lunes, 29 de julio de 2019

Ao muíño do meu amo...

eu ben lle sei o tempero,
cando está alto, báixalo,
cando está baixo, érguelo.

Na Galicia rural de mediados do século XX era moi común nas nosas aldeas que algúns dos veciños exerceran un oficio, como o de ferreiro, carpinteiro, zoqueiro, xastre ou muiñeiro, entre outros. Actividades que foron desaparecendo co paso do tempo e coa chegada da modernidade.

Daquela era necesario fabricar moitos artigos de primeira necesidade de maneira artesanal, un feito provocado pola escaseza de medios económicos ou por que non había comercios onde adquirilos. Así era habitual que se fabricasen dende o calzado ata ferramentas ou mobles. Tamén, polas ganancias económicas que reportaba, era unha actividade mais coa que contribuir á subsistencia familiar.

Hoxe os que chamamos “oficios tradicionais” podemos recordalos e coñecelos por varios medios. Un deles é a tradición oral, se escoitamos as historias que contan os nosos maiores, soen falar de cando ían a tal aldea onda o zapateiro ou a tal outra ó ferreiro, ó xastre. Aínda hoxe se repasamos os nomes das casas ou familias das nosas aldeas seguro que moitas delas se coñecen como a do Ferreiro, no caso da miña, a do Xastre, a do Muiñeiro, etc...seguro que entre os nosos antergos tivemos algún que practicou ese oficio. Un segundo medio para coñecer esta tradición son os museos etnográficos, non que sempre hai unha sección dedicada a este tema, ou a gran cantidade de publicacións que existen sobre eles.

Pero ben, o que quería neste post é seguir achegándome á vida e á historia dese ben do que xa publiquei varios post e que aglutina tanta tradición e historia: os muíños, e a súa relación cos oficios tradicionais. 

Nun muíño podemos ver, se observamos, o traballo de varios oficios: canteiros, carpinteiros ou ferreiros traballan xuntos para dar forma e vida a estas pequenas casetas con tanta personalidade. Os canteiros levantarían as paredes, os carpinteiros colocarían as cubertas, pero ademais ambos profesionais colaboraban na fabricación das pezas máis esencias dun muíño. Así será un canteiro o que dese forma ás grandes moas que esmiuzan o gran, e un carpinteiro faría as pezas en madeira como a moega, ou unha artesa, por exemplo.

Unha vez levantado e posto a punto para comezar a seu traballo so queda que tome posesión do seu cargo o Muiñeiro.

O muiñeiro é o profesional que comporte traballo pero tamén vida co muíño. Pasan tanto tempo xuntos que pronto se fan amigos e confidentes. O muiñeiro sabe ben cales son os mimos e coidados que o seu amigo e compañeiro precisa para render no traballo sen facerse dano, por iso cada día trata de mantelo en perfecto estado. Escoitando os ruidos que fai o muíño pode saber se ten que engrasar ou reparar algúnha peza.  

E non todo é traballo!. Estes dous compañeiros reciben cada día a aqueles que acoden a eles a transformar o gran en fariña, compartindo tempo, contos, ou bailes cos visitantes que se xuntan o seu redor facendo da espera un momento de festa. Non podemos esquecer que os galegos e galegas de antano tiñan esa capacidade especial de converter os momentos de traballo en divertidas reunións nas que non faltaban a música da pandeireta, a gaita e os cantos. Esto fixo que arredor do traballo de muíño e do muiñeiro se xerase unha morea de ditos, refráns ou cantos populares, que son parte do noso patrimonio inmaterial, enriquecendo con eles a nosa tradición e cultura. Pero esa parte queda para outro momento! ;)

O imparable avance da industrialización, a chegada de novos avances, a aparición de grandes fábricas de fariña ou os cambios na economía, tiveron como consecuencia que se fixera innecesario manter os muíños rurais en funcionamento. E como un non ten sentido sen o outro, tamén o oficio do muiñeiro deixou de ter sentido.

Muíño e muíñeiro xa solo son un recordo do pasado que se mantén vivo nos restos abandonados desas casetas a carón dos ríos ou nos escasos muíños tradicionais que seguen en activo hoxe en día.


No hay comentarios:

Publicar un comentario