En pleno Val de Camba, no concello de Rodeiro, ocúltase
un tesouro arqueolóxico de gran valor histórico: unha auténtica Vilae Romana do
século II d.c.
Segundo o pouco da historia que se coñece desta vilae,
crese que foi construída por un importante persoeiro romano que, por algún
motivo, escolleu esta zona para levantar aquí unha “casa de campo”, como
segunda residencia ou lugar de descanso. Poderíamos comparar este tipo de casas
cos Pazos galegos, aínda que as separan varios séculos no tempo. Ambas
construcións, as vilae romanas e os pazos, pertencían a familias importantes,
militares ou nobres, segundo o caso. En ambos casos a actividade principal
destas propiedades estaba relacionada co traballo da terra e eran autosuficientes
porque producían o necesario para a alimentación das persoas que habitaban e
traballaban na casa e o gando.
Ben, pois esta vilae hoxe agochada baixo o solo do noso
belo Val de Camba, sitúase entre os lugares de Vilamea e Outeiro, na zona coñecida
como Porta de Arcos. Lamentablemente, este interesante xacemento arqueolóxico
está baixo terra e pouco ou nada se pode ver se nos pasamos por alí. Apenas uns
muros de pedra se distinguen entre as follateiras, uns muros que saíron á
superficie cando a comezos dos anos 70 se realizaron un par de campañas de escavacións
arqueolóxicas, organizadas dende o Museo de Pontevedra, co afán de descubrir o
misterio que alí se atopa soterrado.
Ata ese momento os únicos que sabían do lugar eran os
veciños da zona, e contan os chismes locais que mais de un se enriqueceu a
conta dos tesouros desenterrados durante os séculos que a vilae leva abandonada
e soterrada.Tamén se di que de alí se extraeu gran cantidade de pedra que foi
parar aos muros de casas e algún pazo da zona. Pero en realidade non hai datos
nin apenas escritos sobre estes feitos que pasan de boca en boca xeración tras
xeración, contribuíndo a aumentar o misterio e a enriquecer a lenda que rodea a
Porta de Arcos. O que si é un feito é que no entorno no que está soterrada a
vilae, dedicado á actividade agraria típica do mundo rural, resulta habitual
que cando os propietarios do terreo traballan o terra saen á superficie multitude
de restos de cerámica e tégula.
Imaxe de arquivo das escavacións nos anos 70 |
Como decía, nos primeiros anos da década dos 70
realizáronse dúas campañas de escavacións arqueolóxicas nas que se descubríron
os muros de varias estancias e elementos que indican que se trataba dun auténtico
pazo romano con todas as comodidades, unha casa principal para os señores e as
estancias anexas precisas para os traballadores, almacéns e cortes para os
animais. As estancias nobres da casa tiñan pisos decorados con mosaicos,
sistema de calefacción radial, os señores empregaban vaixelas de cerámica fina
traída dende Italia, cristalería e xoias de ouro. Algunhas das pezas de cerámica
recuperadas consérvanse no Museo de Pontevedra e ata fai pouco podíanse ver no
Sexto Edifico xunto ao resto da colección arqueolóxica. Tamén no Museo
Municipal de Rodeiro expóñense fragmentos de cerámica ou pezas de ferro que
procederían desta vilae. Un material que nos invita a imaxinar como era a vida
e o día a día dos romanos en Camba.
Oxalá algún día se chegue a escavar e poñer en valor este
interesante enclave arqueolóxico, de modo que nos permita saber máis sobre a
súa historia e o pasado romano do Val de Camba; cantos dos veciños de Rodeiro
levaran sangue imperial correndo polas súas veas!. Ademais, tendo en conta que se trata dunha das
escasas vilaes deste tipo localizadas neste extremo da Península, a súa posta
en valor suporía contar cun moi bo recurso para o concello que nos acerque a
unha parte do pasado desta fermosa terra.
E este é so un dos tesouros arqueolóxicos que conservamos
en terras de Rodeiro, un pequeno concello do interior galego especialmente rico
neste tipo de patrimonio que irei amosando en futuros artigos e historias para
este blog.
Espero as vosas opinións e comentarios! ;)
E se queredes saber máis:
- ÁLVAREZ TORRÓN. M. L. (2000). Cerámica procedente do xacemento de Porta de Arcos (Rodeiro-Pontevedra). Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Cadernos de Estudios Galegos, vol. 47, nº 12. Páx. 43-62.
- GARCÍA ALÉN, a. E FARIÑA BUSTO, F. (1973). Xacemento de Porta de Arcos (Rodeiro-Pontevedra). Museo de Pontevedra nº 27. Páx 65-68.
www.rodeiro.org/turismo/patrimonio/
E se queredes saber máis:
- ÁLVAREZ TORRÓN. M. L. (2000). Cerámica procedente do xacemento de Porta de Arcos (Rodeiro-Pontevedra). Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Cadernos de Estudios Galegos, vol. 47, nº 12. Páx. 43-62.
- GARCÍA ALÉN, a. E FARIÑA BUSTO, F. (1973). Xacemento de Porta de Arcos (Rodeiro-Pontevedra). Museo de Pontevedra nº 27. Páx 65-68.
www.rodeiro.org/turismo/patrimonio/