“Un Museo é unha institución sen fins de lucro,
permanente, ó servizo da sociedade e do seu desenvolvemento, aberta ó público,
que adquire, conserva, investiga, comunica e expón o patrimonio material e
inmaterial da humanidade e do seu medio ambiente con fins educativos, de estudo
e recreo”:
Definición recollida nos estatutos do ICOM, aprobados pola 22ª Asemblea Xeral en Viena (Austria), o 22 de agosto de 2007.
Definición recollida nos estatutos do ICOM, aprobados pola 22ª Asemblea Xeral en Viena (Austria), o 22 de agosto de 2007.
Esta é a definición
de museo que hoxe serve como referente para toda a comunidade museistica
internacional. Pero tiveron que pasar séculos de historia para que chegásemos a
este punto.
A afición de certas persoas por reunir ou xuntar pezas de
máis ou menos interese ou valor artístico xa se daba dende moi antigo. Os
antigos exipcios xa enterraban xunto a faraóns auténticas coleccións de pezas
de incalculable valor artístico. E así ó longo da historia foron moitos os que tiveron gusto polo coleccionismo,
unha afición máis propia das clases altas, con poder económico e boa situación
social, caso de importantes familias italianas como os Médicis. Durante séculos
a arte estaba en mans privadas e reservada a uns poucos, moi lonxe da sociedade
e do pobo.
Foi a finais do século XVIII, en concreto en 1793, cando
se produce un acontecemento que supón un punto de inflexión: a apertura do
primeiro museo nacional público, o Museo da República en París, hoxe o Museo do
Louvre. A partir deste momento a xente do pobo ten acceso a algo que lle estaba
vetado, empezan a sentirse mais próxima á arte, a interesarse e disfrutar deste
mundo.
A creación e apertura de museos expándese rapidamente por
toda Europa, con todo o que iso conleva. Nacen organismos, estudos, teorías e ciencias
que traballan sobre os museos e as súas exposicións como algo vivo que nunca
deixa de evolucionar, sempre na procura de achegalos á xente e de propoñelos
como lugares perfectos nos que investir o noso tempo de lecer.
Así, pouco a pouco, e con moito traballo por parte dos
profesionais dos museos chegamos ao punto no que a definición do comezo deste
post ten sentido. Hoxe si podemos dicir que os museos están ó servizo da
sociedade en xeral e non so duns poucos. Eles, os museos, son os encargados de
conservar e de protexer os nosos bens máis prezados, o noso patrimonio, aqueles
que nos ensinan sobre a nosa historia e que nos permiten coñecer máis sobre a
nosa cultura ou as tradicións que nos definen como sociedade.
Actualmente existen unha ampla gama de tipoloxías de
museos, sobre calquera tema que te poidas imaxinar. Ademais hai unha gran
cantidade de profesionais que se encargan de experimentar continuamente en innovadoras
técnicas e materiais para crear exposicións cada vez máis atractivas para o
público, máis adaptadas a todos e integrando cada día máis as novas tecnoloxías.
Aínda que, na miña opinión, sobre o uso das movas tecnoloxías, si ben é certo
que ofrecen moitas posibilidades, tamén penso que moitas veces se roza o abuso
e fan que as exposicións resulten máis frías ou insensibles, estamos chegando a
un punto no que existen centros expositivos ou interpretativos nos que non
vemos nin unha soa peza ou obxecto, so pantallas e proxeccións, que non me
gustan nada!!:(
E volvendo ó tema e para rematalo, cada ano o 18 de maio
celébrase o día dos Museos. Neses días previos e nos posteriores, nos museos faise
un esforzo maior para enchelos de vida e actividades diferentes para a ocasión
coas que se pretende abrilos aínda máis ó público.
No hay comentarios:
Publicar un comentario