ou Danone, de feito no pescozo do bidón está gravado o nome da empresa
que che recollía o leite. Moitas veces
oín contar na casa como o poder económico das familias doutros tempos se media
pola cantidade de vacas rubias que tiñan, mais tarde cando se cambiaron polas “negras” e se
comezou a vender o leite, e o sistema de medición de riqueza era a cantidade de
bidóns que tiña a familia. O feito de cambiar á producción de leite e aumentar o número de vacas da casa tamén provocou outros cambios, por exemplo en canto ó aproveitamente da terra para a obtención de mais forraxes para a alimentación dos animais. O progreso chegou e xa foi imparable.
Pero voltando as leiteiras, hoxe, estes
vellos bidóns que perderon o seu uso substituídos polos modernos tanques de
frío, son pezas de coleccionismo moi cotizadas que se usan sobre todo para
decoración de interiores, covertendoos en paragüeiros de deseño ou maceteiros.
Eu prefiro seguir mirando mais aló da súa actual función decorativa, e ver neles esas pezas a catalogar no noso patrimonio etnográfico porque son testiño dos comezos dunha nova época, da chegada do progreso para unhas das actividades que sosteñen a vida do rural galego dende hai décadas: a produción de leite. E recordan como moitas familias levan intentando vivir do traballo da terra e do leite xeración tras xeración, loitando contra un sistema que segue a explotalos e presionalos xeración tras xeración.
Cada día cerran en Galicia varias pequenas explotación leiteiras, pero nas súas casas, de seguro, conservarán algúns destes bidóns que lles seguiran recordaran cada día o seu pasado, os seus comezos e o esforzo para sobrevivir dentro dun sector e dun sistema que se ceba co pequeno productor ata afogalo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario