O nome co que identificamos un lugar, vila, ou territorio, ten a súa orixe nunha mestura de elementos tales como a súa morfoloxía na que destaque unha característica xeográfica especial, un feito histórico, un oficio que tivo un especial protagonismo, etc. Esta suma de elementos e o paso do tempo fai que sexa moi complicado atopar o momento exacto ou a causa concreta que deu nome a un anaco de territorio. Existen hipóteses, estudos, mesmo lendas transmitidas de xeración en xeración coas que se trata de dar unha explicación ou un motivo, pero xamais teremos a certeza de que esa sexa a realidade da historia ou razón de ser dun topónimo.
E se nos
centramos nun topónimo en concreto?... neste artigo quero facer unha breve
análise ou reflexión dalgúns dos
elementos que, mesturados, nos poidan dar unha idea da orixe do nome do concello
de Rodeiro, o meu concello.
Comezamos polo
principio e polo máis básico, a análise etimolóxica da palabra Rodeiro. É un
termo que une ó substantivo latino “Roda” e o sufixo -eiro, e xuntos dan nome
ao camiño que os antigos carros e carretas ían deixando tras de si ao seu paso,
un camiño que quedaba marcado no terreo polas rodas ou cambas.
![]() |
Escudo da Casa de Camba coas rodas ou cambas. |
E se seguimos cunhas
notas históricas??. Para eso viaxamos ao século XIII, cando nestas terras habitaba e gobernaba
unha daquelas familias de nobre liñaxe de apelido Rodeiro, e que de veciños
tiñan os Camba. Non teño constancia de onde proviña esta familia ou como
chegaron a gobernar, pois as raíces mais fondas da historia dos nobres da Idade
Media perdeuse no tempo. O que si temos mais ou menos documentado son detalles
como que eles serían os que levantaron a desaparecida Fortaleza de Rodeiro que
ocupaba o solar da actual Casa do Concello, que non por casualidade ten esa
aparencia de pequena fortaleza rematada en ameas. Os Rodeiro e os Camba foron
veciños, compartiron poder, goberno e tamén parentesco pois non é de estrañar
que dúas familias da mesma clase social tan próximas emparentaran nalgún
momento por matrimonio entre membros de ambas casas. Pero compartiron algo máis
interesante para o tema que nos ocupa: estas dúas liñaxes familiares presentan como
os seus símbolos en escudos e blasóns rodas de carro ou carreta, as mesmas rodas
que deixaban nos camiños as súas marcas ou “rodeiros”.
Os escudos e blasóns dos Camba e dos Rodeiro aparecen en diferentes publicacións e estudos sobre heráldica dos que se poden obter algúns datos interesantes. Por exemplo, fálase dun escudo moito mais antigo, no que se representa un home armado erguendo unha espada, doce castelos e dous homes mais ensanguentados, e que faría referencia á fundación do castelo de Castro Candad, lugar nas veciñas terras de Chantada e hoxe asolagado polas augas do Embalse de Belesar. Ata Castro Candad chégase rastrexando as raíces mais antigas que se coñecen dos Camba, un promontorio no que conviven o pasado de dúas épocas e dúas cultura: un asentamento castrexo e outro posterior medieval. Para seguir liando o conto neste punto compre facer un apuntamento máis; a palabra "Camba" parece ser que é de orixe Celta e estaría relacionada coa idea de forma curva, como curvas son as pezas que dan forma as rodas do carro. Tamén podemos saber que o carro como símbolo en heráldica representa a vitoria e o triunfo, e que as rodas dos carros ou cambas é unha figura que se relaciona co oficio dos arrieiros quenes empregaban carretas tiradas por bois para desempeñalo, deixando ao seu paso pegadas en forma de rodeiros polos camiños.
O topónimo do
noso concello non o temos en exclusiva senón que atopamos outros lugares e
vilas do mesmo nome espallados por toda Galicia, en Oza – Cesuras, en Avión ou
nas Neves, ademais de dar nome a algunhas rúas en vilas e cidades galegas. Pero
o dato mais curioso é que ao outro lado
do Atlántico exista un municipio co que compartimos topónimo no estado de Minas
Gerais en Brasil, quizais algún cambote do pasado formaran parte dunha
tripulación que arribou nesas terras deixando a súa pegada en forma de topónimo.
Sexa como sexa,
podemos seguir investigando, especulando e teorizando, pero a realidade é que
non podemos saber con seguridade cando, como ou quen decidiu o nome do noso
concello. Os motivos e razóns que o fixeron posible perdéronse no tempo, hoxe
sería moi complicado asegurar que esta terra tomou o seu nome daquela familia
que a gobernou, ou sería esa familia quen tomou como apelido o nome desta
terra??. Ou... porqué tanto os Rodeiro como os Camba adoptaron como
símbolos as rodas ou cambas do carro??.
O que é evidente é que o topónimo Rodeiro está ligado á nosa historia, ó noso pasado é un elemento mais do noso valioso patrimonio cultural e que nos da unha identidade propia.
E como non
hai “Rodeiro” sen roda, aquela roda de carro que os Rodeiro e os Camba tomaron
como elemento que identificara as súas liñaxes no campo de batalla e nos edificios
que habitaron e promoveron, segue sendo a día de hoxe un símbolo que nos
identifica como concello e como pobo. Un símbolo que conecta o noso pasado co
noso presente, e que sen dúbida seguira identificándonos no futuro.
¡Qué interesante!!! Siempre me llamó la atención la toponimia. Sigue con otros, por favor.
ResponderEliminarSiii...é moi interesante analizar os nomes dos lugares, sempre saen datos e cousas curiosas!
ResponderEliminarGracias polo comentario!! 😊