![]() |
| Palco na Parroquia de Piedrafita, no Concello de Chantada |
Sobre varios
destes elementos patrimoniais xa escribín
e contei en anteriores artigos, pero hai un elemento sobre o que aínda
non tratara: o PALCO DE MÚSICA.
Descoñezo a época
e o lugar onde está a orixe dos palcos, pero sei que ademais de en Galicia
tamén se atopan no Reino Unido con máis dun século de antigüidade. Aquí, na
nosa comunidade os máis antigos dátanse nas primeiras décadas do século XX e
así quedou recollido nun informe da Dirección Xeral de Patrimonio publicado en
1985. Cabe destacar que estes palcos máis antigos e recollidos no citado
catálogo se atópanse ocupando espazos públicos en vilas e cidades, como o da
Alameda compostelá.
Pero do que a min
me interesa neste post e mirar e contar dos palcos nos espazos rurais, daqueles
que levan décadas convivindo cos veciños e veciñas das pequenas parroquias do
rural, levantados para acoller a grupos,
bandas e orquestras que enchían de música os días das festas patronais.
Construcións sinxelas de estética modesta, consistente nunha plataforma de base
rectangular, con acceso de chanzos e cuberta, unha sorte de escenario pensado
para as actuacións musicais. Ao longo do tempo, e da súa vida, tamén se
diversificaron as actividades a realizar nos palcos, dende representacións
teatrais ata celebracións relixiosas, sendo, aínda hoxe, en moitas das parroquias
galegas un espazo de reunión e de convivencia, que contribúe á dinamizar a vida
e a cultura.
Os palcos son
testigos calados do paso do tempo, de historias e relatos de vida das
comunidades rurais. En torno a eles tiveron lugar as celebracións das festas
patronais das centos de parroquias galegas durante décadas, acollendo aos
músicos das orquestra ou grupos de gaiteiros. Días nos que veciños, familias e
amigos se xuntan para verse, celebrar e compartir recordos e lembranzas de
tempos pasados. Pero a verbena galega é un evento vivo que foi mudando ao longo
do tempo, as orquestras demandan máis espazo nos campos da festa para
despregarse e os palcos deixaron de ser útiles, en moitos lugares transformáronse ou mesmo foron
eliminados. Neste sentido, os palcos falan da evolución da verbena aparellada ó
desenrolo económico da sociedade rural.
A Portela - Rodeiro
Son moitos son os
recordos que atesouramos arredor dos nosos palcos, lugar de encontro, de xogos de
nenos, onde abrigarse cando chove e de
sombra cando fai sol. Acolleron tradicións xa perdidas como as típicas poxas de
pezas de carne curada, plantas,...doadas polos mesmos veciños para obter cartos
para a festa, ou o relevo entre os ramistas saíntes e os do ano seguinte. Os
que se conservan sobreviven, en moitos casos, a duras penas, esquecidos, de
costas as verbenas actuais ou reempregados para outros fins que nada teñen que
ver coa súa función orixinal.
Dende fai un par
anos existe un proxecto denominado como Proxecto
Palcos, impulsado dende o Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT)
e dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), que ten
como finalidade protexer e conservar a memoria destas construcións totalmente integradas na opaisaxe rural galela. O método
empregado é facer un mapeo dos palcos que se atopan espallados por todo o
territorio galego, é un proxecto aberto á colaboración de todas e todos. No mapa interactivo podemos sinalar onde se atopa o ben e ademais
podemos aportar fotos, textos, información de todo tipo que contribúa a
documentar a historia de palco.
link: https://palcos.gal/o-proxecto/
O Proxecto Palcos
é unha magnífica iniciativa coa que deixar constancia da existencia e da historia dun elemento, un
ben do noso patrimonio, que corre risco de perderse, moitos xa non están
máis ca no recordo duns poucos. Noutros casos, os veciños estamos á espera do
que sucederá co que queda deles. Miremos para eles, démoslles o valor e
recoñecemento que merecen, fagamos o posible pola súa conservación.
.jpg)