martes, 16 de febrero de 2021

Un par de zocos.

"Un par de Bota", Van Gogh.

En 1.886 Vincent Van Gogh  pintaba unha serie de cadros no que o tema eran botas ou zapatos usados. Naqueles anos Vincent vivía nunha zona mineira e labrega á que foi destinado como Pastor e onde comezou a súa carreira artística. El proviña dunha familia acomodada na que non lle faltaba de nada, e alí naquela aldea coñeceu a miseria e a pobreza na que vivían aquelas xentes que o deixouno profundamente marcado. Adoptouse á súa nova situación, tentou axudar en todo os seus fregueses  vivindo como eles o facían e rexeitando as comodidades propias do seu estatus.

Consérvanse deses anos da súa vida unha chea de debuxos e algúns cadros; detalles de rostros, mans, os brazos dos labregos cos que comparte días e traballo, ou obxectos de uso cotiá. Así é como depura a súa técnica como debuxante e capta a vida que o rodea. El atreveuse a mirar á vida de verdade, elevando aquelo que o rodeaba a algo digno de ser captado nun cadro, converténdoo en Arte.

Entre eles está este cadro : “Un par de botas”.  A imaxe é sinxela pero moi simbólica. Un par de vellas botas negras usadas, moi usadas, totalmente desgastadas. O cadro levantou un profundo debate entre os críticos, nunha época na que non era o “normal” pintar un obxecto persoal e menos un obxecto vello, feo, aparentemente sen valor.  Pero estas botas son moito mais, son a representación da realidade que Vincent tiña diante del, e da vida da persoa que as levou nos seus pes ata acabalas, representan o cotiá, os sufrimentos e as alegrías de quen as calzou.

Pois ben, se Van Gogh fose galego ou pasase aquela primeira época como artista en Galicia, no noso rural e rodeado de labregos, ese par de botas serian “Un par de zocos”, o calzado que se empregou durante décadas.

Hoxe en día son moi poucas as persoas que seguen empregando os zocos a diario como antigamente. Os zocos eran o calzado máis adecuado para camiñar pola terra, polos camiños e carreiros, para traballar no monte e nas leiras. Feitos de madeira e coiro, eran resistentes e protexían os pes da auga e o frío.

En moitas casas do rural seguro que se remexemos un pouco podemos atopar por algún recanto un par de zocos vellos e desgastados, como as botas que Van Gogh pintou. Un par de zocos que quedaron esquecidos nun recanto descansando das longas xornadas de traballo do pasado, e que gardan na memoria o trazado dos camiños andados, da terra pola que pisaron e da vida da persoa que os usou ata desgastalos.

Os zocos, non solo son un tipo de calzado, son un dos nosos símbolos. Representan o rural e ás labregas e labregos que xeración tras xeración se esforzaron e traballaron duro día a día para sacar as súas familias adiante e ter unha vida mellor. Pero tamén representan un oficio, o do zoqueiro, que os fabricaba por encarga de maneira totalmente manual.

O de zoqueiro foi un daqueles oficios tradicionais xa perdidos habituais, en moitas aldeas había algúns veciños que os exercían polo que era común que houbese carpinteiro, un ferreiro, un zoqueiro ou un xastre que elaboraban prendas, ferramentas ou os apeiros necesarios para o día a día dos veciños.  

Finalmente, os zocos son tradición, cultura e patrimonio.

Zoqueiro na feira de Lalin. Ruth Matilda Anderson

Actualmente séguense facendo zocos, seguindo mais ou menos as técnicas tradicionais, pero dándolles unha imaxe mais actual o incorporar novos materiais e cores. Aínda que hoxe non son o calzado para o traballo na aldea, son unha prenda de moda. Os zocos xa non deixan as súas pegadas nos vellos camiños, senón que dan paseos polas nosas vilas e mesmo pisan firmes e seguros por algunha pasarela de moda.

 



No hay comentarios:

Publicar un comentario